Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

14/10/26

Proxecto Neo nº 498.16 - Daniel García Fernández, Estrella Goás López e Tamara Andrés

 
Nesta segunda entrega tivemos un programa moi especial, porque este mes de outubro dedicáselle o Día das Escritoras e o Día das Bibliotecas Escolares, dúas datas que nos lembran que ler é moito máis que pasar páxinas: é descubrir novos mundos, coñecer outras voces, facernos preguntas e deixar voar a imaxinación. 
E precisamente falando de bibliotecas, na primeira entrevista falamos con Daniel García Fernández, concelleiro de Dinamización e participación veciñal do Concello de Barreiros e con Estrella Goás López, bibliotecaria. Detállaronnos en que consistiron as liñas prioritarias do proxecto "Entre libros e escenarios", que pon o foco na descentralización da cultura e no achegamento da lectura a todas as parroquias e explicáronnos como fixeron para ser merecedores por segundo ano consecutivo do prestixioso Premio María Moliner de animación á lectura. 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica con Tamara Andrés Padín, escritora, tradutora e primeira muller responsable de edición na editorial Galaxia. Con ela fixemos un repaso da súa obra poética, do seu labor de tradutora e docente e da súa actual función como responsable de edición na editorial Galaxia.



07/10/26

Proxecto Neo nº 497.16 - Xosé Maseda e Paulo Fernandes Mirás

Abrimos o primeiro programa da décimo-sexta etapa de Proxecto Neo cunha nova sección chamada Ponte entre culturas, un espazo que nace coa intención de achegarnos e de coñecer e poñer en valor a diversidade cultural que forma parte de Burela e do noso centro educativo. Nesta primeira viaxe fomos ata Cabo Verde da man de Belanice, con quen coñecemos a riqueza lingüística destas illas e, en especial, as súas variedades dialectais.
Inmediatamente despois, entramos no desenvolvemento dos contidos centrais do programa.
Na primeira entrevista conversamos con Xosé Maseda. Con el falamos dos seus inicios no mundo da música urbana, das súas influencias á hora de compoñer, das colaboracións e do seu futuro como docente de lingua galega.
Inmediatamente a seguir acompañounos no estudio Paulo Fernandes Mirás, profesor de Lingua Portuguesa no IES Perdouro.Con el conversamos sobre o próximo libro que vai publicar, sobre as súas obras poéticas, o seu itinerario formativo multidisciplinar e as súas aulas como docente de Lingua portuguesa.


04/10/26

Abrimos a décimo-sexta etapa de Proxecto Neo

Comezamos a etapa 16!

Volvemos para estar ao aire con máis ganas ca nunca.

Nesta etapa seguiremos conversando con neofalantes de galego, descubrindo as súas historias e experiencias coa nosa lingua; achegándonos á diversidade e á multiculturalidade; e abrindo tamén espazo para falar de ciencia, saúde e todos eses temas que nos axudan a comprender mellor o mundo que nos rodea. 

Porque falar de lingua tamén é falar de persoas.
Porque a diversidade enriquece.
Porque a ciencia e a saúde tamén forman parte das nosas conversas.

E queremos vivila, unha vez máis, con vós ao outro lado do micrófono. Seguimos falando. Seguimos aprendendo. Seguimos facendo radio en galego.