Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

26/01/12

Proxecto Neo nº3 - Catalina Sánchez Luengo

ALUMNADO DE ESO E BACHARELATO PARTICIPA NO PROGRAMA DE INTEGRACIÓN DOS NEOFALANTES EN RADIO BURELA




No cuarto programa Proxecto Neo, a convidada foi Catalina Sánchez Luengo (Mediadora cultural e Xerente da Fundación Expomar). Na entrevista participaron Laura Trelles (IES Perdouro) e Katerine Brito Tavares (IES Monte Castelo), por iniciativa dos respectivos Equipos de Dinamización Lingüística.

Nacida en Villanueva de la Serena (Badaxoz), Catalina Sánchez estudou Economía e Comercio en Madrid e Estocolmo. Chegou a Galiza en 1977 e foi fundadora dunha "comuna" perto da praia de Esteiro (Xove). Desde ese momento participou en primeira liña nos movimentos sociais preocupados pola contaminación emitida pola fábrica de Aluminio, opúxose activamente á implantación dunha central nuclear na Mariña e dinamizou a cultura desde o Concello de Cervo e desde A Zaranda, a célebre sala de Burela moi directamente relacionada coa Sala Nasa de Santiago.

Na tertulia falamos da Xeración Beatnick americana e da súa influencia en Europa (De Ginsberg e Kerouac a Bob Dylan), das emisións de flúor en Alúmina, do papel desempeñado polo cura de Burela na oposición á central nuclear, da etapa de Roberto Álvarez en Burela e Cervo...

19/01/12

Proxecto Neo nº 2 - Marcelino Luna



PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA "MODELO BURELA": O PROTAGONISMO DOS NEOFALANTES

O 18 de xaneiro de 2012 emitiuse o terceiro programa. O convidado foi Marcelino Luna (director do IES Monte Castelo). Na entrevista participaron Marina Teixeiro Gregori (alumna do IES Perdouro) e José Juan Aponte Gamboa (alumno do IES Monte Castelo)

O programa dedicado aos neofalantes dedicou a terceira entrega ao profesor Marcelino Luna Almarza. Este berciano licenciouse en Filosofía e Psicoloxía na Universidade de Oviedo. Desde 1986 é Profesor Numerario de Filosofía e exerceu primeiro en Vigo e despois en Burela. Desde 2009 é directivo do Burela F.S.

12/01/12

Proxecto Neo nº1 - Karina Parga

PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA "MODELO BURELA": O PROTAGONISMO DOS NEOFALANTES
O mércores, 11 de xaneiro de 2012, emitiuse o segundo programa. Na entrevista participaron Laura Trelles Díaz (alumna do IES Perdouro) e Bernardo Penabade.

O programa das persoas neofalantes dedicou a segunda entrega a unha entrevista coa profesora Karina Parga Chao (Aillant - Francia; 1975). Esta filla de emigrantes galegos ten estudos de Medicina realizados en Dijon e é licenciada en Filoloxía Francesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2003 é Profesora de Lingua Francesa no IES Perdouro, onde ten baixo a súa responsabilidade a vice-dirección de actividades extraescolares. Desde este cargo, impulsa a realización de actividades de inmersión lingüística en inglés e francés así como a dinamización da biblioteca escolar e os Encontros de Banda Deseñada da Mariña.

04/01/12

Proxecto Neo nº0 - Mª José Andión Fontela e Bernardo Penabade

PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA "MODELO BURELA": PRESENTACIÓN - PROGRAMA 0



 
O día 4 de xaneiro de 2012 emitiuse o primeiro programa. Na entrevista participaron Mª José Andión Fontela, Coordinadora do Proxecto de Innvación Lingüística do IES Perdouro, e Bernardo Penabade.

 




Como  resultado da colaboración entre a área de Innovación Educativa do IES Perdouro e Radio Burela, todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde a emisora de Radiofusión transmite Proxecto Neo, un programa que centra o protagonismo nas persoas neofalantes en galego.



Proxecto Neo recolle as voces que se incorporaron recentemente á nosa cultura e que lle dan tanta vitalidade como os que a adquiriron na infancia. Son persoas que viñeron de Castela, de Asturias, de Andalucía, Madrid... ou que viñeron de diversos países do mundo e chegaron a Galiza e se integraron na cultura tradicional. Tamén se inclúen neste grupo as persoas das grandes cidades galegas que se comezaron a desenvolver totalmente no idioma galego sendo xa adultas.

Seguídenos en Facebook, onde vos convidamos a participar activamente.