Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

20/12/17

Proxecto Neo, 211.7: Óscar Fernández (Fundación Eu Son); Alberto Ladero Lorente; Chus Polo




Óscar Fernández presentounos o traballo da Fundación Eu Son, dedicada á atención de persoas con discapacidade. Noé F. Quelle preguntoulle tamén por un festival organizado pola Eu Son Band, formada por homes e mulleres atendidos por esta entidade.
O escritor Alberto Ladero Lorente convidounos á lectura das súas obras tanto do xénero poético como do narrativo.
Nos minutos finais conversamos coa profesora Chus Polo, que lembrou para nós a súa etapa como docente na Escola de Idiomas de Ponferrada.


13/12/17

Proxecto Neo, 210.7: Xesús Castro; José Ángel García; Victorino Pérez Prieto



O escritor Xesús Castro visitounos no estudio para presentarnos o seu libro de poesía titulado Ultramarino. Ao mesmo tempo tamén nos presentou a Editora Chan de Pólvora.
José Ángel García, Xefe de Estudos da sección de ensino para persoas adultas do IES Monte Castelo, falounos da súa experiencia no Colexio Cañada Blanch de Londres e tamén nos deu a coñecer a súa valoración sobre as seccións bilingües no ensino secundario.
Nos últimos vinte minutos conversamos con Victorino Pérez Prieto, que nos presentou as súas obras centradas na figura de Prisciliano.

29/11/17

Proxecto Neo, 209.7: Gema Albo (Serrín Ultramarinos); Sr. Anónimo (Baiuca); Ariadna Díaz; María G. Jartín




A audición deste programa permítenos entrar nun ultramarinos e coñecelo por dentro. A través das palabras de Gema Albo, visualizamos as imaxes dos queixos, dos lacóns e dos grelos, das conservas vexetais e marítimas, dos viños, das sidras e das augas.  Visualizamos os sectores produtivos galegos en dous mercados de Madrid: o de Pacífico e o de Chamberí. Todo orientado pola poesía de Manuel María e a música de María Manuela.
Despois coñecemos a música de Baiúca e fixémolo en conversa co seu impulsor, o Sr. Anónimo, que atendeu a nosa chamada teléfonica.
Ariadna Díaz, do Colexio Virxe da Cela de Monfero, animounos a colaborar coa Campaña Mundial da Educación.
María G. Jartín víñanos falar dun encontro de desenvolvemento rural celebrado na Ponte Nova, mais... acabou recitándonos poesía de Avelino Díaz e nós acabamos encantados escoitándoa. Para agradecer tal xentileza, Matías Nicieza púxolle música de Treixadura. 
Todo ao estilo Proxecto Neo.

22/11/17

Proxecto Neo, 208.7: Campaña Mundial pola Educación; Emilia Abelairas; Denisse Coelho Gomes; Xavier Valle (Fac. de Matemáticas, USC)




Miguel Rodríguez presentou en Proxecto Neo a Campaña Mundial pola Educación. Como complemento ás súas palabras, presentamos tamén as de Camino Pereiro, directora do Colexio Virxe da Cela de Monfero, que estivo recentemente no acto institucional que sobre este mesmo tema se celebrou no Congreso dos Deputados.
A profesora Emilia Abelairas Sarceda, Economista pola Universidade da Coruña, falounos dos estudos de Formación Profesional na familia de Administración e Finanzas. 
A seguir, Denisse Coelho Gomes, comentounos o discorrer da visita do Embaixador de Cabo Verde a Burela, onde estivo para recoller persoalmente as demandas dos seus compatriotas.
Nos minutos finais falamos de números. O profesor Xavier Valle, da Faculdade de Matemáticas da USC, presentounos as Xornadas de Terminoloxía a celebrar nos días 28 e 29 de novembro no Campus Vida.

15/11/17

Proxecto Neo, 207.7: Serafín Saavedra; Pelayu Valduvieco





O programa dedicado a D. Ramón Marful, ten dúas entrevistas antolóxicas. Na primeira, Alba Geada conversa con Serafín Saavedra, o responsábel do Cemiterio de San Froilán (Lugo). Unha auténtica lección de arquitectura, escultura, pintura, artesanía en vidro... e tamén unha lección maxistral en Literatura e Humanismo.
Na segunda, foi Sergio A. Mon quen se encargou de nos presentar o perfil lingüístico de Pelayu Valduvieco, filólogo e docente asturiano.


