Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

27/07/15

Punto de encontro


A grande manifestación do 25 de Xullo de 2015, punto de encontro das persoas que amamos a nación galega, foi o marco de reencontro da escritora Marica Campo cun dos seus ex-alumnos, Santiago Ivám Cozinha.


Foi un reencontro moi especial, despois de que neste mesmo mes de xullo os parentes de Ivám Cozinha escollesen uns versos da escritora para os recitar na cerimonia de casamento do xornalista galego afincado na República Checa.
Marica Campo e Ivám Cozinha no Festigal
(Foto: Gustavo González)

PALABRAS DA FAMILIA

Versión checa

Je desátého července dva tisíce patnáct. Jsme tady. Zdá se to neuvěřitelné, ale přijeli jsme všichni, abychom doprovodili Petru a Iváma, Daniela, Honzu a Jarmilu, Honzu mladšího a Petru a Viktorku s Elenkou, babičky Jarmilu Krouskou a Jiřinu Drašarovou. 
Jsme tady s vámi, v rodině, abychom přívítali tady na tomto světě Daniela a abychom popřáli mír a harmonii Petře a Ivámovi. Moc děkujeme, Petro. Moc děkujeme, Iváme, Dali jste nám příležitost podniknout tuto cestu, která je velmi speciální v našem životě. To, co cítíme, to už napsala jednou Ivámova učitelka, která zásadně ovlivnila Ivámovo vzdělávání, když byl Ivám malý. Iváme, Petro, teď, když přišel čas k blahopřání, chtěli bychom použít slova Mariky Campo, zde v rodinném kruhu :


    Pozvali jste nás na vaši oslavu
    a my jsme na ni přijeli,
    protože je vaše
    a je to oslava.

    Oděni mořem a měsícem,
    oděni mořem a zemí,
    oděni mořem a zase mořem
    a přijeli jsme na ni, na vaši oslavu.

    Obuti sluncem a chlebem,
    obuti sluncem a oblásky,
    obuti sluncem a zase sluncem 
    a přijeli jsme na ni, na vaši oslavu.

    Toužíme po lásce a míru,
    toužíme po lásce a jsme jí plni,
    toužíme po lásce a zase po lásce, 
    a přijeli jsme na vaši oslavu.


    Mnoho štěstí! 
    Vše nejlepší v životě.

Versión galega

Dez de xullo de dous mil e quince. Aquí estamos. Parece incríbel, mais viñemos todos. Para acompañar Petra e Ivám; Daniel, Honzu e Jarmila; Honzu, Petra, Vitoria e Helena; e as avoas Jarmila Krouska; e Jirina Drasarova.
Estamos aquí convosco, en familia, para dar as boasvindas á vida a Daniel e para desexarmos paz e harmonia a Petra e Ivám.
Moito obrigado, Petra. Moito obrigado, Ivám, por nos dardes a oportunidade desta viaxe única nas nosas vidas.
O noso sentir está recollido nos versos da Mestra que contribuíu decisivamente para a educación de Ivám desde que era pequeno e que nós tomamos a liberdade de adaptar para a ocasión.

Ivám, Petra, nesta hora facemos nosas as palabras de Marica Campo para vos dicer aquí en familia:


Invitástesnos á vosa festa
e vimos a ela
porque é vosa
e porque é festa.

Vestidos de mar e lúa
vestidos de mar e terra
vestidos de mar e mar
vimos a ela.

Calzados de sol e pan
calzados de sol e pedras,
calzados de sol e sol
vimos a ela.

Famentos de amor e paz,
famintos de amor e cheos,
famentos de amor e amor,
vimos á vosa festa.

Moita sorte!
Moita felicidade na vida!

O poema orixinal

Este é o poema orixinal de Marica Campo, extraído da súa obra poética Tras as portas do rostro (Ed. Baía)

Invitáchesme á túa festa
e vou a ela
porque é túa
e porque é festa.

Vestida de mar e lúa
vestida de mar e terra
vestida de mar e mar
vou a ela.

Calzada de sol e pan
calzada de sol e pedras,
calzada de sol e sol
vou a ela.

Famenta de amor e paz,
famenta de amor e chea,
famenta de amor e amor,
vou á túa festa.

Incorporación de Marica Campo ao idioma galego
"Paseime ao galego, tanto na práctica monolingüe da fala como na escrita, durante a miña estadía no Colexio Público de Castro de Rei. Alí descubrín o desaxuste en que vivía ao estar nunha casa prestada tendo casa de meu. Nesta mudanza axudoume moito Xosé Manuel Carballo, o primeiro traductor de Molière ao galego entre outras moitas cousas." (Tomado da autobiografía publicada na Biblioteca Virtual Galega.


