Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
Mostrar mensagens com a etiqueta Radio Saúde Burela. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Radio Saúde Burela. Mostrar todas as mensagens

27/05/26

Proxecto Neo nº 492.15 Radio Saúde Burela - 40 aniversario do Hospital Públco da Mariña

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado ao 40 aniversario do Hospital Público da Mariña. 

Falamos con Mª Remedios Eimil Castro, Técnico Especialista de Laboratorio; Francisco Muñoz González, Médico Especialista en Anestesioloxía e Reanimación; e Mª José Cortés Canay, directora do Distrito Sanitario da Mariña.


 

29/04/26

Proxecto Neo nº 488.15 - Especial Radio Saúde Burela

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día, Mulleres na historia, a Palabra do mes e  a sección A micro Aberto.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado ÁS ALERXIAS.

A primeira entrevistada foi María González Rivas, alergóloga no Hospital Público da Mariña en Burela. Con ela falamos dos alérxenos, de como tratar as reaccións que estes provocan, das vacinas etc. 

Na segunda parte do programa, estivo Paula Rivas Cerdeiras, enfermeira na consulta de alerxias do Hospital Público da Mariña. Con ela conversamos sobre as probas diagnósticas que cómpre realizar ante unha reacción alérxica, as probas de función pulmonar ou o adestramento necesario ante unha urxencia.






25/03/26

Proxecto Neo nº 484.15 - Especial Radio Saúde Burela

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente ao Trastorno do Espectro Autista, tamén chamado TEA, un trastorno no desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados.

O TEA impacta non só na persoa senón tamén na súa familia, e na calidade de vida de todos os seus membros. A atención ás persoas con TEA require dunha abordaxe integral, orientada a facilitar apoios individualizados, especializados e baseados na evidencia científica, que promovan a súa calidade de vida e o exercicio efectivo dos seus dereitos. 

Independentemente do diagnóstico, a atención temperá e a educación específica teñen que estar baseadas nas capacidades e necesidades individuais da persoa con TEA así como nos apoios que precise para incidir no desenvolvemento do seu potencial. Por iso, esta tarde contamos con dúas especialistas na materia. 

Na primeira entrevista conversamos con Pilar Cebeiro Fernández, orientadora e especialista en Pedagoxía Terapéutica experta en Trastorno de Espectro Autista. Ela é Diplomada en Educación Primaria e Licenciada en Psicopedagoxía e desenvolveu o seu labor en varios Centros de Educación Infantil e Primaria, Centros de Educación Especial e Institutos de Educación Secundaria en Monforte, Foz, Burela e outros centros públicos da Mariña.

Con Pilar falamos do protocolo que se aplica no Trastorno do Espectro Autista, de como tratar a un compañeiro ou compañeira con TEA, da atención á diversidade.

Inmediatamente a seguir tivemos por vía telefónica a Estefanía López Rolle, psicóloga educativa especialista en dificultades da aprendizaxe, experta en dislexia e lectoescritura, e con especialización tamén en TEA, TDAH e Altas Capacidades. Montou o seu gabinete, que leva o nome de Pasiños de Cores, en 2018. 

Con ela conversamos sobre TEA.

26/02/26

Proxecto Neo nº 480.15 - Radio Saúde Burela - Mónica Martínez Rouco & María Teresa Roldán Darriba


Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día, A Palabra do mes e O Corpo fala. 

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente á saúde pública e ás vacinas

Na primeira parte do programa conversamos por vía telefónica con Mónica Martínez Rouco, farmacéutica inspectora de Saúde Pública en Lugo. Con ela falamos de temas moi variados: das inspeccións de saúde que se realizan en distintos establecementos, da potabilidade da auga e da vixilancia sanitaria en canto aos cosméticos, ás tatuaxes etc. 

Na segunda parte do programa tivemos no estudio a María Teresa Roldán Darriba, coordinadora de enfermería do Centro de Saúde de Burela. Con ela conversamos fundamentalmente sobre as vacinas, as Infeccións de Transmisión Sexual, etc.

29/01/26

Proxecto Neo nº 477.15 - Radio Saúde Burela - Sofía Méndez Coto & Marta Basanta Fernández

Como é habitual, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día e O corpo fala. 

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente ao coidado da vista. 

