Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/04/15

Proxecto Neo nº 124.- Nacho Pena (C. T. Noite Boemia); Andrea Álvarez (IES de Bande); Johannes Kabateck (Univ. de Zürick); Silvera V. de Oliveira (IES Perdouro)



Chámase Nacho Pena Maceda. Estuda no Instituto Menéndez Pidal -o que é coñecido como Zalaeta- da Coruña. Leva no teatro desde os tres anos. Estimulado pola familia, aprendeu técnica e fixo moita práctica no Colexio Andaina; despois pasou á Compañía Noite Boémia, coa que leva percorrido grande parte da Península.
Ese é o primeiro convidado do programa nº 124. En menos de vinte minutos contounos a súa experiencia do Tíralle da Lingua, falounos da súa formación artística e fíxonos rir mentres interpretou para nós un fragmento do espectáculo que protagonizara só uns días antes.
Despois do ritmo frenético de Nacho, entramos nunha fase de calma con Andrea Álvarez, a gañadora do Tíralle da Língua na edición de 2015. Estudante de 4º de ESO no Instituto Aquis Querquernis, esta moza que desprendía humildade foinos relatando punto por punto como fixeron a preparación e a selección para acudir ao certame. Falounos con inmenso cariño da dedicación profesional do seu profesor de Lingua e Literatura, Xoán Carlos Domínguez Alberte, de quen dixo que "xa me deu... e espero que me siga dando". 
Faltando 25 minutos para as seis da tarde, atendeunos desde a Universidade de Zürik o profesor Johannes Kabatek, que estaba acompañado polos seus alumnos e alumnas. Maka Ledo e Helena Valle preguntáronlle pola súa relación coa nosa terra, tamén pola súa experiencia como docente na Universidade e incluso polas vivencias nunha viaxe de estudos que os trouxo a terras mindonienses. O profesor falou non só de Mondoñedo e Cunqueiro. Comentounos que estiveron en Tui, na Coruña, en Santiago e en Pontevedra.
Antes de finalizar a entrevista, como sabíamos que estaba rodeado de alumnado, fixémoslle unha proposta: que aceptase colaborar na produción dun próximo programa de Proxecto Neo e que convidase algún ou algunha estudante a participar connosco. Pareceulle unha boa idea e xa se atreveu a suxerirnos un nome: David Paul Gerards.
Os cinco minutos finais estiveron protagonizados por Silvera Vicente de Oliveira. A alumna do Instituto Perdouro leunos en antena o seu relato intitulado "45 días en Dakar", que recolle a súa propia experiencia autobiográfica de ter que estar moito tempo na capital doutro país á espera da resolución de trámites burocráticos.

24/04/15

O ANTI-MODELO


Bernardo Penabade

23 de abril de 2015, Día do Libro. Para a primeira hora da tarde estaba previsto na igrexa de Burela o funeral de corpo presente dun veciño que chegara á vila trinta e tantos anos atrás procedente da República de Cabo Verde. As campas tocaban a defunto e, como ocorre habitualmente, no tanatorio reuníanse os parentes do finado, que recollían as mostras de condolencia de persoas amigas e coñecidas.

No caso que nos ocupa, a visión panorámica do tanatorio e do seu exterior chama a atención: non se ve a Burela multicultural; nin hai rastro dela. Nese contexto, pensamos “aquí falta algo de brancura”. E tan claro que faltaba: 1º) porque o falecido traballou durante varias décadas en barcos pesqueiros galegos, con empresa armadora e parte da tripulación galega; 2º) porque un dos seus fillos xogou nos equipos deportivos de Burela desde que tiña cinco ou seis anos até que, superados os vinte, tivo que deixar a Mariña para procurar traballo en Francia; e 3º) porque a súa filla menor -xa unha mociña- é estudante nun centro de ensino secundario da localidade.

Certo é que entre a comitiva de acompañamento había cinco deportistas, que acariñaban todo o que podían o seu compañeiro, fillo do finado; certo que tamén estaba a seguidora nº 1 do C.D. Burela, que se fundiu nun abrazo co rapaz, a quen lle ten moita estima desde que era ben pequeniño e nos facía levantar dos asentos no campo da Marosa cando se internaba pola banda e servía en bandexa goles para o seu equipo; certo é que tamén estaban tres ou catro profesoras, entre elas unha da escola infantil e outra do Instituto. Mais eran excepción. Excepción moi chamativa.

Como preferimos gardar no recordo as imaxes positivas, quedámonos coa do cociñeiro dunha das embarcacións en que traballara o finado. Entre el e os seus compañeiros caboverdianos agora xa retirados non había problema de comunicación; tampouco coas mulleres destes, que o saudaban e se preocupaban polo seu estado de saúde del e da súa esposa.

