Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

20/12/23

Proxecto Neo, 403.13: Escola dos Castros (Burela); Vanesa Vila Verde; Alberto Pombo (Aquí tamén se fala...)



Neste programa 403, o derradeiro do ano 2023, contamos con tres colaboracións da Escola dos Castros: unhas adiviñas, un poema dedicado ao Apalpador e unha canción interpretada e gravada no propio centro educativo.
Despois falamos da FOLIADA INTERNACIONAL MODELO BURELA a celebrar durante a noite do día 22 de decembro no Centro Social Xebra. A profesora Vanesa Vila Verde presentou a actividade, falounos das Soalhas (as artistas que conducirán o evento) e convidounos a asistir activamente (isto é;: convidounos a levar un instrumento musical ou a poñer a voz para cantar).
A terceira parte do programa estivo protagonizada polo profesor Alberto Pombo, do IES Rafael Dieste da Coruña, que nos presentou a nova edición do AQUí TAMÉN SE FALA, que este ano xa conta coa participación de 150 centros educativos e que chegará a uns 10.000 comercios de toda a xeografía galega.

Carmelo, o Apalpador, en visita ao Perdouro.


12/12/23

Proxecto Neo, 402.13: Noely Cardoso Borges; Carla Nepomuceno; Cristian Gómez Mesa; Karina Parga



Desde hai varias semanas, Noely Cardoso Borges é unha voz fundamental no programa. Durante as mañás asiste ás aulas de FP Básica e de tarde asiste ás aulas do programa QUALE e solicita á profesora Vanesa Vila-Verde o asesoramento necesario para locutar a cabeceira de Proxecto Neo. Ás 5 séntese con nervos, mais está preparada.
Neste programa quixemos falar con ela e ela asumiu a entrevista como un servizo ao grupo. Sinceramente, cremos que coa gravación da conversa conseguimos un documento de grande valor pedagóxico.

De grande valor pedagóxico é tamén a entrevista de Hugo F. Galdo (alumno de 2º de ESO) a Carla Nepomuceno, unha autoridade en Lingüística e Pedagoxía. Licenciada en Artes e Humanidades pola Universidade do Mato Grosso, ex-profesora na Universidade Aberta do Brasil, é agora docente no ensino secundario galego (concretamente no IES Gamallo Fierros de Ribadeo).
A alternancia de sotaques durante a conversa é como o fluír das ondas oceánicas que comunican Europa e América. Todo un exemplo de unidade e diversidade lingüística.

Á vista destes dous fragmentos centrais, a parte final do programa -protagonizada por Cristian G. Mesa e Karina Parga- foi un simple complemento. Non deixen de escoitar a primeira entrevista realizada por Nicolás Amorín.

Izan Maseda García durante a realización do programa. A foto é de Lucía Rivas.


06/12/23

Proxecto Neo, 401.13: Izan Maseda e Nicolás Amorín; Jimena e Pablo Domínguez; Martín Barcia; María Fuente



Primeira entrega feita unha vez superada a barreira dos 400 programas. Celebramos o momento coa incorporación de dúas novas voces: as de Izan Maseda e Nicolás Amorín, que aproveitaron extraordinariamente ben as dúas xornadas de observación directa en que xa tiñan participado no estudio.

Unha filla (Jimena) e un pai (Pablo) fixeron un esforzo nas súas axendas e subiron ao estudio para comentarnos os preparativos dunha viaxe educativa a Bélxica, organizada pola Escola de Ensino Infantil e Primario Vista Alegre. Pablo Domínguez falou moi pouco. Non era necesario. A intervención de Jimena estivo á altura da iniciativa que mantén a comunidade da escola, con participación activa de todos os sectores implicados: colosal.

Entre os minutos 45 e 60 tivemos dúas novas entrevistas: Yanira conversou con Martín Barcia, premiado nun certame de artes plásticas convocado polo Concello de Burela; e Hugo falou con María Fuente sobre as actividades do Grupo de Participación Adolescente de Burela, que participou nun acto institucional no Parlamento de Galiza.

Foto de familia do programa 401, o da plena incorporación de Izan Maseda e Nicolás Amorín. Acompañáronnos Jimena e Pablo Domínguez, en representación da comunidade educativa da Escola Vista Alegre; Martín Barcia, deseñador premiado recentemente; e María Fuente, que fixo de portavoz do Grupo de Participación Adolescente do Concello de Burela.  

Deseño de Héctor Manasé para a comunidade educativa da Escola Vista Alegre. Os beneficios das vendas destes produtos está destinado a financiar unha viaxe de estudos a Bélxica.