Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

27/02/13

Proxecto Neo nº 45.2: Sheherezade + José Martínez-Romero Gandos

No programa 45.2 tocou resolver unhas adiviñas que lanzamos polo noso Facebook. Agora este é o espazo para as respostas. 
Como preámbulo, falamos con Sheherezade. A ritmo de merengue coñecemos esta moza de orixe dominicana, que estuda 4º de ESO no CPI Castro Baxoi de Miño. Tal como fixera o seu colega Lukas, Sherezade falounos moi fluidamente, con brillantez. A súa intervención merece os parabéns tanto para a protagonista como para o profesorado do centro e o conxunto da comunidade educativa. Polas súas palabras coñecemos o "pelotón lingüístico" coordinado pola profesora Begoña Martín e soubemos que un dos obxectivos é  "enganchar con actividades divertidas e atrevidas" como as "tarxetas Toc Toc". Noutra ocasión profundizaremos máis nesas iniciativas pedagóxicas.
En plena circulación do programa, incorporamos outro viaxeiro: José Martínez-Romero Gandos. Fillo de emigrantes de Terra de Montes, naceu na República Arxentina. Na capital federal participou na vida cultural galega entre 1960 e a data do retorno (en 2002). Doutor en Psicoloxía, foi docente na Universidade bonaerense e actualmente vive na Coruña, onde está especializado en atención a inmigrantes e a mulleres vítimas de violencia doméstica.
Co Dr. Romero Gandos falamos demoradamente sobre a primeira cerimonia nupcial realizada en idioma galego na etapa contemporánea. Recordamos un día de xullo de 1967, cando o noso entrevistado e a súa prometida, Dna. Pilar Jeremias Cela, fixeron o que até aquela altura era "o nunca visto". 



20/02/13

Proxecto Neo nº 44. 2 - Bernie O'Rourke

Presentámosvos a Bernie O'Rourke, sociolingüista irlandesa que investiga sobre as linguas minorizadas. Héctor Canto, ex alumno do IES Perdouro, estudante de Teleco en Vigo, actuou como presentador. Incluso moito máis que iso. El fixo de Mestre de Cerimonias e presentounos a profesora Bernie O'Rourke, que exerce a docencia en Escocia.

Falamos de xeografía, de música, de economía... e de Lingua, claro! Falamos de neofalantes.

Audio Proxecto Neo nº 44.2 con Héctor Canto e Bernie O'Rourke

13/02/13

Proxecto Neo nº43.2 - Xosé María Torres + Xaime Varela

Neste Mércores de Cinzas, fixemos un moi colorido programa de Entroido.

Na primeira parte da emisión, falamos con Xosé María Torres Bouza. Farmacéutico, é licenciado pola Universidade de Santiago con especialidades en Farmacia Industrial e Galénica. Foi profesor de formación profesional entre os anos 1998 e 2008. Xusto desde ese ano 2008, é titular de farmacia en Ortigueira. Traballou colaborando en Galiza como delegado da ONG Farmacéuticos Mundi en varias ocasións e foi Delegado da Xunta Reitora estatal. Presidiu a Coordinadora Galega de ONG's. Actualmente impulsa e participa na comisión social dunha iniciativa de banca ética CooP57.

Na segunda parte do programa viaxamos ao Reino Unido. Fomos ao barrio de Portobello Road en Londres para entrevistarnos co profesor Xaime Varela Sieiro do instituto español Vicente Cañada Blanch, un centro que ofrece ensino en galego desde 1991. Xaime leva 3 anos dinamizando a lingua e cultura galega entre o seu alumnado preuniversitario e mantén o blogue Fala Londres, onde atapamos as múltiples actividades que impulsa a área de Galego.

Acabamos o programa falando con Tania García, unha alumna de 4º ESO do mesmo centro educativo, que nos contou como é a vida de estudante nun centro español en  Londres.

Aquí está o audio do programa: http://www.ustream.tv/recorded/29244730

06/02/13

Proxecto Neo nº 42.2 - Julio Delgado

No programa nº 42 contamos coa colaboración de Simón Rodríguez Rouco e de Sergio Rivas Valiña. Eles ocupáronse da produción: falaron co convidado, explicáronlle o funcionamento do programa, marcaron a data e buscaron información sobre o seu currículo. Por se iso fose pouco, colaboraron magnificamente na locución, en vivo e en directo. Sentímonos orgullosos deles.

O convidado, Julio Delgado (responsábel da área deportiva do Burela F. S.) estivo colosal. Chegou con moito tempo e deunos todas as facilidades. Xoel presentouno con estas palabras:

"Nacido en Salamanca, Julio Delgado chegou a Pontevedra en 1994. Catro anos máis tarde, buscou o Norte. Orientouse cara a Burela. Antes, na cidade natal estudou nuns centros de nome moi literario. O ensino primario fíxoo no Gabriel y Galán e o bacharelato no Fray Luís de León. Despois ingresou na Facultade de Dereito combinou os estudos universitarios coa práctica do deporte de elite".

O contido da entrevista é para non perder, porque se tratan moitos contidos, mais todos eles con grande espontaneidade, coa máxima proximidade ao oínte.

Este é o enlace para escoitar a conversa.