Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/02/21

Proxecto Neo: 310.10: Pilar Salas (Profesora PROA PLUS); Alberto Pombo (IES Agra de Raíces)

 

Neste programa especial dedicado a Rosalía de Castro, contamos co recitado de varios poemas nas voces de alumnos de 6º curso do Colexio Virxe do Carme.
Inmediatamente despois, conversamos no estudio con Pilar SALAS, profesora intercultural, recentemente incorporada ao Instituto Perdouro.
Na segunda parte, o noso convidado é o profesor Alberto Pombo, con quen celebramos o comezo dos 21 Días co galego... e máis!
Alberto Pombo é músico, do grupo de metal "Avante" e fotógrafo artístico. Foi director da galería SalaSal e codirector do festival internacional  de fotografía Visións, da Cidade da Coruña. Neste programa está con nós en calidade de educador.

17/02/21

Proxecto Neo 309.10: Andrea Mosteiro Sanxiao (A ESTRADA EN GALEGO); Abdul Djaló



Andrea Mosteiro Sanxiao, estudante do Instituto Lousada Diéguez da Estrada, falounos da iniciativa A Estrada en Galego, que combina a creación cultural coa dinamización económica do comercio local.

Na segunda parte do programa, recollemos unha colaboración que nos enviou Christian da Silva Salles desde o Rio de Janeiro. É unha extraordinaria entrevista ao informático guineense Chris Adul Djalo.

Itinerario que une as parroquias de Cercio (no concello de Lalín) e Matalobos (no concello da Estrada), os lugares vitais da nosa entrevistada Andrea Mosteiro Sanxiao

A viaxe internacional do noso programa tivo desta vez como destino o longo camiño que une Cassamance, no Senegal, e Ngoré e Bissau, na Guiné. O protagonista da conversa foi Cris Adul Djalo, entrevistado por Christian Salles, un dos radiofonistas que impulsan o programa Os Contrabandistas (Rádio Metropolitana Porto)


11/02/21

Proxecto Neo 308.10: Radio Milladoiro; Yorel Ladra; Ádila Pereira; Clásicos Libres; Elvira Amieiro


Chéganos a música de Guadi a través dun programa de radio escolar do Instituto do Milladoiro no que interveñen tres novas locutoras: Sara Rey, Lucía Romar e Alba Sueiro. O seu traballo obtivo o premio da Asociación Sociopedagóxica Galega e nós contribuímos á súa divulgación.
Xunto con Sara, Lucía e Alba, neste programa son tamén protagonistas Yorel Ladra (Premio Xosé Trapero Pardo) e Ádila Pereira (autora dunha fermosa carta de amor, á que nós lle damos o premio da audiencia).
Nesta entrega número 308 recollemos as voces dos Clásicos Libres, o grupo musical con base na Coruña que gañou o premio Musicando Carvalho Calero 2020. Obviamente, tamén escoitamos a peza gañadora do certame.
Completamos a emisión cunha entrevista a Elvira Amieiro, de Vila Nova de Lourenzá, que nos aproximou humanamente á obra pictórica de Xulia Minguillón, ao seu cadro que leva por título A escola de Doloriñas e ao universo educativo da parte central do século XX no rural galego.

03/02/21

Proxecto Neo 307.10: IES Parga Pondal; Loreto de Castro; Irene Romeiro



Abrimos o programa cunha colaboración de Radio Rebolondas, do Instituto Parga Pondal de Carballo. Trátase dun traballo de Xosé Cameán e Lola Collazo sobre as irmás Touza, de Ribadavia, coñecidas por lle ter salvado a vida a centenares de persoas fuxitivas do nazismo.Pola súa parte, a actriz e escritora Loreto de Castro falounos sobre a súa experiencia como neofalante en San Valentín (Fene).
A protagonista da terceira entrevista foi Irene Romeiro, profesora de ensino secundario na cidade de Vigo e unha das impulsoras dos Faladoiros impulsados na cidade olívica como apoio para aquelas persoas que queren iniciar os coñecementos de lingua galega ou que desexan mellorar a fluidez no seu uso.

Participantes no encontro celebrado na cidade de Vigo o pasado 3 de setembro de 2020. Este é considerado o punto de partida dos Faladoiros.