Inmersos nestas reflexións -provocadas pola observación- fomos ao oficio litúrxico e presenciamos máis do mesmo. “En el nombre del Padre, del Hijo y del Espíritu Santo”. Home novo o oficiante, mais costumes vellos. Ningunha concesión intercultural. Nin un cántico. Xa non digamos unha lectura. E a prédica? Tampouco. Como “tamén non” o típico agradecemento da despedida (“La familia del fallecido les agradece...”).

Que difícil é articular a palabra sensibilidade. Así, con seis sílabas, que difícil!

Aínda ben que nos dixeron que podíamos ir en Paz, entón en paz fomos.

Que ben socializado está o anti-modelo, Burela!

22/04/15

Proxecto Neo nº 123.- Joel R. Gômez; Clube de Lectura "Monte Castelo"; Noelia Vilariño




Comezamos a desenvolver os contidos do programa 123 co anuncio da presentación dun libro: Ernesto Guerra da Cal, do exílio a galego universal (Através; 2015).
A segunda información estivo moi relacionada coa primeira:  a animación á lectura. No estudio de Radio Burela acompañáronnos de novo tres das integrantes do Clube de Lectura do Instituto Monte Castelo: Teresa Bermúdez, María Caamaño e Pilar Romero.
Na parte final do programa viaxamos á Coruña para escoitar a lectura dunhas cartas moi especiais: as enviadas de Coristanco á Coruña por Soraya Mato a Noelia Vilariño.

O xornalista Joel R. Gômez, da delegación compostelá de La Voz de Galicia, atendeunos telefonicamente para conversarmos sobre o seu novo libro centrado na vida e a obra do tamén escritor e investigador Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911-Lisboa, 1994). A pregunta de Maka Ledo, o crítico literario defendeu o autor do Rio de Sonho e Tempo como "o grande divulgador internacional da Galiza; da língua, da literatura e incluso da cultura en sentido alargado". A seguir confirmounos que este ensaio pretende contribuír a corrixir unha inxustiza co intelectual exiliado. Interpelado por Helena Valle, que se interesou pola obra literaria de Guerra da Cal, Joel R. Gômez explicou a súa evolución lírica desde que publicou o Rio de Sonho e Tempo  (Ed. Galaxia) até que apareceu já postumamente o Caracol ao Pôr-do-Sol (editado pola AGAL). Na parte final da entrevista, o xornalista e investigador de Tamallancos falounos do relacionamento entre Guerra da Cal e García Lorca.
Naturalmente, despois desas palabras, a ocasión pedía escoitar o "Chove en Santiago". Iso fixemos, na voz de Rosa Cedrón e na instrumentación de Luar na Lubre. Antes da música, aínda gozamos do recitado do poema a dúas voces:
Chove en Santiago,
meu doce amor. 
Camelia branca do ar
brilla entebrecida ao sol.

Chove en Santiago 
na noite escura. 
Erbas de prata e de sono 
cobren a valeira lúa. 

Olla a choiva pola rúa, 
laio de pedra e cristal. 
Olla no vento esvaído 
soma e cinza do teu mar. 

Soma e cinza do teu mar, 
Santiago, lonxe do sol. 
Água da mañá antiga 
treme no meu corazón. 

Escoitada a música, chegou o momento de Teresa Bermúdez, María Caamaño e Pilar Romero. As alumnas do Instituto Monte Castelo faláronnos da obra narrativa Meu pé de laranxa lima, do brasileiro José Mauro de Vasconcelos (Ed. Primerapersona). As estudantes de 3º de ESO definiron este como un fermoso libro de denuncia social, protagonizado por un neno de cinco anos maltratado pola súa propia familia, "fillo do desemprego e da mestizaxe colonial, listo como a fame". 
Os minutos finais estiveron protagonizados por Noelia Vilariño, estudante da Coruña, que nos leu con paixón dúas das cartas que lle enviou a súa colega Soraya, de Coristanco. Aínda que tivemos os clásicos problemas de son, que padecemos cando nos vemos obrigados a usar a telefonía celular, a intervención de Noelia resultou moi gratificante porque nos mostrou ás claras un exemplo de innovación educativa. 
A música do "Grándola, vila morena" puxo o punto e final ao programa previo á celebración do 25 de abril, Día da Liberdade.

