Alba Fernández presentounos o Café Cultural A Sacabeira, situado na zona das vellas fábricas de Sargadelos. Falounos da decoración e do programa de actividades culturais entre as que están as exposicións de pintura e fotografía, as presentacións de libros e os espectáculos de música e teatro.
Neste programa tamén coñecemos o estudante Brais Costas Fragueiro, que alcanzou a máxima cualificación (13'94) nas probas de acceso á universidade celebradas hai dúas semanas. Durante a conversa soubemos que no próximo curso estudará Filoloxía Galega na Universidade de Santiago.
Co Dr. José Martínez-Romero falamos sobre a cerimonia do seu casamento, celebrado en Buenos Aires un 7 de xullo de 1967, pouco despois do Concilio Vaticano IIº (que abriu as portas á pluralidade lingüística).
Nos minutos finais conversamos coa escritora Adela Figueroa Panisse, representante da literatura galega no Encontro de Escritores e Escritoras dos países de raíz galega celebrado recentemente en Cabo Verde.