Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/10/25

Proxecto Neo 467.15: Radio Saúde Burela - Adicción aos móbiles

 

Temos o primeiro programa especial Radio Saúde Burela desta temporada. 

Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día, A Pílula das ciencias e O corpo fala, unha nova sección sobre hixiene postural. Finalmente, emitimos A Palabra do mes, unha colaboración mensual coa RAG.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado á nomofobia, o medo a estar sen o móbil.

Conversamos con Ainara Díaz Geada, enfermeira, doutora en Saúde Pública e Epidemioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde traballa como docente. As súas investigacións céntranse na influencia das desigualdades en saúde nos comportamentos de risco para a saúde das persoas mozas, como o consumo de alcol. Con ela falamos sobre o fenómeno da nomofobia, os problemas de saúde cos que se relaciona o uso intensivo dos móbiles e a súa asociación con outras condutas de risco. Ademais informaranos dos resultados do estudo SEGcohort do que é coordinadora. 

Tivemos tamén con nós a Maite Lanza Méndez, traballadora social da Unidade Asistencial de Drogodependencia de Burela. Tamén forma parte do grupo de traballo de Saúde Mental do Colexio de Traballo Social de Galicia, participa na Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención e no Consello Local da Infancia do Concello de Burela. Con ela conversamos sobre as principais adiccións que detecta no seu traballo e sobre que condutas de risco constata a través dos ordenadores ou dos dispositivos móbiles.











Sem comentários:

Enviar um comentário