Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/11/20

Proxecto Neo, 299.10: Fernando Lago Lamas; Luís F. Ansedes; Ana Moreiras



"Galicia, auga, literatura e rap" era o título dun certame de creación artística promovido polo xornal La Voz de Galicia. Este concurso centrou o noso interese na primeira entrevista deste programa. O protagonista foi o profesor do IES Monte Castelo Fernando Lago Lamas, da área de Xeografía e Historia.
O noso colaborador habitual Luís Fernández Ansedes, da Asociación Abrindo Camiño, presentounos as XIII Xornadas do Peregrino a celebrar na cidade de Mondoñedo entre os días 5 e 8 do mes de decembro.
Na terceira parte do programa falamos con Ana Moreiras, autora da novela gráfica que leva por título Madialeva. A través das palabras da súa autora, soubemos que a historia está protagonizada por un conxunto de mulleres maduras todas elas do ámbito rural do interior da nosa terra.



18/11/20

Proxecto Neo, 298.10: Luz Zas (EQUILING); Sanaa Aboufaris Ouahlim; Leonardo Pena (CONC. de AMES)

 

A profesora Luz Zas (da USC) presentounos o proxecto EQUILING, que fomenta o diálogo entre culturas en centros educativos de Galiza, Euskadi e Cataluña. A través desta entrevista, coñecemos a xénese desta intervención educativa que comezou no IES Manuel Murguía de Arteixo.
Desde Vila Boa atendeu a nosa chamada Sanaa Aboufaris Ouahlim, Premio Extraordinario de Ensino Secundario. Con ela falamos da formación que recibiu no CPI do Toural.
O protagonista da última das entrevistas foi Leonardo Pena. O mediador intercultural do Concello de Ames é un dos participantes dos XXII Encontros de Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega.

11/11/20

Proxecto Neo, 297.10: Manuel Lozano; Luís Álvarez Pousa

 


O IES Perdouro de Burela gañou o premio á Solidariedade e os dereitos humanos no marco da VIª edición do Premio Aprendizaxe e Servizo convocada por Edebé, a Rede española aprendizaxe-servizo e o MEFP.
O proxecto “Na casa de papel” foi levado a cabo durante o confinamento do curso pasado polo alumnado de 4º de ESO coa coordinación de media ducia de profesoras e profesores.

Na segunda parte do programa o profesor Luís Álvarez Pousa presentounos o INFORME GALICIA 2020 "para que poidamos coñecer as verdades escondidas detrás dos acontecementos".


04/11/20

Proxecto Neo, 296.10: Alumnado Monte Castelo; Sara Gil; Aurora Marco



O programa 296.10 comeza cunha entrevista a catro alumnos do IES Monte Castelo, de Burela, con motivo dos seus primeiros pasos no audiovisual.Coa xornalista Sara Gil falamos sobre un traballo de investigación sobre a convivencia intercultural en Burela.
A escritora Aurora Marco presentounos dous dos seus libros: Foula e Ronsel; e Irmandiñas.

01/11/20

EU, NIN TRUCO NIN TRATO





Para min hai dous momentos no ano que son sagrados, pola seriedade e importancia do que hai en xogo e pola fonda información que nos dá sobre o que somos como pobo: o Entroido e o Día de Defuntos.
Chega o Día de Defuntos e para moitos é un día triste, para outros é un día de festa e disfraces, para min é o día do orgullo, do orgullo de saber de onde vés e grazas a quen estás aquí. Para min é o día de escenificar e ritualizar a lembranza dos meus defuntos, dos meus antepasados ou, como acertadamente din algúns paisanos sen sabelo, dos meus santospasados. É un día de dignidade persoal. Por suposto que todos os días do ano son bos para lembrar os que xa non están desta beira da vida, pero convertir esa lembranza nun rito de renovación anual é, como sempre digo, un fantástico mecanismo de reforzo e reafirmación da identidade grupal. 

Este é o día no que honro á miña avoa, á miña segunda nai, que tivo a sorte de morrer o ano pasado e poder ser enterrada como o seu deus mandaba. É o día que contemplo, cos ollos dun neno, os libros que me deixou en herdanza meu pai mentres lembro historias de mariños, viaxes e aventuras. É o día que agradezo cunha vela ao meu padriño que sempre estivese aí cando o necesitei; a data na que recordo todo o que me ensinou meu avó o Sr. Pepe sendo un exemplo de honradez, sacrificio e bondade. É ese tempo liminal onde aínda podo ver a cara do meu bisavó mentres lle pelaba as castañas ao Sol da tardiña con apenas cinco anos. É cando recordo ao meu tío avó Guillermo, filósofo adiantado ao seu tempo, dicindo “a min este mundo non me vale”, e que razón tiña. Cando me reafirmo na máxima do meu tío avó Manolo de que o traballo ben feito “é o orgullo dun obreiro”. Cando añoro aquelas festas de Noite Boa todos xuntos na casa da miña tía avoa Maruja, que en paz descanse. É un dos moitos días nos que desexaría tomar unha caña co meu amigo Angel “Papigil” ou botar unha partida ao xadrez co meu tío Pastor. 

Así que para min esta celebración non é un cachondeo comercial e banal para andar por aí, de bar en bar, vestido de zombi, bruxa ou o conde Drácula. Respecto a opción persoal de cada quen a banalizar e valeirar de sentido esta celebración tan importante para entender a alma do pobo galego. Alá cada un, pero a min non me vale. Para min esta data non é un sucedáneo cutre de festa do consumo yanki, american style. Non é, ou non debería ser, un produto comercial máis deste mundo capitalista e consumista. Para min é algo serio, importante, sagrado. Tan sagrado como a miña identidade e o meu acervo cultural como galego. Para min é o momento de acender lampadiñas de aceite para guialos a todos na súa viaxe polo Alén; de tallar calacús como me ensinou a miña avoa e polas na porta, non vai ser que veña algún que non debe vir; tempo de cocer castañas con anis que seica lle son moi saborosas aos que xa non están; de pór flores nas tumbas como xa facían os neandertais. Para min é a data sagrada do ano na que aínda podo ver, como un regueiro de candeas acesas na noite, o fío infinito que me conecta co que son e co que fomos. Así que eu non vou caer no voso truco, nin quero trato ningún. O meu trato é só con eles e elas. Que a terra lles sexa leve.