Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

26/05/21

Proxecto Neo, 322.10: Montse G. Álvarez "MAGADÁN" (ASOC. CALDALOBA); Samuel Soto Macía; Xoán R. Fernández Pacios



Montse González Álvarez ("Magadán") falounos demoradamente do programa de actividades da Asociación Caldaloba.
Inmediatamente despois, conversamos co músico Samuel Soto Macía e escoitamos a peza musical que lle dedicou a Xela Arias, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
Nos minutos finais transmitimos os parabéns ao historiador Xoán Ramón Fernández Pacios, eleito por unanimidade novo Cronista Oficial de Foz.

19/05/21

Proxecto Neo 321.10: Iago de Vicente (Asoc. Saíñas-Xove); Diego Campo (Asoc. Fanto Fantini- Osa do Mar); Mar Fraga Rábade (Asoc. Caldaloba)

 



Iago de Vicente Docobo é estudante no Instituto Illa de Sarón de Xove. Con só 13 anos subiu ao escenario para acompañar na interpretación dunha peza musical a Susana Seivane. Foi no Auditorio de Burela. Nós quixemos saber como se sentiu nese momento. Conseguímolo.
Con Diego Campo falamos da Asociación Fanto Fantini e do Festival Osa do Mar. Non fomos capaces de saber exactamente cales serán os grupos que teremos ao vivo nos próximos 24 e 25 de setembro, mais coñecemos a súa valoración sobre os concertos de Antía Muíño e Grande Amore.
Na última das entrevistas, falamos con Ana Mar Fraga Rábade, a quen felicitamos polo seu premio obtivo en materia de estudo e preservación do patrimonio material prehistórico. Despois escoitámola recitar. Foi o broche final para este programa.

12/05/21

Proxecto Neo 320.10: PATXI G. NOVO; LUCÍA CANOURA (Lugar das Marías); DIEGO CAMPO (Osa do Mar); ERIK DOBAÑO (Orgullo G)



O enxeñeiro galego Patxi G. Novo foi facer o doutoramento a unha universidade xaponesa. O que ía ser un período de tres anos pasou a ser, por agora, de nove. Nesta entrevista sabemos que o que fai en Fukuoka e como é a súa vida en Nagasaki.
Finalizada a entrevista co enxeñeiro especializado en enerxías renovábeis, entramos en conversa con Lucía Canoura, do Lugar das Marías, en Xove. Así foi como coñecemos este paraíso da madeira, a pedra, a cerámica, as artes e incluso a botánica.
Na parte final do programa, primeiro falamos con Diego Campo (da área de comunicación do Festival Osa do Mar) e despois con Erik Dobaño Salgado (xornalista de Orgullo Galego).

O xornalista Erik Dobaño coa equipa de Proxecto Neo.


05/05/21

Proxecto Neo 319.10: María Rey (IES Xulián Magariños); Xosé Ramón L. Boullón (ensaísta); Alexandra Briere (lectora de lingua inglesa)



A profesora María Rey, do Instituto Xulián Magariños, de Negreira, foi unha das tradutoras dos Vinte poemas de amor, de Pablo Neruda. A obra, feita en colaboración con Amancio Liñares Giraut, foi publicada recentemente por editora coruñesa Medulia. Serxio Alonso falou con ela.

Pola súa parte, Nuria Ramos Cuba conversou con Xosé Ramón López Boullón, o autor de A Compostela de Scórpio. A Compostela de Ricardo Carvalho Calero, unha obra editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na terceira das entrevistas, Noé Fernández Quelle levounos de novo a Santiago de Compostela, desta vez para conversar con Alexandra Briere, lectora de lingua inglesa no Instituto Campo de San Alberte, de Noia.