08/11/17

Proxecto Neo, 206.7: Cecilia Pérez (Alcaldesa de El Franco; María G. Jartín; Paco Rivas; Nuria Ramos Cuba



A Alcaldesa do concello de El Franco atendeu a nosa chamada para nos presentar o programa de desenvolvemento "El Franco emprende", destinado ao fomento das habilidades socioeconómicas dos mozos e mozas maiores de 18 anos (non só daquel concello, senón das comarcas limítrofes co río Eo).
A profesora María García Jartín acompañounos no estudio e aproveitou a visita para facer reivindicación do Día das Letras Galegas para o poeta Avelino Díaz. Despois tamén nos falou da importancia da comunicación para o emprendemento.
Paco Rivas presentounos o seu novo libro, un conxunto de 15 relatos recollidos baixo o título de Mar... Usía (Baía, 2017). Durante a entrevista, tivemos o pracer de incorporar unha nova voz ao programa: a de Nuria Ramos Cuba, que nos vai acompañar neste curso.


25/10/17

Proxecto Neo, 205.7: Roi Cagiao; Rosana Rielo



O cineasta Roi Cagiao estivo no estudio para falarnos da súa produción audiovisual. A través das súas palabras coñecemos as súas primeiras obras e despois centrámonos en Vigo, 1972. 
Nos minutos finais, viaxamos a Lugo para escoitar as propostas culturais que nos fixo Rosana Rielo (Concelleira de Cidadanía), que nos convidou a visitar o cemiterio de San Froilán.

18/10/17

Proxecto Neo, 204.7: Luis Cañizal; Kerry Stephen; Antonio Reigosa; Xoán Carlos Sar



Comezamos o programa coas palabras emocionadas do profesor e escritor Luis Cañizal, que nos evocou a sua etapa docente no Instituto San Isidro (de Madrid) e que quixo transmitir as súas palabras de parabéns para o tamén escritor Lionel Rexes, a quen tivera como alumno. Continuamos con emoción. Desta vez a través da conversa coa profesora norteamericana Kerry Stephen, que nos visitou no estudio de Radio Burela para falarnos da súa actividade como auxiliar de conversa nas aulas de lingua inglesa. Durante esta entrevista, falamos con Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo) e con Xoán Carlos Sar (Tenente-Alcalde de Fisterra), que nos convidaron a visitar as súas respectivas localidades.

11/10/17

Proxecto Neo, 203.7: Lionel Rexes



O escritor Lionel Rexes acompañounos no estudio de Radio Burela e protagonizou unha magnífica sesión didáctica. Alba Geada e Noé F. Quelle conduciron ao unísono unha completa entrevista que abordou aspectos contextuais e que tamén nos permitiu visualizar en panorámica a produción literaria do convidado. No último cuarto do programa, centrámonos en coñecer a súa última entrega, A raíña das velutinas, coa que conseguiu gañar o Premio Lueiro Rei (Xerais; 2017)

04/10/17

Proxecto Neo, 202.7: Ivandro Soares; Carlos Lopes (Big Boyce)



De esquerda a dereita: Carlos Lopes, Ivandro Soares, Karina Parga, Bernardo Penabade, Sergio A. Mon, Noé F. Quelle e Cristian G. Mesa.

28/06/17

Proxecto Neo, 201.6: Fundaçom Artábria; Moisés Cima; Marco Pereira; Hafdalá Mani Luali



Sergio Alonso quería coñecer a Fundaçom Artábria e Vítor Santalha levounos ao centro social localizado en Esteiro, moi próximo ao Campus Universitario de Ferrol e falounos da historia do colectivo e das actividades que promove (música, teatro, festas, lanzamento de libros, debates...).
Inmediatamente despois, coñecemos a voz poética de Moisés Cima e tivemos o privilexio de que Marco Pereira nos presentase as músicas de João Caetano, o cantor que canta no noso idioma "de Macau para o mundo".
Nos minutos finais, Alba Geada entrevistou o psicólogo saharaui Hafdalá Mani Luali, que nos atendeu en representación da asociación Diversidades, con sede en Vigo.

