Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

24/04/19

Proxecto Neo, 261.8: Antonio Vidueiro; Santiago Barrios; Xosé María Leal Bóveda



Abrimos o programa cunha demorada conversa co profesor Antonio Vidueiro para falarmos de diferentes temáticas relacionadas coa educación. Ademais de nos comentar a súa experiencia en léxico e territorio, o entrevistado falounos do xogo popular dos bolos celtas.
Na segunda entrevista tivemos o pracer de conversar cun estudante de Filoloxía Románica na USC, Santiago Barrios, fillo de alsaciana e berciano e nacido en París. Un auténtico modelo de neofalante.
O terceiro entrevistado foi o profesor Xosé María Leal Bóveda, que nos presentou "O sistema defensivo litoral no Cantábrico galego", tema que coincide co título dun relatorio preparado a instancias das Asociacións Mariña Patrimonio e Pensamento e Sementeira de Viveiro.

10/04/19

Proxecto Neo, 260.8: Carlos Santiago (Volta e Dálle); IES Punta Candieira (Cedeira); Pilar Vázquez



O actor e dramaturgo Carlos Santiago, de familia picheleira 100% desde varias xeracións atrás, foi educado nunha lingua diferente daquela que recibiran os seus devanceiros. E, como é habitual na nosa terra, esa ruptura consolidouse nas diferentes escolas en que estudou. Casos excepcionais, como o do profesor Xabier Ferreiro, no Instituto Peleteiro, axudáronlle decisivamente a abrir a porta á recuperación do camiño inicialmente perdido. O protagonista desta evolución contra a corrente describiunos o proceso en nunha entrevista que mantivo con Alba Geada e Cristian Gómez.
Pola súa parte, a coordinadora da Biblioteca do IES Punta Candieira de Cedeira comentounos o acontecido a raíz dun obradoiro de poesía celebrado naquel centro educativo. Unha denuncia anónima provocou que a exposición dos poemas feitos polo alumnado fose censurada e retirada.
Pilar Vázquez, alumna do Ciclo Superior de Administración e Finanzas, tamén nos comentou o seu perfil sociolingüístico e fíxonos partícipes do proceso de rexeneración cultural que ela mesma está experimentando neste momento.

03/04/19

Proxecto Neo, 259.8: Fernando Redondo Neira; Miguelanxo Lar; Pepe Penabade



Fernando Redondo Neira, profesor na Faculdade de Ciencias da Comunicación da Universidade é o novo presidente da Fundación Neira Vilas. En Proxecto Neo quixemos transmitirlle os parabéns e quixemos coñecer cal é a súa idea de sobre o futuro da entidade que dirixe.

Con Miguelanxo Lar falamos da Fundación Novoneira e tamén do filme Soidi, da súa autoría, centrado na situación lingüística do Val de Xálima, en Extremadura.

Nos minutos finais, conversamos con Pepe Penabade, da compañía teatral Volta e Dálle, que está en xira co espectáculo que leva por título "Falar por falar".