Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

22/04/26

Proxecto Neo nº 487.15 - Especial Día do Libro con Cielo Fernández & Ana Lestao Ben

 
Como cada semana, comezamos coa Noticia do Día
 
Hai historias que nos cambian, libros que nos acompañan e palabras que quedan para sempre. Hoxe, en Proxecto Neo, abrimos as páxinas dun programa moi especial para celebrar o Día do Libro. Imos falar de lectura, de librarías e tamén de novas voces que comezan a escribir o seu propio camiño. 
 
Para iso, estivo con nós Cielo Fernández, libreira que acaba de traspasar un dos seus establecementos, a libraría Bahía de Foz e actual presidenta da Federación de librarías de Galicia. Con ela conversamos sobre a historia da emblemática libraría fundada polo seu pai. Falamos do papel das librarías na actualidade, dos hábitos de lectura e dos retos do sector do libro. 
 
Na segunda parte do programa, coñecemos a experiencia dunha compañeira premiada en varios certames de escritura, exemplo do talento novo que vén pisando forte. Chámase Ana Lestao Ben e é alumna de 2º de Bacharelato no IES Perdouro de Burela. Acaba de ser premiada cun accésit no concurso Mellor Comentario de texto do xornal La Voz de Galicia. Ana aconsellounos sobre que facer para redactar ben e falounos do seu gusto pola literatura.



15/04/26

Proxecto Neo nº 486.15 - Rubén Prieto & Roberto Reigosa

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día.

Inmediatamente despois tivemos no estudio a Rubén Prieto, profesor de Ciclo Formativo de Fabricación Aditiva. Con el conversamos sobre os seus inicios na carreira docente, os seus estudos de Teoloxía e a súa etapa como sacerdote na hospedería do seminario de Mondoñedo. 

Na segunda parte do programa, tivemos por vía teléfonica a Roberto Reigosa, historiador da arte, investigador, paleógrafo e experto en documentos medievais en Mondoñedo. Con el falamos da figura de Álvaro Cunqueiro e da vida no medievo.

08/04/26

Proxecto Neo nº 485.15 - Especial Asociación Mariña Patrimonio

 
Como cada semana, abrimos o programa comezando cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e unha Pílula das Ciencias sobre Rosalind Franklin. 
 
Inmediatamente despois tivemos no estudio a Manolo Miranda e Toño Blanco, membros da Asociación Mariña Patrimonio, unha asociación sociocultural que botou a andar no ano 2008 co fin de defender e divulgar o patrimonio galego, centrándose especialmente na comarca da Mariña. 
 
Con eles conversamos sobre lugares de interese histórico na nosa comarca, sobre como protexer o noso patrimonio e sobre o equilibrio entre dar a coñecer a nosa zona e conservar os seus bens culturais e naturais. 
 
Na segunda parte do programa, presentamos aos novos locutores de Proxecto Neo que se foron incorporando e que veñen con moitas ganas de axudar aos nosos locutores habituais.