26/06/17

COMUNICACIÓN EN DOBRE DIRECCIÓN

Manuel González Prieto (Grupo As Médulas para a Lingua e a Cultura Galegas do Bierzo)

PROXECTO NEO. PROGRAMA 200. 5 ANOS DE MODELO BURELA NAS ONDAS-
Fermoso proxecto, os nosos mellores desexos e grazas por convidarnos a participar nesta xornada radiofónica tan especial.
Podedes escoitar a membros do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, na ligazón web: http://proxectoneo.blogspot.com.es/…/o-especial-200-continu…
Carme Prieto. Minuto 85.
Victor Miguel Villar López. Minuto 89.
A Intervención de Manuel González Prieto, eu mesmo, minuto 41, e na ligazón web:
http://proxectoneo.blogspot.com.es/…/proxecto-neo-2006-prog…
Apertas xente do Proxecto Neo...

Adelino Barros
 
Bom dia. 
Agradeço a oportunidade
Infelizmente a comunicação não estava em melhores condições mas pra mim foi mesmo assim um prazer. Sempre que preciso estou à vossa inteira disposição.
Agora só pra deixar a minha opinião sobre a oficialização da lingua caboverdeana. Penso que em primeiro lugar seria uma questão de valorização da nossa lingua materna e o reconhecimento da identidade do nosso povo. A lingua identifica um povo e nesse caso o povo caboverdeano (Povu Kriolu). Em segundo lugar a oficialização reprezenta tomada de consciência do valor da nossa lingua para todas as nossas comunidades no país e pelo mundo principalmente no que diz respeito à educação. Como se sabe é muito mais fácil e eficaz quando se ensina na própria lingua e ainda digo que oficializar o Kriolu é respeitar um dos direitos humanos consagrados.
Obgd mais uma vez pela oportunidade. 
  

A radio escolar Proxecto Neo, feita por escolares del IES Perdouro que emiten en Radio Burela, celebrou el programa 200 con cuatro horas de emisión. Neste primeiro bloque fainme úa entrevista, puéndome nalgún apuro, pasada 1h 25'. Os nenos que integran ese equipo de periodistas en potencia celebran conmigo el premio de poesía que me deron en Bilbao. Dixen que iba ller un poema i cos nervios lin dous distintos. Je je. Pero creo que nun se deron conta.Condo esté disponible pueirei el segundo bloque del programa especial coas participaciois de Belén Rico Prieto da Veiga i Héctor Acebo de Santiso de Abres.

Fernando Varela Rial

Para celebrarmos os 200 programas radiofónicos de Proxecto Neo, entre outras boas entrevistas, unha ao mestre docente en gaita galega, compositor e, mesmo amigo, Juan Carlos Rilo Fraga: sempre aportando información, datos históricos, excelente música e curiosidades sobre o mundo da gaita e da música galega nas últimas décadas. Parabéns ao entrevistado e ao proxecto radiofónico por todos estes éxitos!

25/06/17

Proxecto Neo, 200.6: Programa Especial (Gentalha do Pichel: Rubén Riós; X. C. Rilo; Belém Tajes, Belén Rico Prieto, Héctor Acebo, Pablo Álvarez Ramos...)





O Especial 200 continúa co seu desenvolvemento. Nos primeiros minutos da gravación podemos ouvir unha entrevista de Luís Pernas Maseda a Odilo González, da Gentalha do Pichel: "Odilo, a vosté tamén lle apresenta problemas a colocación do pronome átono?".
Que foi o que respondeu Odilo? 
Obviamente, hai unha magnífica maneira de desvendar o enigma. E de saber o que nos dixeron Xoán Carlos Rilo, Rubén Riós, Belém Tajes (de Voodoo e Luar na Lubre), Adelino Barros, Belén Rico, Héctor Acebo, Pablo Álvarez Ramos e Pablo García (de Radio A Estrada).

