Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
Mostrar mensagens com a etiqueta Txerra Rodríguez. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Txerra Rodríguez. Mostrar todas as mensagens

27/05/15

Proxecto Neo, 128.- Rodrigo López; Laura del Río; Txerra Rodríguez





Na tarde do 27 de maio de 2015 emitimos o programa 128, producido por Noelia Parga Gaitica e Álex Landim Correia.
A cooperativa de comunicación comezou conversando con Rodrigo López, director musical da Escola de Gaitas de Ortigueira e profesor de música na Asociación Dambara de Burela. Co Maestro da música tradicional falamos sobre a súa participación na celebración do San Patricio en Nova Iorque e sobre o traballo didáctico da Escola de Gaitas de Ortigueira que se converteu nunha institución de referencia na música tradicional pouco despois de ser fundada por Xavier Garrote. A seguir falamos da experiencia en Dambara e centrámonos na progresión de Álex Landim, que chegou a Burela e rapidamente se interesou pola música tradicional da nosa terra. O gaiteiro incipiente interpretounos unha peza en vivo e en directo.
No estudio de Radio Burela acompañábanos Laura del Río Quiroga, profesora de Formación e Orientación Laboral. Seguindo as indicacións de Noelia Parga, Maka Ledo conduciu a conversa que xirou arredor de dous temas: o seu traballo no sector hostaleiro no Reino Unido e en Irlanda xusto despois da licenciatura en Ciencia Política; e o retorno ao Estado Español para traballar na cooperación para o desenvolvemento. Durante a tertulia, a través da liña telefónica recollemos os comentarios do farmacéutico Xosé María Torres, que presidiu durante varios anos a organización Farmacéuticos do Mundo.
Nos minutos finais, Txerra Rodríguez presentounos o programa de actividades do Encontro Galizaleak, que durante dous días reúne en Bilbao axentes culturais de ambas as nacións.


04/12/13

Proxecto Neo nº 72.3 - Adán López Sotelo + Txerra Rodríguez + Miguel Arce


A nosa locutora Maca Ledo abriu o programa 72.3 poñéndolle a voz a un breve fragmento de Termodonte, a primeira entrega narrativa da escritora Begoña Martín Acero, que nos fixo partícipes das tribulacións dunha muller que se ve obrigada a escoller entre a condición feminina e a pertenza á etnia nambiquara. Loxicamente, non quere perder ningunha das dúas. Por iso se rebela. E fai ben.
Despois desta introdución literaria, emprendemos viaxe polas terras comprendidas entre os Oscos e os ríos Eo e Navia sempre da man de Maca. Estivemos na Veiga, en Castropol e en Porcía, onde descubrimos a convocatoria dunha festa rachada. Acabamos falando de Miúdes, da Miudeira e dun tratante.
Con outro tratante falamos a seguir. Neste caso cun tratante de vinte e poucos anos, que nos atendeu desde Ourense. Adán López Sotelo falounos da compra-venda de vacas, becerros, ovellas e cabras. Presentounos o seu traballo e fixo unha valoración das máis importantes feiras e mercados do noso país.
Na segunda parte do programa conversamos con Txerra Rodríguez, o tradutor de Séchu Sende para o Euskera. A pregunta que lle fixemos foi difícil: "Despois da morte biolóxica, a cultura aínda permanece viva"? A resposta foi clara: "si". O entrevistado falounos da Lingua Viva, das Palabras que non leva o vento. Presentounos cifras impresionantes. Desas cifras que levarían os pesimistas á renuncia final e que a nós, ensinantes vocacionais, nos estimulan a buscar a afinación do discurso. Porque -tarde ou cedo- a pedagoxía logrará a transformación.
Nos últimos minutos, desde Cacabelos, atendeunos o profesor Miguel Arce. Foi a primeira vez que falamos sobre o ensino da Lingua e a Literatura na comarca berciana. A escaseza do tempo obrigounos a pedirlle ao profesor que nos atenda noutra ocasión, porque ficaron moitos temas no tinteiro.