Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/10/23

Proxecto Neo, 395.13: Apócemas da Escola dos Castros; Ana Moura ("Bentinha); Luís Roberto Prado Díaz


Na cabeceira do programa 395 recollemos dúas terroríficas apócemas que nos enviou o alumnado da Escola dos Castros. Inicialmente tivemos moito medo, mais pouco tempo nos durou no corpo: a música da Mayra Andrade foi terapéutica e a través dela conseguimos o antídoto contra o arrepío.A primeira convidada no estudio foi Ana Moura, integrante do grupo de batukadeiras Nós Herança.
Na segunda parte falamos con Luís Roberto Prado Díaz, psicólogo pola Universidade Andrés Bello, da Venezuela. O noso convidado, con raíces galegas, estivo por primeira vez na nosa terra en 2021, xusto antes de se deslocar á Dinamarca. Agora traballa no aeroporto internacional de Copenhague.
 

19/10/23

Proxecto Neo, 394.13: Bernardo Penabade; Noé López Paz; Carme Sampedro Miranda; Ana Orol González


 

Bernardo Penabade fixo a crónica dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega.
Noé López Paz, traballador non docente no Instituto Perdouro, falounos da práctica deportiva como fonte de saúde.
Carme Sampedro Miranda presentounos unha vez máis as actividades dos 365 días pola Igualdade.
Ana Orol González falounos do clube de lectura que se reúne na biblioteca do Instituto Perdouro.

12/10/23

Proxecto Neo, 393.13: Anxo Rivas; Miruca Parga; Félix Pardo; Ineida Moreno; Pepe Peinó; María José Pardiñas

Foto de familia do equipo de realización do primeiro programa da 13ª etapa.


Día 11 de outubro de 2023. Foi a data da primeira emisión desta 13ª etapa. O programa que chegou ás ondas en xaneiro de 2012 alcanza agora a edición número 393. Varias ducias de estudantes de 13 promocións propiciaron que na radio á carta teñamos mais dun millar de voces ofrecéndonos o seu ensino a través das ondas. Finalizamos unha etapa de 12 anos en Radio Burela e abrimos un novo período a través da xenerosa colaboración de Radio Foz e Radio Valadouro.
Despois da entrada feita con voz poderosa por Yanira Lopes Martins, o noso primeiro convidado é unha autoridade na radiofonía galega: Anxo Rivas, de Radio Foz. Con el fala Sara Villarquide.
Miruca e Hugo presentan a historia do novo estudio de gravación e Yanira e Félix comentan como se fixo a montaxe técnica.
Vanesa Vila-Verde e Ineida Moreno presentaron a oferta educativa do programa de Cualificación Lingüística (CUALE) nos niveis internacionais B1 e B2.
Xa contra a parte final, acompañounos outra grande referencia na radiodifusión: o mestre Pepe Peinó, que nos lembrou o seu traballo educativo no IES de Alfoz en colaboración coa Radio Valadouro.
As palabras de María José Pardiñas, directora do IES Perdouro, puxeron o broche final a un programa en que tivemos música de Vic López, Grande Amore, Élida Almeida, Diplomáticos de Monte Alto e Ukestra do Medio.
Estamos felices de nos reencontrarmos nas ondas.