24/06/17

Proxecto Neo, 200.6: Programa Especial (I)




O programa especial comezou abrindo as portas ao futuro. Primeiro recollendo a ilusión de dúas nenas de dez anos, Henar e Laura, integrantes do Clube de Baloncesto Burela. A mesma ilusión que inmediatamente despois continuaba presente nas palabras que nos transmitían Adrián e Álvaro, músico un e creador audiovisual o outro.
Como o que vén despois está na mesma liña, vai ser obrigatorio escoitalo.

14/06/17

Proxecto Neo, 199.6: Julio Fernández (Mel de Boal); Equipo Maruxía; Anxo Blas







Comezamos o programa conversando sobre apicultura con Julio Fernández, integrante dunha sociedade de produción e comercialización de mel e os seus produtos derivados.
A seguir, recibimos no estudio a visita de cinco mozas integrantes do Equipo Maruxía, a revista do Instituto Perdouro que neste ano chega a publicar o seu número 23.
Nos minutos finais, coñecemos a música de Anxo Blas, que nos falou desde Vigo.

07/06/17

Proxecto Neo, 198.6: Iria Misa; Nedi Mallada; Batukadeiras Nos Herança



A escritora Iria Misa fixo animación á lectura coa axuda de Alba Geada. A conversa foi un delicioso convite para facermos noso o Xa non estou aquí, a obra coa que gañou o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil (2016).
A economista Nedi Mallada conversou con Silvera Vicente de Oliveira. Falaron de desenvolvemento rural nos Oscos-Eo e falaron do diálogo cultural na mesma comarca.
Para final estaba reservado un momento apoteósico: a música das Nos Herança ao vivo. Uns minutos únicos.

25/05/17

Proxecto Neo 196.6.- Amália Faustino; Belmiro Pereira; Irene Rega; Alba Geada



A profesora Amália Faustino Mendes e o profesor Belmiro Pereira Martins estiveron no estudio de Radio Burela e participaron activamente no desenvolvemento do noso programa. Foi o momento de facer memoria de todos os actos da visita e de coñecer o noso funcionamento.
Por outra parte, o programa 196 estivo dedicado á creación literaria. Diso falamos con Irene Rega e Alba Geada, gañadoras do Certame Literario de Trasbar.

10/05/17

Proxecto Neo, 195.6: Andrea González (Oscos-Eo); Alexandra Alonso; Marta Rodrigo; Pilar R. Villar (C. de Galicia -Sestao)






Rapidamente, mesmo antes da primeira música, Andrea González entrou no programa para transmitirnos a vitalidade cultural que se está producindo nos concellos da Mancomunidade Oscos-Eo. En poucos minutos, soubemos da celebración do día do libro en asturiano e en galego de Asturias, da iniciativa "Un país malva", dunha antoloxía de poesía feminina, dun concerto... e mesmo falamos da vida das abellas.

Nos minutos seguintes, falamos con Alexandra Alonso sobre o Campionato de España de Baloncesto Feminino; con Marta Rodrigo sobre a aprendizaxe da lingua e cultura galegas en Ponferrada; e con Pilar R. Villar sobre a Casa de Galicia de Sestao.

03/05/17

Proxecto Neo, 194.6: Philip Webb; Radio Miñoca; Mirta Celaya




Chámase Philip Webb. Naceu no Reino Unido. Estando na etapa universitaria tivo a opción de facer estudos galegos e non a desaproveitou. Todo o contrario. Despois foi á Arxentina e tivo contacto coa comunidade galega do Río da Prata. Frecuentou a Federación de Sociedades... e intensificou os vínculos coa nosa terra e a nosa cultura. Agora vive na Coruña.
Unha cousa é contalo e outra moi diferente escoitalo. Iso fai que todo o que aparece despois no programa sexa unha auténtica propina.
E as auténticas propinas son Anxo Varela, Begoña Martín Acero, Mirta Celaya e a equipa de redacción e locución de Radio Miñoca.