Na primeira parte do programa falamos con Sofía Méndez Coto, especialista en oftalmoloxía no hospital de Burela. Sofía Méndez naceu en Oviedo e alí estudou desde a Primaria ata a universidade. Participou no programa Erasmus pasando un curso na cidade francesa de Rennes e comezou traballando na Medicina Familiar e Comunitaria. Más tarde, decidiuse pola oftalmoloxía e especializouse na cirurxía refractiva, na oculoplástica e na da órbita do ollo. Con ela falamos das revisións oftalmolóxicas, das enfermidades oculares, das consecuencias do uso excesivo de pantallas para a vista e das recomendacións que nos poden axudar a coidar os nosos ollos. 

Na segunda parte do programa, conversamos con Marta Basanta Fernández. Ela é diplomada en Óptica e Optometría pola Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolveu o seu labor en varias ópticas, ata que en 2008 decidíu abrir a súa propia en Burela coa franquicia Alain Afflelou. Con ela falamos dos principais servizos que ofrece unha óptica, das graduacións, do uso das lentes e das lentes de contacto. 

Aproveitamos para falarvos do Plan Veo, un sistema de axudas de ata 100 euros por neno ao ano para a adquisición de lentes ou lentes de contacto destinadas a nenos, nenas e adolescentes ata 16 anos (inclusive) cun problema de refracción diagnosticado e con dereito á atención sanitaria con cargo a fondos públicos. 



18/12/25

Proxecto Neo 474.15: Radio Saúde Burela - O coidado da pel

Como é habitual, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día e O corpo fala.

Inmediatamente despois entraremos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente ao coidado da pel e aos trastornos da imaxe.

A primeira das entrevistas foi con Javier Rouco Martínez, docente de Imaxe Persoal no IES Perdouro de Burela.  Javier formouse no ámbito das finanzas, do estilismo, da estética e mesmo da enfermería e ten unha ampla experiencia de case 20 anos como profesor de Imaxe Persoal, na actualidade no ciclo de Peiteado e Cosmética Capilar. Con el conversamos como experto no coidado da pel. Seguro que nos dará recomendacións en materia de dermatoloxía, fundamentalmente para os problemas cutáneos na adolescencia.

Inmediatamente a seguir falamos con Zaida Álvarez Otero, enfermeira de saúde mental. Traballou en varios hospitais españois e nalgúns deles en servizos especializados en adolescentes e trastornos da conduta alimentaria. Con ela falamos de saúde mental dos adolescentes e de como a súa imaxe inflúe neles.

26/11/25

Proxecto Neo 471.15: Radio Saúde Burela - As relacións afectivo-sexuais


Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día, a Pilula das ciencias, a Palabra do mes e A Micro Aberto con Antía Yáñez.
 
Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado as relacións afectivo-sexuais. 
 
A primeira das entrevistas foi con Sandra Dolores Fernández Otero, enfermeira especialista en enfermería familiar e comunitaria. Con ela conversamos sobre sexo e afectividade, sobre Infeccións de Transmisión Sexual e sobre a atención sanitaria a menores, entre outros temas. 
 
Inmediatamente a seguir falamos con Sara Chao de Diego, Facultativo Especialista de Área no Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital da Mariña, en Burela. Con ela falamos das funcións que desenvolve unha médica especialista en xinecoloxía, de anticoncepción, de educación sexual e doutros temas de interese.






29/10/25

Proxecto Neo 467.15: Radio Saúde Burela - Adicción aos móbiles

 

Temos o primeiro programa especial Radio Saúde Burela desta temporada. 

Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día, A Pílula das ciencias e O corpo fala, unha nova sección sobre hixiene postural. Finalmente, emitimos A Palabra do mes, unha colaboración mensual coa RAG.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado á nomofobia, o medo a estar sen o móbil.

Conversamos con Ainara Díaz Geada, enfermeira, doutora en Saúde Pública e Epidemioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde traballa como docente. As súas investigacións céntranse na influencia das desigualdades en saúde nos comportamentos de risco para a saúde das persoas mozas, como o consumo de alcol. Con ela falamos sobre o fenómeno da nomofobia, os problemas de saúde cos que se relaciona o uso intensivo dos móbiles e a súa asociación con outras condutas de risco. Ademais informaranos dos resultados do estudo SEGcohort do que é coordinadora. 

Tivemos tamén con nós a Maite Lanza Méndez, traballadora social da Unidade Asistencial de Drogodependencia de Burela. Tamén forma parte do grupo de traballo de Saúde Mental do Colexio de Traballo Social de Galicia, participa na Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención e no Consello Local da Infancia do Concello de Burela. Con ela conversamos sobre as principais adiccións que detecta no seu traballo e sobre que condutas de risco constata a través dos ordenadores ou dos dispositivos móbiles.