Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

24/04/15

O ANTI-MODELO


Bernardo Penabade

23 de abril de 2015, Día do Libro. Para a primeira hora da tarde estaba previsto na igrexa de Burela o funeral de corpo presente dun veciño que chegara á vila trinta e tantos anos atrás procedente da República de Cabo Verde. As campas tocaban a defunto e, como ocorre habitualmente, no tanatorio reuníanse os parentes do finado, que recollían as mostras de condolencia de persoas amigas e coñecidas.

No caso que nos ocupa, a visión panorámica do tanatorio e do seu exterior chama a atención: non se ve a Burela multicultural; nin hai rastro dela. Nese contexto, pensamos “aquí falta algo de brancura”. E tan claro que faltaba: 1º) porque o falecido traballou durante varias décadas en barcos pesqueiros galegos, con empresa armadora e parte da tripulación galega; 2º) porque un dos seus fillos xogou nos equipos deportivos de Burela desde que tiña cinco ou seis anos até que, superados os vinte, tivo que deixar a Mariña para procurar traballo en Francia; e 3º) porque a súa filla menor -xa unha mociña- é estudante nun centro de ensino secundario da localidade.

Certo é que entre a comitiva de acompañamento había cinco deportistas, que acariñaban todo o que podían o seu compañeiro, fillo do finado; certo que tamén estaba a seguidora nº 1 do C.D. Burela, que se fundiu nun abrazo co rapaz, a quen lle ten moita estima desde que era ben pequeniño e nos facía levantar dos asentos no campo da Marosa cando se internaba pola banda e servía en bandexa goles para o seu equipo; certo é que tamén estaban tres ou catro profesoras, entre elas unha da escola infantil e outra do Instituto. Mais eran excepción. Excepción moi chamativa.

Como preferimos gardar no recordo as imaxes positivas, quedámonos coa do cociñeiro dunha das embarcacións en que traballara o finado. Entre el e os seus compañeiros caboverdianos agora xa retirados non había problema de comunicación; tampouco coas mulleres destes, que o saudaban e se preocupaban polo seu estado de saúde del e da súa esposa.

Inmersos nestas reflexións -provocadas pola observación- fomos ao oficio litúrxico e presenciamos máis do mesmo. “En el nombre del Padre, del Hijo y del Espíritu Santo”. Home novo o oficiante, mais costumes vellos. Ningunha concesión intercultural. Nin un cántico. Xa non digamos unha lectura. E a prédica? Tampouco. Como “tamén non” o típico agradecemento da despedida (“La familia del fallecido les agradece...”).

Que difícil é articular a palabra sensibilidade. Así, con seis sílabas, que difícil!

Aínda ben que nos dixeron que podíamos ir en Paz, entón en paz fomos.

Que ben socializado está o anti-modelo, Burela!

Sem comentários:

Enviar um comentário