16/04/15

POLO PÚBLICO, EN TODOS OS SENTIDOS



Marga Pazos Barcala





A última vez que estiven nominada ao Mestre Mateo -unha vez- foi unha honra perdelo diante deste gran comunicador e hoxe é unha honra -aínda maior, se cabe- recibilo das súas mans.
Grazas á Academia. Grazas a calquera compañeiro que nalgún momento da vida pensara que merecía estar aquí esta noite, ademais nomeada a carón de Fernanda, de Marta, do gran João Simões (que me ten o corazón roubado e que, ademais, imos medio “a pachas” con este premio porque a súa filla Antía vaino ter en réxime de custodia compartida para poder maquillalo. Iso está xa fetén).
A primeira vez que presentei un telexornal tiña vinte e un anos. Foi unha inconsciencia marabillosa por parte de quen tivo que decidir que eu me podía facer cargo dunha cousa así. O primeiro día encargáronme facer tres minutos de deportes (eu xa presentaba daquela cunha persoa que era unha gran veterana). Comezamos o Telexornal, chegaron os deportes e aquela presentadora dixo “hoxe estréase aquí con nós, na Televisión de Galicia, nos Deportes, unha nova compañeira. Chámase Marga Pazos. Ola, Marga. Que tal?”. Era unha pregunta retórica para que eu comezase a falar e de repente eu díxenlle “pois moi ben. E ti que tal?”. Cando vin a cara de pánico de Irene Lamas, xa me dei conta de que aquilo se cadra non era así, que había que comezar a falar, pero -aínda así- eu esperei, educada, e ela díxome:
-Ben... eu tamén, pero... nos deportes, que pasou?
Isto foi verdade!
Afortunadamente era un Bos días e tiven a fe de que non houbese moita xente vendo a televisión, polo menos aquel día e naquel momento. Pero había dúas persoas, dúas, que coas legañas postas, en pixama -ás seis da mañá era aquilo-, arrastráronse ao sofá e os dous coas manciñas agarradas -pasando máis nervios ca min, seguro- flipaban un pouco. Eran meu pai e miña nai que dicían:
-A nosa rapaza, que está saíndo na televisión!
Estaban como incrédulos sen darse conta, sequera, que a maior parte do mérito de que eu estivese saíndo na televisión ese día era deles. Porque foron dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron e me educaron -e tamén me berraron algunha vez-, pero que me acariñaron sempre no meu idioma: en galego.
Eles sempre me animaron. En cada capítulo da miña vida sempre me tatuaron que eu era capaz de conseguir o que fose. Falo deles, pero de toda a miña familia: miñas tías, meus tíos, meus curmáns, meus avós... a Barcalada toda, que somos un cento e -como somos un cento- temos as nosas cousas, pero si sabemos onde estamos e quen somos. E grazas ao meu idioma teño traballo -e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil; traballo no meu país e para o meu país- e nese idioma sigo eu acariñando tamén os meus tres "pelouros", que son o máis bonito que fixen na miña vida -Helena, Roque, Celia, que vos adoro-, os meus filliños e o seu pai que está aí comigo, o meu Castaño, o meu compinche, e o meu compañeiro de vida.
Pero se por algo estou orgullosa tamén -á parte da miña familia, á que lle estou moi agradecida-, é porque traballo na televisión pública de Galicia. Somos un servizo público.
 Seguro, seguro segurísimo, que en TVG hai cousas que mellorar. Sempre se pode facer mellor. Sempre. Pero alí hai unha chea de compañeiros moi bos, bos compañeiros -algúns, grandísimos amigos- dos que é moi difícil atopar, grandes profesionais rigorosos e serios aos que lles encanta traballar todos os días.
Así que: esixídenos, obrigádenos a dar o mellor, porque vós non sodes audiencia, non sodes clientes, non sodes usuarios. Sodes os propietarios.
Así que: polo público, en todos os sentidos.

NOTA: O presente texto reproduce a intervención da Xornalista Marga Pazos Barcala no momento de recibir de mans do seu compañeiro Alfonso Hermida o galardón que a acredita como mellor comunicadora de televisión nos Premios Mestre Mateo de 2015. O discurso está recollido directamente do vídeo da TVG. Calquera erro ou omisión é responsabilidade exclusiva nosa.

15/04/15

Proxecto Neo nº 122.- DA CORUÑA PARA O MUNDO: María Liaño e Marga Pazos


Inmediatamente despois de terse celebrado na Coruña a gala de entrega dos premios Mestre Mateo aos mellores traballos do audiovisual, quixemos establecer contacto directo con persoas implicadas neste sector tan importante na cultura galega.
Primeiro -coa condución de Helena Valle- falamos con María Liaño, actriz, dobradora e produtora de longametraxes, documentarios e series televisivas. Ademais de conversarmos sobre o seu labor de dirección e xefatura de produción, tamén coñecemos a súa faceta de representante de actores e actrices. Así surxiron os nomes de Antonio Mourelos, María Bouzas, Nerea Barros, Manolo Cortés...
Mais aínda fomos alá! Antes da despedida, Maka Ledo púxolle voz a este texto literario da autoría de María Liaño.

