Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/11/23

Proxecto Neo, 400.13: Albano González Cancio; Laura López González; Djenifer de Brito Semedo


Na tarde do día 29 de novembro de 2023 chegamos ao programa 400. Celebrámolo con conversas centradas en experiencias de educación inclusiva. Na primeira entrega, Ineida Moreno falou con Albano González Cancio, que nos atendeu en cualidade de profesor de Historia da Arte, de Director da Banda Musical Dambara e de dinamizador cultural e intercultural de prolongada traxectoria.
Unha entrevista recomendada para persoal docente, para as familias e para traballar nas aulas do ensino secundario; mais tamén unha entrevista con moita utilidade para o estudantado das facultades de Ciencias de Educación e dos Mestrados orientados para a docencia.
Na segunda entrega, os protagonistas foron Bernardo Penabade, o entrevistador, e Laura López González, entrevistada: a profesora Orientadora do Instituto Perdouro.
Nos minutos finais, a profesora Vanesa Vila-Verde conversou con Djenifer de Brito Semedo, a primeira estudante cabo-verdiana que mantivo colaboración con estabilidade no noso programa.

Foto de familia do programa nº 400. A reportaxe gráfica foi realizada por Lucía Rivas.

22/11/23

Proxecto Neo, 399.13: Lucho Penabade Outeiro; Miguel Rodríguez; Antia Cortiças


A compañía teatral Os Quinquilláns cumpre vinte e cinco anos en activo. Nós celebramos tan extraordinaria efeméride cunha conversa con Lucho Penabade Outeiro. Lenise Sofia Lopes Martíns ocupouse de conducir o diálogo.Con Miguel Rodríguez, coordinador do funcionamento da biblioteca do Perdouro, falamos sobre unha actividade organizada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional: as visitas científicas, artísticas e literarias.
Nos minutos finais, a protagonista foi Antia Cortiças Leira, que nos falou sobre o programa PIALE que levou a Portugal unha vintena de docentes de Galiza durante un mes.
 
Teru Rodríguez e Lucho Penabade durante unha representación teatral d'OS Quinquilláns.

15/11/23

Proxecto Neo, 398.13: Alexandra Alonso; Izan Domínguez e Laura A. Fernández; Serxio Gómez Couto


Alexandra Alonso entrou para a Masa Coral Modelo Burela cando tiña entre 12 e 13 anos e estaba cursando 2º de ESO. Despois permaneceu neste grupo de traballo semana a semana durante cinco anos máis. Todo un exemplo de constancia e dedicación.

Agora retornou activamente ao estudio para falarnos das súas primeiras prácticas docentes oficiais, que realiza en Burela coa dirección da Faculdade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Na segunda parte do programa fixemos crónica dunha saída educativa polas terras da Mancha e Andalucía. Laura A. Fernández e Izan Domínguez faláronnos do programa das Rutas Científicas e con eles viaxamos a Ruidera, ás covas de Montesinos, a Almagro, Bailén, Córdoba e Málaga.

Xa contra o final, Serxio Gómez Couto -hoxe en representación da Asociación Dambara- presentounos o programa da FESTA da MÚSICA, que reunirá o próximo día 25 de novembro en Burela un total de DE-ZA-SE-TE entidades musicais.
 
 

08/11/23

Proxecto Neo, 397.13: Lenise Sofia Lopes Martins; Javier Castrillón González-Redondo


Entramos na primeira entrevista coa música da Filipa Pais. A convidada: Lenise Sofía Lopes Martins, estudante do Instituto Monte Castelo e Premio Erasmus +. Con ela falamos da Escola Secundaria Salineiro, na Illa de Santiago en Cabo Verde; e falamos tamén dos ciclos de Auxiliar de Coidados e do de Química e Saúde Ambiental.
Con Javier Castrillón González-Redondo tíñamos previsto falar da súa experiencia no grupo INDITEX. Mais esa só a previsión. Na verdade abordamos moitos outros temas.
O convite para a audición está feito!

01/11/23

Proxecto Neo, 396.13: Noé Vázquez García; Ana Ojea Alonso


Noé Vázquez é profesor de Lingua e Literatura no Instituto Perdouro. Titulado en Filoloxía pola Universidade da Coruña, realizou estaxio Erasmus na Universidade do Minho en Braga. Con el falamos tamén de música: de Chasis -a banda de rock-, da Asociación Musicoleiros e do Festival Rockaronleiros.

Ana Ojea, profesora de Cultura Audiovisual, é a Presidenta da asociación de docentes Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galiza; e responsábel do Programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Tutora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo desde 2017.
Antes de ofrecer no Instituto Perdouro unha sesión informativa para familias, atendeu a nosa solicitude de participación neste programa de radio educativa.