Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
Mostrar mensagens com a etiqueta Quico Muñoz. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Quico Muñoz. Mostrar todas as mensagens

28/05/15

ACTIVIDADE DE FOMENTO DO DEPORTE E A SOLIDARIEDADE


O Dr. Quico Muñoz, do Hospital da Costa, participou nun coloquio con alumnado do Programa de Diversificación Curricular (PDC)




O Dr. Quico Muñoz González, médico anestesiólogo do Hospital da Costa, foi o protagonista dunha actividade encamiñada ao fomento da integración social do alumnado do Programa de Diversificación Curricular.
Integrante de DEBRA ESPAÑA (Asociación de Epidermolise Bullosa), unha entidade sen ánimo de lucro formada por persoas afectadas por esta “enfermidade rara”, por profesionais socio-sanitarios e tamén por outras persoas que colaboran de xeito altruísta, o Dr. Muñoz é unha persoa moi implicada no deporte -practica o ciclismo- e nas actividades de integración social. Concretamente na Mariña, é un dos impulsores das carreiras solidarias “Alas de Vida” co obxectivo de reunir fondos para informar, formar e investigar sobre a enfermidade coñecida como “Pel de Bolboreta”.
Neste acto académico transmitíronse os valores do exercicio deportivo e dos hábitos de vida saudable; e salientouse a importancia da participación en actividades e proxectos destinados á integración social das persoas en risco de exclusión. 
O Dr. Muñoz contou ao noso alumnado determinadas vivencias do cicloturismo, unha práctica deportiva que o levou a toda a Península Ibérica, á cordilleira pirenaica, aos Alpes e incluso ao Himalaia (concretamente á zona do Nepal que está sendo devastada polos sismos).

18/05/15

Proxecto Neo, 127.- Melisa R. Bermúdez (Recursos Educativos Abertos); Quico Muñoz.



No programa 127 ofrecemos información sobre a delegación galega da Asociación TEL e os Recursos Educativos Abertos (REA). Nada máis facermos a presentación, recibimos a colaboración de Melisa R. Bermúdez, da área de Enxeñaría Telemática da Universidade. A esta filla de Camariñas dedicámoslle a peza do mesmo nome, interpretada por Luz Casal e Luar na Lubre.
Nunha conversa fluída, conducida con moita habilidade por Maka Ledo, Melisa explicounos con pormenor aquilo que tan ben se describe na páxina dos Recursos Educativos Abertos:

O obxectivo principal de Edu-AREA é contribuír á innovación docente a través de tecnoloxías Web 2.0 e Web 3.0 que promovan a participación activa dos usuarios. De forma máis concreta os obxectivos do desenvolvemento da aplicación de Edu-AREA son: 
1) Facilitar o acceso a recursos e propostas educativas que os docentes poden explorar, copiar e adaptar para crear as súas propias guías docentes e ademais coñecer as propostas doutros docentes facilitando a súa mellora continuada. 
2) Facilitar a documentación das experiencias educativas en base ao rexistro de evidencias e á realización de reflexións sobre as guías docentes de forma que se facilite a avaliación das mesmas. 
3) Fomentar o rexistro e descubrimento de novas actividades e recursos educativos (contidos, ferramentas TIC, persoas, eventos, localizacións) que contribúan a enriquecer as propostas educativas dos usuarios (recomendacións, identificación de modas e tendencias). 
4) Facilitar a adopción de políticas de licenciamiento abertas: Creative Commons. 
5) Introducir facilidades de clasificación e organización de información así como de curación de recursos e proposicións educativas por parte dos usuarios (folksonomías).

Na segunda parte do programa, con Antón Cortizas facendo de ponte, os mandos pasaron de Maka a Helena Valle para que conducise a conversa co Dr. Francisco Muñoz, anestesiólogo do Hospital da Costa. De Anestesioloxía falaron no comezo, mais despois tamén se tocaron outros temas como o do deporte -concretamente o ciclismo- e das asociacións Alas de Vida e Debra, que procuran axuda para as persoas aqueixadas de enfermidades raras (como é o caso das que teñen Pel de Bolboreta).
Os minutos finais do programa 127 trouxéronnos outro documento para enmarcar: entre Silvera Vicente de Oliveira e Noelia Parga Gaitica fixeron a súa primeira entrevista radiofónica. Unha entrevista por teléfono!! Así debutaron as entrevistadoras da profesora Adela Figueroa para facer crónica radiofónica da celebración do Día da Diversidade Cultural.
A nós encheunos de orgullo.