26/04/17

Proxecto Neo, 193.6: Antón de Guizán; Moisés Cima; Séchu Sende




Antón de Guizán convidounos a entrar aos Vilares dun xeito orixinal. Díxonos que podíamos entrar naquela parroquia guitiricense e que o podíamos facer comodamente desde a Mariña, só con asistir o sábado (29 de abril) á proxección dun documentario no local da Associaçom Xebra (Casa da Figueira, Burela).
Despois da conversa, temos claro que poderemos entrar aos Vilares con moitísima máis seguranza, porque o faremos con coñecemento de causa. Todo grazas ao equipo audiovisual dirixido por Iván Tenreiro.
Feita unha pausa musical, coa que conmemoramos o 25 de abril, Día da Liberdade, puxémonos en conversa con Moisés Cima, que nos atendeu desde Uvieu. Serxio tomou os mandos da nave, con axuda de Alba Geada, e entre ambos conversaron demoradamente co historiador enraizado en Coaña. Coñecemos a súa etapa de estudante no IES Galileo Galilei de Navia, a fase dos estudos universitarios na capital do Principado, a participación en Xeira, as lecturas da obra de Castelao, a participación no Encontro de Roxíos...
... E non soubemos máis porque se facía tarde e tíñamos que falar con Séchu Sende, que andaba apurado preparando unha viaxe a Euskadi, onde anda de festa a Regueifa.


20/04/17

Proxecto Neo, 192: Quique de Roxíos; Álex Landim; Amália Faustino



O escritor Quique de Roxíos falounos do seu paraíso, en Bual. Preguntámoslle sobre a escola, sobre as aprendizaxes das linguas e sobre a identidade. Despois fixemos abordaxe sobre o Quique de Roxíos escritor. Finalmente, coñecemos o desenvolvemento dunha reunión de axentes sociais eo-naviegos comprometidos co futuro da súa terra e da súa cultura. A protagonista da segunda parte do programa foi a Doutora Amália Faustino, que nos atendeu desde Cabo Verde.

05/04/17

Proxecto Neo, 191.6: Analina Rocha (Puetiza Kretxeu); Adela Figueroa; Silvia Ferre






O Abraço Poético chegou à nossa terra através das palavras de Analina Rocha (Puetiza Kretxeu). Foi assim como conhecemos a origem da iniciativa secundada por mais de 60 pessoas da Galiza e de Cabo Verde.
Durante a entrevista, a escritora caboverdiana recitou-nos um poema em versão dupla: a original escrita em caboverdiano e uma adaptação galego-portuguesa.
Finalizada a conversa com Analina Rocha, entramos em conversa com Adela Figueroa para que nos apresentasse o seu novo poemário (Memória de Pés sem Sombra) e também para que nos falasse da sua participação no Abraço Poético entre Cabo Verde e Galiza.
Na parte final do programa, atendeu-nos Silvia Ferre. A artista adiantou-nos a próxima aparição do disco que recolhe a sua colaboração com a Banda de Música de Rianxo.


29/03/17

Proxecto Neo, 190.6: Antón Expósito; Natalia Riego Arredondas; Gabriel André




Antón Expósito falounos dos Clásicos, o grupo de música tradicional formado por intérpretes de Vila Nova de Lourenzá, a Ponte Nova, Taramundi e A Fonsagrada.
Pola súa parte, Natalia Riego Arredondas -docente en prácticas no IES da Ponte Nova- falounos da súa experiencia como ensinante de segundas linguas.
Gabriel André fíxonos balance do seu período de prácticas no IES Perdouro.

22/03/17

Proxecto Neo, 189.6: David Mon; Débora Campos; Rádio Filispim




David Mon, de Vagalume Audiovisual, acompañounos no estudio de Radio Burela para nos presentar Amarte, o certame de pintura do Concello de Burela a celebrar na primeira semana de agosto (coincidindo coa Feira do Bonito).
A xornalista Débora Campos, docente de comunicación na Universidade de Buenos Aires, atendeunos desde a Arxentina e comentounos a vivencia da galeguidade desde o outro lado do Atlántico.
Nos minutos finais, Daniel Alexandre Martínez Ces, "Cholo", atendeunos en calidade de representante de Rádio Filispim, a emisora que vai retransmitir tanto Proxecto Neo como Grandes Voces do Noso Mundo para Ferrol e a súa comarca.

