Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

30/05/16

Proxecto Neo, 164.- Samuel Nabais; Xosé Ramón Maseda

REINO MARAVILHOSO




Mónica conduciu o programa coa axuda de Alba e Maka. Xusto despois da cabeceira, escoitamos unhas palabras de Johanna, unha estudante de Filoloxía na Universidade de Heidelberg. Foi como o foguete de saída para un programa en que a comunicación con aquel país estivo moi presente. Na sección das Fotografias do Reino Maravilhoso o encargado de axudarlle a visualizar a imaxe foi un dos profesores de Johanna: Gabriel Pérez Durán, colaborador do noso programa. Marco Pereira escoitou atentamente a descrición do tubo e das gotas, devolveu o saúdo e agradeceu a xentileza a Gabriel; e dispúxose a escoitar as palabras de Anabela Quelhas. Foron uns minutos de auténtico modelo de comunicación intercultural (Heidelberg-Burela-Vila Real).
Finalizada esta sección habitual, Maka Ledo entrevistou en primicia a gañadora na categoría de 12 a 16 anos do Certame Literario convocado pola Biblioteca Pública de Burela. Conseguimos sorprender mesmo o cadro de persoal do Equipo Neo, porque non sabían que a gañadora xa estaba na casa. Era a nosa compañeira Alba Geada, que nos presentou o relato, que nos falou das circunstancias en que o escribiu e que nos presenteou coa súa lectura íntegra. Nós démoslle un aplauso e tivemos palabras de agradecemento para Anxo Rubiños, director da biblioteca.
A terceira parte do programa estivo protagonizada por Samuel Nabais López, que nos atendeu desde Chinchón, na Comunidade de Madrid. Falounos en calidade de representante do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense e con el rememoramos a viaxe de estudos que fixeron á nosa terra no pasado mes de abril, baixo a coordinación das profesoras Carmen Mejía e Lidia Teixeiro. Como a fluencia expresiva do neofalante madrileño era absoluta, tamén conversamos fóra de guión e fixémolo sobre a obra literaria de Leiras Pulpeiro, da intención de Samuel de continuar reforzando os vínculos coa cultura galega -á que pensa dedicar o traballo académico de fin de grao- e mesmo lle presentamos a través das ondas o artista caboverdiano Álex Landim, que nos visitou no estudio para transmitir unhas palabras de agradecemento a Fátima Vizoso (d'O ArMarinho), por lle ter axudado na realización dunha exposición da súa obra.
Nos minutos finais recibimos unha nova visita. Estivo con nós Xosé Ramón Maseda, con quen abordamos o perfil biográfico de Adelina Fernández García, unha das protagonistas do documentario Saúde e Sensibilidade. Poucas semanas despois de que nos deixase fisicamente, recordamos a súa infancia e adolescencia en Cádiz, a súa formación nas áreas de Maxisterio e Ciencias Químicas; o seu traballo na área de xestión do Hospital da Costa; e, sobre todo, o seu amor polo idioma e a cultura nosa (un amor que está moi vivo nos seus dous fillos).

25/05/16

Proxecto Neo, 163.- O Barco Rabelo e a conversa con John Thompson

REINO MARAVILHOSO
O BARCO RABELO
Fotografia de Anabela Quelhas

  Comezamos o programa 163 falando de barcos rabelos. Quen tomou a iniciativa foi Karina Parga, que fixo unha descrición en pormenor da fotografía: o río como un espello, a ribeira, o barco rabelo, os reflexos do barco e da ribeira e a súa vexetación... Marco Pereira estivo moi atento tanto ao que dixo Karina como á descrición que nos fixo chegar a autora das fotografías.
 Despois da serie de comentarios sobre fotografías do Reino Maravilhoso, recibimos no estudio a visita de Fátima Vizoso. A dona da mercearía O Armarinho da Fátima (da R/ do Ril) presentounos unha exposición artística de Álex Landim, que presenta no seu local unha serie de obxectos realizados con materiais de reciclaxe.
 A seguir, conversamos con John Thompson, Doutor pola Universidade de Michigan, e profesor de Linguas Modernas na Universidade do Estado de Montana. Soubemos que os seus vínculos coa nosa terra proceden moi do pasado. Concretamente dun avó que casou cunha galega, en segundas nupcias. Como o noso convidado é autor dun libro titulado As novelas da memoria, aproveitamos para conversar sobre o seu estudo sobre 35 novelas galegas que tema histórico, centradas na IIª República, no golpe de Estado e nos anos da guerra. Tamén abordamos o tema do alfabeto do idioma galego e o profesor Thompson mostrouse favorábel ao uso do alfabeto galego (reintegracionismo) sen rexeitar a escrita demótica recoñecida actualmente pola RAG.
Na parte final do programa falamos de fotografía. Acompañáronnos no estudio Pablo García Covas, Tamara Rico Berdeal e Lucía Rivas Ramos, que participaron no certame Imaxiña convocado pola Fundación Imdecum, preside Marcelino Luna Almarza

