Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

04/07/15

Sorte na vida

Como complemento ao programa 132, dedicado á profesora María Dolores Reimunde Noreña, recollemos aquí as súas palabras pronunciadas no acto de despedida do traballo docente. Ao mesmo tempo, tamén facemos públicas algunhas imaxes do Caderno titulado Sorte na vida que lle ofrecemos como mostra de cariño do conxunto da comunidade educativa do IES Perdouro así como de profesores e profesoras doutros centros que nos acompañaron durante a xornada.

PALABRAS DE DESPEDIDA
de
 Mª Dolores Reimunde Noreña


Capa do caderno co que foi presenteada
a profesora Reimunde. No seu interior leva diversos
textos dedicados por varias persoas, entre elas Neves
Cando (ex-alumna na USC e compañeira no Perdouro),
Antón Niñe (Presidente da A. C. Os Matos) e
Sara Gil Cordido (de cuxo relato saíu o título do volume)

Amigas e amigos:
Precisamente hai uns días, unha nai comentábame que estaba preocupada porque non sabía que centro elixir para o seu fillo. Dixéranlle por aí que o Perdouro era o mellor por unha razón: que seguimos moi de cerca o alumnado. Para min, sempre é un orgullo escoitar estas cousas, porque, dende a primeira vez que escoitei a palabra Perdouro daquela que me chamaron por teléfono para comunicarme o meu novo destino ata o día de hoxe, teño comprobado que é verdade: o que encontrei aquí foron uns excelentes profesores, que sodes tamén excelentes persoas. No Perdouro nunca se aforraron esforzos para mellorar a calidade do noso traballo e aínda con todo iso sempre nos parece pouco.
Por tal razón, quero transmitirvos a satisfacción que sinto polos anos que pasei aquí. Síntome agradecida, en primeiro lugar, por ter compartido tantas horas con uns compañeiros sempre dispostos a axudarme cos meus problemas e a darme ánimos en momentos difíciles. Aprendín moito de vós durante estes anos e, no día a día, nos pequenos detalles, conseguistes que me atopase mellor comigo mesma.
En segundo lugar, quero dicir tamén que foi un pracer dar clase durante estes anos a uns alumnos e alumnas como os que temos nós, e comprobar a evolución e a capacidade de superación de moitos deles. Na entrevista que me fixeron para a revista Maruxía preguntábanme cal era o mellor recordo que gardaba do alumnado, e a verdade é que podería dicir moitos máis, en especial despois da entrañable despedida que me fixeron nestes días. Contareivos unha anécdota: cando xa rematara a glamurosa sesión de fotos que me preparastes, xa saíndo das clases, un dos alumnos chamoume aparte e pregunteille: “qué queres?”. Díxome: “botareite de menos!”. Aquela frase inesperada chegoume á alma!
Pola miña parte, levo comigo un bo número de vídeos e fotos, e o que é máis importante: levo comigo os vosos nomes, a vosa amizade e o cariño que me demostrastes durante os meus últimos anos da vida laboral.
Para rematar, quero dicirvos que espero que vós me recordedes por algo máis que por ter inaugurado os aseos, que por certo, quedaron bárbaros.
Moitas grazas por todo!

 

NOTA: O discurso foi pronunciado o día 26 de xuño de 2015 durante a comida de despedida celebrada no restaurante Xoíña de Foz.

Sem comentários:

Enviar um comentário