Autobús urbano. 9 da mañá.
Todo o mundo serio, calado, cada un ao seu, cando un bebé empeza a rir coas coñas que lle fai o pai. Escachaba coa risa e cada vez ía subindo o volume.
 Comezamos todos a mirarnos de esguello e a sorrir polo baixo.
 A medida que o cativo berraba máis, o resto riamos con máis forza até que todo o bus acabou rindo co pequeno.
 Un simple riso dun neno, cambiou o ánimo de todo un autobús cheo de adultos.
Que necesario é rir!!

Despois deste magnífico momento, escoitamos a música do Sonoro Maxín, nun tema moi acaído: "Estou feliz".
Felices estábamos porque acabábamos de ter o privilexio de conversar con María Liaño e felices estábamos porque, naquel momento, Matías Nicieza xa nos confirmaba que tíñamos comunicación con Marga Pazos Barcala.
Nós queríamos felicitala, en vivo e en directo, sen mediacións. Porque na recolla do Premio Mestre Mateo que a distinguiu como "mellor comunicadora de televisión" en 2015, a presentadora do Telexornal Mediodía fixo un discurso moi sentido e moi profundo. Por iso e porque nós fixemos nosas as súas palabras, puxémonos en contacto con ela para facerlle chegar o sentir da nosa audiencia e para testemuñarlle o noso aplauso.
Como foi a entrevista que lle fixo Maka Ledo? 
A resposta é fácil: escoiten... e comenten sinceramente (que temos unha sección específica para iso).

INFORMACIÓN COMPLEMENTAR

Letra da canción

MATRIARCAS

Comezan as historias
con homes encumados.
Rematan sempre todas
con mulleres que os salvaron:

da morte do intelecto;
de insectos que os picaron;
de turbias lendas vellas,
que non queren nen lembrar.

 E nós pouquiño a pouco
 imonos situando
construindo barricadas
 no país dos alalás.

Nós en corpo e alma;
nós comprando calma;
nós cousa por cousa
sen podernos despistar.

Nós aleitadoras;
nós conquistadoras
brillantes activistas
da vida cotián.

E nós que resistimos
a séculos de forza.
E nós as matriarcas
do país dun tal Breogán.


1) Unha visión sobre o audiovisual: http://praza.gal/opinion/2450/o-audiovisual-galego-reinventase/ (ARTIGO DE OPINIÓN DE X. A. PÉREZ LEMA)
2) Entrevista a Marga Pazos (publicada por El Progreso no día 5 de abril de 2015): elprogreso.galiciae.com/noticia/374302/non-perdo-de-vista-que-tvg-e-television-de-todos-os-galegos
3) Conversas con Marga Pazos: https://www.youtube.com/watch?v=TDIt64WgUJM (Telediver, do IES Chano Piñeiro de Forcarei).
4) Castelao, biografía dun ilustre galego (LONGAMETRAXE do DR. PÉREZ PRADO): https://vimeo.com/19333127

09/04/15

Proxecto Neo nº 121.- José Estévez (Literarte) e Soraya Mato (Coristranca, a lectura con retranca)



O programa nº 121 comezou a ritmo primaveral. Xusto despois da locución do sumario, entramos no desenvolvemento dos contidos co impulso da Primavera de Vivaldi. En primeiro lugar, Maka e Helena falaron con Karina Parga para que esta nos fixese un balanzo do intercambio escolar Galiza-Bretaña que se celebrou -na súa primeira fase- no final do pasado mes de marzo.
A seguir, viaxamos a Lugo para conversar co escritor José Estévez, que nos falou en calidade de coordenador das publicacións colectivas Alén do Silencio e Literarte. Contribuímos así a dar a coñecer unha magnífica porta aberta para que as novas voces podan ver publicados os seus textos. Naturalmente, puxemos en destaque as contribucións feitas desde A Mariña e recollidas nestes dous volumes.
Antes de falarmos co director do obradoiro "Xuventude Emprende" (celebrado en Lugo, coa participación de alumnado do IES Perdouro), protagonizamos un momento moi especial. Proxecto Neo serviu de "reemisor" dun programa de radio producido, redactado e locutado polo alumnado do Clube de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Foi o "aperitivo" para unha entrevista deliciosa que nos concedeu Soraya Mato, unha das protagonistas desta emisión (A fume de carozo) e desta bitácora que nós recomendamos.