09/07/15

Saúde e Sensibilidade


"A miña experiencia co uso habitual da lingua galega é moi gozosa e recoméndoa a todos os profesionais da sanidade do noso país"
Son palabras do Dr. Carlos Fernández Fraga, do Servizo de Atención Primaria do SERGAS e docente con moita experiencia nos cursos sobre coidados paliativos

A importancia dunha escola ao servizo da comunidade

Aínda que na universidade nunca me falaron na nosa lingua, eu tiña pola infancia algo de coñecemento sobre ela, porque tiven a fortuna de ter recibido clases de Ricardo Carvalho Calero, de Arcadio López Casanova, de Xosé Luís Méndez Ferrín...  Tiven a sorte de ter tido o contacto coa Lingua, un contacto que me tirou aquel medo de que non fose un vehículo apropiado para ser utilizado en calquera situación, mesmo naquelas máis técnicas  ou máis científicas; aquelas máis relacionadas co mellor da cultura. 

O compromiso individual e a panorámica global

O cambio desde aquela é enorme. Hoxe no noso centro de saúde todos falamos a nosa lingua. Ainda que a escrita -nas historias clínicas- aínda é limitada, o avance foi moi importante. Xa dispoñemos da maioría dos textos fundamentais para o desempeño diario da nosa profesión. Traballamos todos con documentos estándar galegos para todas as  solicitudes, etc.  Non temos nese sentido maior dificultade. O que nos falta é animarnos un pouco. A maneira de avanzar nalgún desempeño é utilizando o recurso.
Eu uso a lingua en exclusiva -salvo en autos que sexan de fóra de Galicia-  na escrita, e utilizo a lingua na docencia.
Tiven unha experiencia excelente co uso da lingua. Pola miña traxectoria profesional - agora dedícome maiormente aos cuidados paliativos; desempeño a función coordinación galega de paliativos-, a atención ás persoas que están perto da vida leváronme de novo á lingua, de maniera inmediata. A comunicación, a proximidade, é unha necesidade  absoluta nestas circunstancias de tanto sufrimento, no momento en que a vida escapa. Daquela non podo dicir máis que a miña experiencia coa fala é unha experiencia gozosa, unha experiencia que recomendo a todos os profesionais da sanidade no noso país. 
Durante a etapa do ensino, nos anos en que eu estudei na Faculdade de Santiago, non somente non recibíamos clases na lingua, senón que estaba perseguida. Recibíase sanción. Incluso éramos expulsados. Nas asembleas tamén se nos impedía falala. 

Novos tempos

O cambio foi radical. Daquela non había ningún texto técnico-científico no noso idioma. De existiren, estarían prohibidos. Hoxe é totalmente diferente. Neste ano participei na elaboración da parte correspondente á  Ética clínica para os enfermeiros especialistas en medicina de familia para o ensino oficial. Os materiais foron todos elaborados na nosa lingua. Na mesma lingua vehicular desenvolvo ao menos vinte cursos de coidados paliativos, tanto de nivel básico como de nivel intermedio, dirixidos a profesionais da atención primaria. Publícanse na nosa lingua documentos como todos os relativos a coidados paliativos, relativos á atención ás familias con pacientes con dor, relativos ao propio plan galego de paliativos. Tamén moitas outras publicacións que estamos utilizando no día a día (guías). A propia sociedade galega de paliativos dispón dunha páxina web que está toda escrita no noso idioma. Nunca tivemos unha queixa. Sempre nos felicitaron. Ninguén nos dixo que usando o noso idioma fixésemos algo con menor difusión potencial.

Plan galego de coidados paliativos

O programa de formación do plan galego de paliativos é transversal. Atende tanto a necesidades de persoal xa formado, como da xente que comeza a desenvolverse neste ámbito. Antende a profesionais da medicina como da enfermaría, do traballo social,  da psicoloxía... de todo o persoal que está implicado na atención de paliativos.
Dentro do plan galego tamén se desenvolven numerosas actividades que atenden o grande público. Facemos intervencións nos principais hospitais para difundir a filosofía dos coidados paliativos como as que fixemos nos hospitais de Verín, de Burela, de case todos os hospitais de Galicia. A xente recibe esta formación na nosa lingua con enorme interese. O número de persoas que se anotan ao curso triplica sempre as prazas disponíbeis. Todos os materiais que empregamos está sempre en galego, tanto o material escrito (presentacións e contidos) como a súa explicación oral. 

