Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante
Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
31/12/15
16/12/15
Proxecto Neo, 144. Brais Morán e Xiana Lastra
O programa 144 estivo dedicado integramente á música galega. Escoitámola. Falamos dela e demos a coñecer dúas novidades discográficas.
O primeiro convidado foi Brais Morán, compositor e intérprete de pezas musicais que xa tíñamos escoitado en Proxecto Neo en programas anteriores. O artista coruñés, con vínculos familiares en Mondoñedo, atendeunos durante un descanso da súa xornada laboral. O ex-integrante de Loretta Martin presentounos o seu primeiro disco en solitario: Cruzando o Eclipse.
Na segunda parte do programa conversamos con Xiana Lastra, que tamén nos presentou A lúa prendeu a luz de Puntada sen fío.
09/12/15
Proxecto Neo, 143. Leticia Breijo Fernández (Asociación de Desenvolvemento "Nordés")
O programa 143 comezou cunha excelente noticia: a licenza galega que permite a participación dos mozos inmigrantes nas competicións futbolísticas federadas. A esta medida chegouse grazas a unha proposición "non de lei" aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza recentemente pola que se obriga a Federación Galega a expedir esa licenza. En Proxecto Neo falamos cun dos beneficiados, Lavilson Rodrigues Monteiro, quen tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que fixeron xestións para solucionar o problema da exclusión. Ademais de dar as grazas ao presidente da A. D. Porto de Burela, ao treinador Abel e ao delegado do equipo xuvenil (Suso Coto), o mozo de orixe caboverdiana comentounos que levaba agardando por esta decisión desde o mes de agosto e que -aínda tendo en conta os obstáculos administrativos- estivo asistindo ás sesións preparatorias durante tres días á semana ao longo destes catro meses.
Despois de escoitarmos a música de Xiana Lastra e os Puntada sen fío, entramos en conversa con Leticia Breijo Fernández (O Vicedo, 1992). A presidenta de Nordés -a Asociación para o Desenvolvemento das Terras da Faladora- atendeunos desde Madrid, onde está realizando estudos de mestrado na especialidade de Historia Contemporánea. O tema de conversa foi a mellora da competencia comunicativa na expresión escrita, poñendo como exemplo a experiencia dun obradoiro específico organizado por Nordés e realizado na Casa da Cultura do Vicedo. Ademais de falarmos sobre o aproveitamento das novas tecnoloxías (whatsapp, SMS, correo electrónico e redes sociais), tamén tivemos tempo para comentarmos o perfil sociolingüístico da nosa convidada.
Nos minutos finais, xa co sosego que dá o paso do tempo, Karina Parga falounos de como viviu desde A Mariña os episodios bélicos entre diversos países europeos -nomeadamente Francia- e o Estado Islámico, uns episodios que levan causado centenares de vítimas.
02/12/15
PROXECTO NEO, nº 142.- Colexio Público Antía Cal
"Esta homenaxe lembrarémola sempre. Todas as persoas que estivemos alí. Unha homenaxe cálida. Houbo tanta calor, tanta emoción, que nos chegou a todas e a todos.
Había varios ingredientes nos actos. Había a parte institucional -o nomeamento de Filla Adoptiva-, mais no principio -na descuberta da placa co nome do colexio- xa comezamos a ver o que ía dar de si a xornada. Desde o minuto 1 non quixen perder nada.
Resultou emocionante ver aqueles alumnos e alumnas e a ternura de Antía. Ver a xente do pobo, as amigas, os amigos, ver a familia... Un día fantástico. Moi completo" (Aurora Marco)
Proxecto Neo -o programa de radio educativa inspirado no modelo pedagóxico das Irmandades da Fala, concretizado e posto en práctica en iniciativas tan magníficas como a que impulsou Dona Antía Cal Vázquez en Vigo- quere contribuír a gardar na voz dos e das protagonistas actos como o celebrado o día 28 de novembro de 2015 en Muras.
Con esa intención puxémonos a traballar. Primeiro pensamos en dedicar a emisión nº 142 a Neira Vilas, Chao Rego e Antía Cal. Mais o tempo resultaba moi escaso para meter tantos contidos. Pensamos en prescindir da música e valoramos que non debíamos facelo, porque a música é unha parte esencial de Proxecto Neo. Á vista das circunstancias, decidimos tributar homenaxe a Neira e a Chao facendo aquilo que eles facían: apostar pola cultura nosa. Propuxémonos recoller as intervencións das nenas e dos nenos labregos e transmitilas á nosa audiencia neofalante para contribuír ao seu renacer no día a día. Conseguímolo.
Na primeira etapa atendeunos a Tenente da Alcaldía de Muras, Belén Chao, que nos fixo crónica do desenvolvemento dos actos do Encontro Cultural. Inmediatamente despois, puxémonos en comunicación co centro de ensino. Falamos coa súa directora -a profesora Beatriz Permui- e sentímonos como na casa, porque nos meteu en plena clase de inglés e porque nos presentou nome a nome as nosas estrelas colaboradoras: Noelia, Uxía, Bernardo, Miguel, María, Mara, Estrella e Cristian.
"Non te coñecíamos de nada pero, cando te coñecemos, tratáchenos como da familia" contounos Cristian Guerreiro Carballido que lle dixera a Tita, alí diante de toda a xente. E nós emocionámonos escoitándoo e escoitando todo o que nos contaron. Por exemplo: a descrición da caixiña coa que presentearon a homenaxeada, unha caixiña que levaba unha foto moi especial.
Despois deste recital de vitalidade, o resto foi complemento. Alba García Pico presentounos unha unidade didáctica destinada a dar a coñecer ao alumnado de ensino secundario e bacharelato a obra de Antía Cal. A Dra. Aurora Marco da Universidade de Santiago contounos as súas impresións dos diferentes actos e glosounos o contido da súa intervención na mesa-redonda en que participou co Dr. Antón Costa -tamén docente na mesma universidade-, coa profesora Mariluz e coa Sra. Genoveva Guerreiro (amigas e veciñas da familia de Antía Cal, en Muras).
O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, accedeu a poñer coas súas palabras o punto e final ao programa. Durante a súa intervención convidounos a facer un programa en directo desde o Colexio Antía Cal... e nós tomámoslle a palabra. Será unha honra!

Subscrever:
Mensagens (Atom)