Cando Proxecto Neo alcanza números redondos de semanas en emisión, é habitual que procuremos unha entrevista cunha persoa de Cabo Verde. Primeiro estivo connosco Antonina Semedo -a grande Matriarca- e despois acompañáronnos Marina Barbosa, Lavilson Rodrigues, Silvera Vicente de Oliveira, Carla e Kátia da Veiga Gomes, Viviane Furtado, Laura Sofia Semedo Brito e aínda outros alumnos e alumnas procedentes do "Atlántico Africano", como diría o noso Manuel Rivas.
No programa 175 tivemos de novo ese privilexio tradicional. Falamos con Flavio Varela Rocha e tivemos resposta inmediata: "adiante; sen problema; eu colaboro".
"Eu colaboro", dixo Flávio. Mais, quen é Flávio?
Chámase Flávio Varela Rocha. Naceu en 1999 na Ribeira da Barca, un porto pesqueiro da parte meridional da Illa de Santiago, en Cabo Verde. Con só 16 anos fixo exactamente o mesmo que fixeron tantos e tantos compatriotas nosos durante os séculos XIX e XX: cruzou o Atlántico. A nosa xente foi para a Habana e este mozo veu para Burela. Aqueles en barco; estes outros en avión. Mais coa mesma angustia que deixou tan ben plasmada Rosalía, o mesmo que a plasman as grandes voces líricas do arquipélago caboverdiano. Nosas son aquelas historias e nosas son tamén estas. Compartidas. Ambos pobos sabemos ben o que é saír e temos experiencia en saír en condicións moi parecidas.
Con só 16 anos, Flávio Varela Rocha responsabilizouse da súa irmá pequena desde o aeroporto Nelson Mandela da cidade de Praia ao de Alvedro, na Coruña. Polo medio houbo que cambiar de avión en Lisboa e superouse o obstáculo.
Nestas circunstancias, Flavio Varela Rocha presentouse no Instituto Perdouro de Burela durante a mañá do día 7 de xaneiro de 2016. Falou inicialmente coa Orientadora, a profesora María Jesús Permuy Pérez, que ficou admirada da educación e as habilidades sociais que mostraba o rapaz. Despois entrevistouse coa nosa Xefa de Estudos, a profesora María José Andión Fontela, que tivo exactamente a mesma impresión: "Chegounos un novo alumno. Chámase Flávio. Ten un carácter excelente".
Bon ollo teñen María Jesús Permuy e María José Andión. Unha superficial avaliación inicial dábao a entender e outra avaliación bastante máis seria confirmábao moi ben confirmado. Tiña Flávio unha boa formación? No substancial, si. Excelente. A anos-luz do alumnado da súa idade co que estamos acostumados a traballar. En Matemática?, en Historia?, en Inglés?... Non, niso non. En algo moito máis importante: no saber estar, no poder falar de persoa a persoa, na consciencia do valor da educación, no compromiso, na empatía, na educación en valores, na pedagoxía dos afectos...
-Eu esa Matemática non a sei.
-Xa a saberás. Non teño medo.
-Mais Filosofía tampouco...
- O teu problema é a Historia da Filosofía, mais a Filosofía non é ningún problema para ti. Lévala na alma.
-Aliás, eu non sei Inglés.
- Certo! Inglés aínda non, mais chegará o momento en que saibas Inglés e Francés... Latín e Grego, non, porque es de Ciencias.
-Son de Ciencias, si, mais quero cambiar a Letras. Dixéronme que cambiase para Humanidades. As Ciencias non as vou superar.
-Dixéronche mal.
.-Por que?
-Porque es de Ciencias... e hai que loitar por chegar a ser aquilo que un quere ser.
Nesas está Flávio Varela Rocha. Quen teña dúbidas que escoite a gravación do programa 175 e que se poña na súa situación. Que se imaxine nunha emisora dun país estraño a once meses de ter chegado ao tal país. Que se imaxine nesa situación e que teña o pés na terra.
Despois que opine publicamente.
Felizmente, hai alumnos e alumnas así.
Son o mellor dos alimentos para que a vocación continúe na liña do dez (sobre dez).