A historia clínica

No referente ao rexistro dos pacientes, na historia clínica, en galego, comparto cos compañeiros hospitalarios as limitacións derivadas do tempo, que implica que cando tratas con un paciente que supós que vai precisar o uso dese informa fóra de Galicia utilizamos o castelán, senón desenvolvémonos habitualmente en galego tamén escribimos en galego. Nunca tiven queixa ningunha. Nin problema de comprensión.
No uso da língua non hai dificultade ningunha a nivel técnico profesional, a nivel oficial. De feito, existen textos de coidados paliativos que se traduciron -sexa do francés sexa do inglés- antes ao galego que ao castelán. A literatura fundamental para este ámbito publicouse en galego.
Temos máis problemas no uso diario. No uso frecuente da Historia Clínica. Temos que buscar o equilibrio entre a escaseza do tempo coa necesidade de comunicación.

A tradución das obras específicas

Entre os documentos que se traduciron -dentro dos básicos- están recensións dos traballos pioneiros sobre os coidados paliativos. Traducíronse directamente. Para a Asociación Internacional de Coidados Paliativos (AICP), volcouse do inglés a Declaración de Venecia sobre os coidados paliativos como dereitos humanos. Moitos textos como os Cuestionarios e escalas para a avaliación da dor nos nenos, do Hospital Gustave Roussy de Francia; os materiais derivados dos traballos do Grupo de Edmonton do Canadá...

06/07/15

LUCÍA RIVAS, PREMIO "O GALEGO NA ONDA



Cando botamos a andar o programa "Proxecto Neo", en xaneiro de 2012, non levantamos grandes entusiasmos a non ser nun grupo reducido de persoas entre as que estaba Senín Díaz, un filólogo que naquela altura se ocupaba do control técnico en Radio Burela e que colaboraba en tarefas de redacción. Coa súa axuda e alento, unha semana tras outra conseguimos producir, realizar e difundir através das ondas un espazo de radio educativa que co tempo se ía converter nun foro de convivencia intercultural.

No mes de marzo daquel ano aproximábamonos á ducia de programas emitidos e chegounos unha sorpresa. Lucía Rivas presentouse no Instituto Perdouro, díxonos que nos escoitaba todas as semanas, deunos os parabéns e díxonos algo que aínda ninguén nos dixera: "se hai algo que eu poda facer, contade comigo". Diante da xenerosa oferta, nós fomos torpes e non soubemos estar á altura; non lle dixemos nin que si nin que non. Os pedagogos fomos dominados pola antipedagoxía. Porén, Lucía foi máis forte e máis intelixente e o mércores seguinte presentouse ás portas de Radio Burela media hora antes da realización do programa e dixo que lle gustaría ver como se facía Proxecto Neo.

- Adiante!

Afortunadamente, en plena emisión, Karina Parga tivo que atender as redes sociais e non podía recoller a memoria gráfica. Entón Lucía colleu a cámara, púxose mans á obra e completou a reportaxe fotográfica. Daquela caemos da burra e vimos o evidente: que Lucía se sentía unha integrante do grupo e que podía facer un grandísimo traballo.

Aínda ben que rectificamos a tempo e que superamos os nosos propios prexuízos. Por que os tíñamos?  Vexan o absurdo: porque Lucía naceu cunha limitación física; sen ser xorda, a súa capacidade auditiva era moi limitada; iso obstaculizoulle moito a comprensión e a expresión oral na infancia e, como é evidente, tamén a comprensión e a expresión escrita desde o momento en que entrou no colexio. De aí derivou un fracaso escolar no sistema convencional, que case nos atrapa.

Mais Lucía ten unha forza vital enorme e ten moita capacidade de decisión e é extrovertida e aprendeu desde pequeniña a derrubar fronteiras. Ela incorporouse a Proxecto Neo e púxose a traballar desde o primeiro día e desde o primeiro día chegou sempre con puntualidade, mantívose constante e encargouse de transmitir ánimo nos momentos de dúbida. Incluso máis: Lucía converteuse na nosa referencia de educación en valores. Cando emitimos o programa número 90, foi ela quen dixo: "faltan só dez para os cen; hai que ir pensando nun detalliño para estes rapaces, porque o fan moi ben e porque son moi responsábeis". Pura lóxica e moita sensibilidade.

Felizmente, da responsabilidade e da dedicación de Lucía non nos demos conta nós sós. Para velo, a Rubén Riós e a Andrés Rozados non lles fixo falta máis dun par de sesións, tras das cales tomaron a decisión de propoñer a Lucía Rivas como candidata ao premio "O Galego na Onda" xunto con Viviane e Laura Brito, Simón R. Rouco, Serxio Rivas, Maka Ledo, Elena Valle e Sofu Housni. E, non menos felizmente, a proposta foi aceptada e Lucía ten tamén a súa cota de participación no galardón.

Benvido sexa, pois, este "Galego na Onda" como recoñecemento á forza de vontade e ao espírito de superación; e tamén á coeducación, á educación integradora, á escola comprometida na loita contra as desigualdades sociais.

