Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

18/12/19

Proxecto Neo, 283.9: Roberto Catoira (ESCOLAPIOS -Coruña); Adela Figueroa (escritora); Paloma López (OMI); Diego Campo (Asoc. Fanto Fantini)




Abrimos o programa con ROBERTO CATOIRA , profesor no Colexio dos Padres Escolapios na Coruña. O tema da conversa: a radio como ferramenta educativa.
Inmediatamente despois tivemos poesía de temática ambientalista. Escoitamos un poema na voz da súa autora: ADELA FIGUEROA, premio ROSA DE CEN FOLLAS-2019.
A segunda parte estivo dedicada integramente á GALA
SOLIDARIA a celebrar en Burela o próximo día 28 de decembro. Primeiro conversamos con PALOMA LÓPEZ-LEITÓN, do Observatorio da Mariña pola Igualdade; e despois atendeunos Diego Campo, en representación da Asociación Fanto Fantini, outra das entidades implicadas nesta gala benéfica. Nos minutos finais conseguimos comunicar con Alex Djimmy, que nos atendeu desde Porto Mosquito, na Illa de Santiago (en Cabo Verde). Confirmounos a súa presenza no festival.

11/12/19

Proxecto Neo, 282.9: Isabel Fernández (Col. Sagrado Corazón-Ribadeo); Manuel Pumares; Mónica Ferreiro; Aida Tarrío



A profesora Isabel Fernández, do Colexio Sagrado Corazón de Ribadeo, presentounos o proxecto educativo "Na fronte unha estrela, no bico un cantar", gañador do Certame Irmán Reboiras para proxectos de normalización do idioma galego.
Manuel Pumares, actor da longametraxe Longa noite, de Eloy Enciso, falounos da súa participación neste filme e comentounos vivencias da gravación e da estrea.
Con Mónica Ferreiro falamos sobre Vida, a película de Rubén Riós, que continúa presente nas pantallas de diversas institucións empeñadas na inclusión social.
A última das entrevistas estivo protagonizada por Aida Tarrío, das Tanxugueiras, que nos presentaron o seu último disco: Contrapunto.

04/12/19

Proxecto Neo, 281.9: Carmen Viñas (IES San Clemente); Xurxo Souto (Diplomáticos)






A profesora Carmen Viñas, do IES San Clemente, falounos da oferta educativa do centro que dirixe. Falamos de formación profesional, de Eso e bacharelato a distancia, do ensino para a poboación reclusa dos cárceres da Lama, Monterroso, Bonxe e Teixeiro; e aínda doutros temas.Na segunda parte do programa o noso entrevistado foi Xurxo Souto, que nos falou sobre o 25º aniversario do Bravú. Durante uns minutos retornamos a 1994 e a partir dese momento fomos vendo a evolución musical e social propiciada por este movemento.