16/03/17

Proxecto Neo, 188.6: Xurxo Martínez; R Rivera; Alba María




En representación do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, Xurxo Martínez falounos da inxente obra realizada por Xosé González Martínez e fíxonos partícipes da homenaxe que se lle tributará no próximo día 31 de marzo.

Pola súa parte, a nosa alumna R. Rivera -acompañada pola compañeira Carme Pernas, tamén alumna nosa- visitounos no estudio e falounos sobre as súas orixes no Uruguai, do seu paso polo Perú e do asentamento en Burela desde hai máis de dez anos.

Nos minutos finais, conversamos brevemente con Alba María, a autora do "Hemisferios", a canción interpretadas por oito voces femininas da música galega.

08/03/17

Proxecto Neo, 187.6: Lidia L. Teixeiro; Radio Miñoca; Luís Davila; Sofía Espiñeira





"As miñas mans sempre teñen feridas
urbanas"

Estes son dous dos versos dun poema en catro partes que Lidia López Teixeiro nos recitou en vivo e en directo desde Madrid. Foi unha das maneiras que tivemos de celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora. 
Como primeira entrevista escollemos unha traballadora da cultura, con destino temporal no Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense. 
Tan ben nos entendemos que acabamos recitando a tres voces unha mostra da poesía galega do século XXI.

Inmediatamente despois, comunicamos con Miño, onde nos agardaba unha representación da Radio Miñoca -emisora moi amiga-. Atendéronnos Lian e Adrián, que nos presentaron o sexteto radiofonista e que nos informaron sobre a periodicidade das emisións, a cobertura e o ambiente en que realizan este traballo de comunicación. Encantounos falar con esta xente, coa que teremos unha xornada de convivencia na primeira semana de maio.

O humorista gráfico Luís Davila presentounos a exposición de viñetas que mantén aberta na sala de exposicións de Burela. Falounos do Museo do Humor e adiantounos que a súa selección de dous centenares de tiras viaxará proximamente ás Pontes. 

Nos minutos finais, conversamos brevemente con Sofía Espiñeira, a cantautora da Terra de Trasancos que está presentando o seu primeiro disco.





01/03/17

Proxecto Neo, 186.6: Miguel Guido González Szamocki


Comezamos o programa en conversa con Alexandra Alonso, que nos fixo a crónica dos Entroidos de Xove, Alfoz,  San Cibrao e Burela. O seu relato en primeira persoa fixo ponte coas vivencias que nos contou Alba Geada do seu paso por Padrón, onde visitou a Fundación Camilo José Cela e a Casa de Rosalía de Castro. Pola súa parte, Noé Fernández Quelle tamén nos fixo partícipes da súa exitosa participación nos desfiles de Entroido da Mariña.
Xa na segunda parte do programa,  conversa centrouse na figura de Miguel Guido González Szamocki, actor, músico e profesor do Instituto Camilo José Cela de Padrón. 

22/02/17

Proxecto Neo, 185.6: Arantxa Incera e Denís Galán; CPI Virxe do Carme; Gabriel André




Arantxa Incera e Denís Galán, do Ciclo Superior de Saúde Ambiental do IES Monte Castelo, fixéronnos partícipes das Primeiras Xornadas de Educación Viaria. Visitáronnos no estudio e comentaron polo miúdo o programa de actividades do evento a celebrar os días 2 e 3 de marzo.
Pola súa parte, os alumnos e alumnas de 3º de Ensino Primario no Colexio dos Castros mandáronnos dúas gravacións co recitado dos poemas "Pasa río, pasa" e "Adiós ríos, adiós fontes". Foi unha magnífica celebración do Día de Rosalía de Castro.
Na segunda parte do programa, conversamos con Gabriel André, que realiza prácticas de Mestrado da Universidade de Vigo no IES Perdouro.