18/05/16

Proxecto Neo, 162.- Do Reino Maravilhoso ao encontro literario-musical Regueibertso



O programa 162 comeza falando de fotografía. Marco Pereira continuou a promover os vínculos culturais galego-portugueses. Primeiro escoitou atentamente a descrición da imaxe, unha descrición feita polo escritor Séchu Sende. Despois, fixo comparación coas palabras de Anabela Quelhas e tivo claro que se falaba dunhas caixas de correo apoiadas por un lado nun espigueiro tradicional e por outro nunha barra metálica.
Desde o Vale de Arratia, en Euskal Herría, a pedagoga Lur Olabarri Etxebarría fíxonos partícipes da xénese do Encontro poético-musical Regueibertso e avaliou os resultados das experiencias de intercambio educativo celebradas tanto na nosa terra como no País Vasco durante o mes de maio de 2016.
Xusto despois da introdución realizada pola docente vasca, chegou o momento dos destinatarios desta intervención educativa. Na primeira entrevista falamos con Julieta Itatí Penas, que nos comentou a súa experiencia como neofalante en Vila de Cruces, a onde chegou procedente da cidade de Buenos Aires. Pola súa parte, desde Baio recibimos as palabras de Manuel Queiro, alumno de bacharelato no Instituto Maximino Romero de Lema, que nos presentou a banda musical Vintenbaio.
Sara Marchena, estudante de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, explicounos a súa experiencia de se ter feito neofalante en Vigo, mentres era alumna no Instituto Santo Tomé de Freixeiro. Con ela tamén falamos de regueifas, de viaxes e mesmo da música da cantautora Alba María.
Nos minutos finais, a conversa focalizouse entre Burela e Bilbao, desde onde nos atendeu o escritor Xabier Monasterio para nos presentar a factoría cultural que xira arredor do Café Antzokia. Con el falamos de radio, dunha editora de libros, dunha escola a quen dá nome Gabriel Aresti; e -obviamente- tamén do café e da sala de espectáculos.

A SOLUCIÓN AO ENIGMA


Segundo información recollida da wikipedia, as caixas de correo están na freguesía de Lamas de Olo, no Concelho de Vila Real.

11/05/16

Proxecto Neo, 161.- Marco Pereira; Inmaculada López (EOI LUGO); Cheik Faye; Marité Prieto Miramontes; Tonia Fuentes



Cheik Faye, que mantén a bitácora Senegaliza, na Coruña


Continuamos coas fotografías do Reino Maravilhoso, de Anabela Quelhas e Marco Pereira. Desta vez falamos de cabras a pastaren pertiño de Vila Real.
A seguir, desde Lugo, Inmaculada López presentounos o programa de actos de homenaxe a Manuel María a celebrar na Escola Oficial de Idiomas daquela cidade.
Cheik Faye falounos das condicións de vida dos inmigrantes senegaleses que se dedican á venda ambulante, presentounos a súa bitácora Senegaliza e adiantounos os contidos dun libro que vai editar proximamente.
Pola súa parte, a pintora Marité Prieto Miramontes mantivo unha conversa especialmente emotiva coa nosa colaboradora Alba Geada. Falaron de poesía, de pintura e de música e danza. Despois falaron tamén da cultura feita polas persoas neofalantes.
Xa nos minutos finais, Tonia Fuentes presentounos a campaña de colaboración popular para conseguir unha versión galega do novo filme de Dragon Ball.



O REINO MARAVILHOSO

As cabras da Serra do Alvão em fotografia de Anabela Quelhas

02/05/16

Proxecto Neo, 160.- Belén Uranga (Hitzargiak)

CULTURA QUE UNE (II)

Foto: Anabela Quelhas



Unidade da lingua e familiaridade das falas

No programa 160 continuamos fortalecendo os lazos de unidade do idioma. Ouvimos os sotaques do escritor Henrique da Costa (de Ferrol) e da fotógrafa Anabela Quelhas (de Vila Real), ambos a tentar reproducir con palabras este "poema barroco  num sonho de mulher". Unha confusión entre arquivos impediunos a audición completa da intervención da profesora e arquitecta, un erro que subsanaremos no próximo programa.
Pola súa parte, Belén Uranga púxonos unha luz no camiño. Desde Euskadi presentounos o proxecto Hitzargiak así: "Cada luz que imos encendendo sobre o mapa de Europa representa unha actuación de boas prácticas de cara ao obxectivo de avanzar na recuperación das linguas minorizadas".
Nos últimos minutos, falamos con Gabriel Pérez Durán, profesor da Universidade de Heidelberg.