Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

12/12/23

Proxecto Neo, 402.13: Noely Cardoso Borges; Carla Nepomuceno; Cristian Gómez Mesa; Karina Parga



Desde hai varias semanas, Noely Cardoso Borges é unha voz fundamental no programa. Durante as mañás asiste ás aulas de FP Básica e de tarde asiste ás aulas do programa QUALE e solicita á profesora Vanesa Vila-Verde o asesoramento necesario para locutar a cabeceira de Proxecto Neo. Ás 5 séntese con nervos, mais está preparada.
Neste programa quixemos falar con ela e ela asumiu a entrevista como un servizo ao grupo. Sinceramente, cremos que coa gravación da conversa conseguimos un documento de grande valor pedagóxico.

De grande valor pedagóxico é tamén a entrevista de Hugo F. Galdo (alumno de 2º de ESO) a Carla Nepomuceno, unha autoridade en Lingüística e Pedagoxía. Licenciada en Artes e Humanidades pola Universidade do Mato Grosso, ex-profesora na Universidade Aberta do Brasil, é agora docente no ensino secundario galego (concretamente no IES Gamallo Fierros de Ribadeo).
A alternancia de sotaques durante a conversa é como o fluír das ondas oceánicas que comunican Europa e América. Todo un exemplo de unidade e diversidade lingüística.

Á vista destes dous fragmentos centrais, a parte final do programa -protagonizada por Cristian G. Mesa e Karina Parga- foi un simple complemento. Non deixen de escoitar a primeira entrevista realizada por Nicolás Amorín.

Izan Maseda García durante a realización do programa. A foto é de Lucía Rivas.


Sem comentários:

Enviar um comentário