04/07/15

EN SOLIDARIEDADE CON ALI LMRABET


O xornalista Ali Lmrabet está en folga de fame e protagoniza unha protesta diaria ante a sede das Nacións Unidas en Xenebra para esixir que o goberno marroquino lle permita exercer de novo a súa profesión no seu país, como explica no portal do que é director: www.demainonline.com.

Con esta protesta, que comezou o pasado 24 de xuño, Lmrabet pide ás autoridades de Marrocos os seus documentos de identidade, que lle foron negados, por relanzar a súa actividade profesional.

O xornalista acusa o Goberno de Marrocos de o ter convertido nun indocumentado no seu propio país tras negarlle a renovación da súa identificación nacional e o seu pasaporte alegando inexactitudes na súa declaración de residencia.

Esta non é a primeira folga de fame de Lmrabet. En xuño de 2003, estando no cárcere, xa fixo outra durante 50 días para protestar pola súa condena a tres anos de prisión por "aldraxe ao rei" Mohamed VI. Este último indultouno en xaneiro de 2004 despois dunha intensa campaña internacional reclamando a súa liberación.

En abril de 2005, o goberno de Marrocos prohibiulle exercer o xornalismo no seu país durante 10 anos. Rematado o prazo desta prohibición, o pasado mes de maio, Lmrabet presentouse en Tetuán, a súa cidade natal, para renovar os documentos e relanzar dous semanarios satíricos. As autoridades, non obstante, negáronlle o certificado de residencia, motivo que lle impide renovar a súa documentación persoal e relanzar os seus proxectos profesionais.

Sorte na vida

Como complemento ao programa 132, dedicado á profesora María Dolores Reimunde Noreña, recollemos aquí as súas palabras pronunciadas no acto de despedida do traballo docente. Ao mesmo tempo, tamén facemos públicas algunhas imaxes do Caderno titulado Sorte na vida que lle ofrecemos como mostra de cariño do conxunto da comunidade educativa do IES Perdouro así como de profesores e profesoras doutros centros que nos acompañaron durante a xornada.

PALABRAS DE DESPEDIDA
de
 Mª Dolores Reimunde Noreña


Capa do caderno co que foi presenteada
a profesora Reimunde. No seu interior leva diversos
textos dedicados por varias persoas, entre elas Neves
Cando (ex-alumna na USC e compañeira no Perdouro),
Antón Niñe (Presidente da A. C. Os Matos) e
Sara Gil Cordido (de cuxo relato saíu o título do volume)

Amigas e amigos:
Precisamente hai uns días, unha nai comentábame que estaba preocupada porque non sabía que centro elixir para o seu fillo. Dixéranlle por aí que o Perdouro era o mellor por unha razón: que seguimos moi de cerca o alumnado. Para min, sempre é un orgullo escoitar estas cousas, porque, dende a primeira vez que escoitei a palabra Perdouro daquela que me chamaron por teléfono para comunicarme o meu novo destino ata o día de hoxe, teño comprobado que é verdade: o que encontrei aquí foron uns excelentes profesores, que sodes tamén excelentes persoas. No Perdouro nunca se aforraron esforzos para mellorar a calidade do noso traballo e aínda con todo iso sempre nos parece pouco.
Por tal razón, quero transmitirvos a satisfacción que sinto polos anos que pasei aquí. Síntome agradecida, en primeiro lugar, por ter compartido tantas horas con uns compañeiros sempre dispostos a axudarme cos meus problemas e a darme ánimos en momentos difíciles. Aprendín moito de vós durante estes anos e, no día a día, nos pequenos detalles, conseguistes que me atopase mellor comigo mesma.
En segundo lugar, quero dicir tamén que foi un pracer dar clase durante estes anos a uns alumnos e alumnas como os que temos nós, e comprobar a evolución e a capacidade de superación de moitos deles. Na entrevista que me fixeron para a revista Maruxía preguntábanme cal era o mellor recordo que gardaba do alumnado, e a verdade é que podería dicir moitos máis, en especial despois da entrañable despedida que me fixeron nestes días. Contareivos unha anécdota: cando xa rematara a glamurosa sesión de fotos que me preparastes, xa saíndo das clases, un dos alumnos chamoume aparte e pregunteille: “qué queres?”. Díxome: “botareite de menos!”. Aquela frase inesperada chegoume á alma!
Pola miña parte, levo comigo un bo número de vídeos e fotos, e o que é máis importante: levo comigo os vosos nomes, a vosa amizade e o cariño que me demostrastes durante os meus últimos anos da vida laboral.
Para rematar, quero dicirvos que espero que vós me recordedes por algo máis que por ter inaugurado os aseos, que por certo, quedaron bárbaros.
Moitas grazas por todo!

 

NOTA: O discurso foi pronunciado o día 26 de xuño de 2015 durante a comida de despedida celebrada no restaurante Xoíña de Foz.