Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/11/18

Proxecto Neo, 243.8: Rosario San Isidro Franco; Carmen Luísa González; David Val Pena



Rosario San Isidro Franco falounos do Iº Premio Vilar Ponte de Narrativa convocado polo Concello de Viveiro. Uns días antes de que Adolfo Caamaño e Rocío Leira recollan os seus premios, coñecemos que se presentaran 36 novelas procedentes de moi diversos lugares.
Carmen Luísa González falounos das súas obras literarias e mostrou disposición para facernos algunha gravación para podermos retransmitir a través de Proxecto Neo.
No último terzo do programa, o entrevistado foi o xornalista de Radio Foz David Val Pena, que nos presentou o seu libro titulado "Un nómada en bicicleta" (Ed. Lar).

21/11/18

Proxecto Neo, 242.8: Karmen Veiga, Ángeles Lombardía; Xián Liñares; Manuel Miragaia


Recibimos no estudio a visita da Recanteira da Mariña e do profesor Xián Liñares. A integrante do grupo musical Tapyoca, Karmen Veiga, visitounos con motivo da súa participación no concurso musical da Televisión de Galicia. Falounos da súa participación e pediu o apoio da audiencia para conseguir superar unha nova fase.
Desde Castropol, Ángeles Lombardía falounos dun encontro poético de voces eo-naviegas, que se reuniron nun restaurante da Colorada (Navia) nun encontro artístico que uniu literatura e música.
O profesor Xián Liñares presentounos a comarca da Barcala, da que é orixinario, e fíxonos unha interesante proposta de visita, non só ao rico patrimonio monumental da zona senón tamén é emblemática Feiraco.
Xa nos minutos finais, falamos con Manuel Miragaia, da ANG, que nos convidou a participar no acto de entrega do Premio Estudante Galeguista a Marco Pereira Oliveira, director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, producido polo IES Perdouro e emitido a través de Radio Burela e outras diversas emisoras (Radio Fusión, Radio Filispim, CUAC FM e Rádio Internacional Lusófona).

15/11/18

Proxecto Neo, 241.8: Francisco Martínez Hidalgo


No final do programa Francisco Martínez Hidalgo aínda estivo uns minutos
coa Masa Coral Modelo Burela. A foto é de Lucía Rivas. 

Francisco Martínez Hidalgo (Santiago de Compostela, 1977) estudou Filoloxía e Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela. A súa participación no Movimento Estudantil Universitario (MEU) foi a base que inspirou as colaboracións no Xornal de Galicia e no Praza Pública.

07/11/18

Proxecto Neo, 240.8: Anxos Sobriño (COTENOL); Santiago Suárez Blanco (40º aniversario IES Ortigueira)




15 de novembro de 2018. Sala Capitol. Compostela. Cuarta edición do LG x 15. Coñecemos as vivencias da do ano pasado grazas á intervención de Fátima Fatallah e nesta ocasión puxémonos en contacto con Anxos Sobriño, da COTENOL, para que nos adiantase os contidos da presente. Música, Empresa, Deporte, Audiovisual, Ensino, Chave das noces... Todo iso complementado coa música de Alba María e de Brais Morán.
Nós chamámoslle o Encontro das Ilusións.
Na segunda parte, o protagonismo foi para o profesor Santiago Suárez Blanco e para o 40º aniversario do Instituto de Ortigueira.