16/02/17

Proxecto Neo, 184.6: María Luísa Roselló; Antonina Semedo; Luís Carlos Graça Silva




María Luísa Roselló abriu o programa falando sobre as probas CELGA. Comentounos que iniciou os estudos regrados de idioma galego na Escola Oficial "Jesús Maestro" e que completou esa formación co apoio dos medios de comunicación audiovisual. Con esa bagaxe, presentouse ao nivel 4 e superouno. Nós felicitámola e escoitamos con moita atención todas as vivencias que nos transmitiu.
A referencia á celebración do Día da Paz estivo centrada nun fragmento dunha entrevista feita a Antonina Semedo. A Masa Coral Modelo Burela debutou en tarefas de moderación e coordenación de actos públicos. Foi o 30 de xaneiro na biblioteca do Instituto Perdouro.
Nos últimos minutos conversamos con Luís Carlos Graça Silva, un estudante procedente de Vila do Conde que está cursando 4º de ESO en Burela.

08/02/17

Proxecto Neo, 183: Antía Yáñez; Gustavo Adolfo Paramés





Ao encontro de Antía Yáñez, viaxamos a Portomarín. Nós desde Burela e ela desde a Coruña. Despois do feliz encontro, conversamos sobre O misterio de Portomarín (Galaxia, 2017), mais con moito coidadiño de non resolver o enigma. Fixemos animación á lectura conversando sobre un libro que aínda non lemos. Foi precisamente para iso, para animarnos a lelo, que nos puxemos en contacto directo coa autora.
A nós foinos moi moi ben. Tirámoslle moito partido á entrevista e estamos decididos a ler.
Na segunda parte falamos con Gustavo Adolfo Paramés, un alumno das aulas sénior da Universidade Complutense. Un alumno que reúne a súa forza vital e a forza vital da súa profesora, Lidia López Teixeiro.
Dúas entrevistas: un mesmo antídoto contra o desánimo e contra a vergoña. Unhas verdadeiras fontes de orgullo de ser.


02/02/17

Proxecto Neo, 182.6: Xerardo Feijoo; Aitor Rei; José Chao: Inés Fernández



Comezamos o programa en conversa con Xerardo Feijoo, de Ponte nas Ondas, que nos presentou o programa de actos do Día Internacional da Radio (12 de febreiro).
Seguidamente, desde Ourense, Aitor Rei (director audiovisual) falounos de Frankenstein-04155, o documentario que explica a situación en que están as vítimas do accidente do tren Alvia en Santiago de Compostela.
O mindoniense José Chao falounos de Xosé Chao Falcón, que foi mestre e alcalde de Ferreira de Pantón.
Nos minutos finais conversamos con Inés Fernández, que nos atendeu desde Madrid e que nos falou das actividades do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense.

25/01/17

Proxecto Neo, 181.6: Xan Carlos Fernández; Álex Landim; Pilar Ponte Patiño



Desde Ourense, Xan Carlos Fernández explicounos as circunstancias en que coñeceu o labor de divulgación cultural feito por Marco Pereira e como, a través dos escritos do director do Grande Voces, soubo da existencia do Modelo Burela e de Proxecto Neo. No decurso da conversa, falamos dun presente que o radiouvinte de Ourense lle enviou a Marco: un exemplar de Branco, a obra poética do xornalista e escritor Hélder Reis.
Neste programa tivemos a colaboración de Álex Landim, que nos acompañou no estudio. Co noso ex-compañeiro, falamos sobre o premio á dedicación e o esforzo que lle foi outorgado pola Consellaría de Educación.
Nos minutos finais, atendeu a nosa chamada a profesora Pilar Ponte Patiño. Con ela falamos sobre os 21 días co galego, actividade impulsada polo IES da P. do Caramiñal.

18/01/17

Programa, 180.6: Carme Pereiro; Marco Pereira; e Nacho Alonso



A maior parte da Masa Coral estaba de viaxe en Santiago de Compostela participando nun concerto didáctico da Orquestra Sinfónica de Galiza. Por iso o programa 180 estivo integramente realizado por Karina Parga e Alba Geada.
A primeira das entrevistas tivo como protagonista a Carme Pereiro, técnica en dinamización lingüística dos concellos da Baña e Negreira. A seguir falamos con Marco Pereira sobre as Grandes Voces do Noso Mundo; e para o final reservamos un prato especial: as Fervenzas Literarias.