Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
Mostrar mensagens com a etiqueta Galego nas Ondas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galego nas Ondas. Mostrar todas as mensagens

06/07/15

LUCÍA RIVAS, PREMIO "O GALEGO NA ONDA



Cando botamos a andar o programa "Proxecto Neo", en xaneiro de 2012, non levantamos grandes entusiasmos a non ser nun grupo reducido de persoas entre as que estaba Senín Díaz, un filólogo que naquela altura se ocupaba do control técnico en Radio Burela e que colaboraba en tarefas de redacción. Coa súa axuda e alento, unha semana tras outra conseguimos producir, realizar e difundir através das ondas un espazo de radio educativa que co tempo se ía converter nun foro de convivencia intercultural.

No mes de marzo daquel ano aproximábamonos á ducia de programas emitidos e chegounos unha sorpresa. Lucía Rivas presentouse no Instituto Perdouro, díxonos que nos escoitaba todas as semanas, deunos os parabéns e díxonos algo que aínda ninguén nos dixera: "se hai algo que eu poda facer, contade comigo". Diante da xenerosa oferta, nós fomos torpes e non soubemos estar á altura; non lle dixemos nin que si nin que non. Os pedagogos fomos dominados pola antipedagoxía. Porén, Lucía foi máis forte e máis intelixente e o mércores seguinte presentouse ás portas de Radio Burela media hora antes da realización do programa e dixo que lle gustaría ver como se facía Proxecto Neo.

- Adiante!

Afortunadamente, en plena emisión, Karina Parga tivo que atender as redes sociais e non podía recoller a memoria gráfica. Entón Lucía colleu a cámara, púxose mans á obra e completou a reportaxe fotográfica. Daquela caemos da burra e vimos o evidente: que Lucía se sentía unha integrante do grupo e que podía facer un grandísimo traballo.

Aínda ben que rectificamos a tempo e que superamos os nosos propios prexuízos. Por que os tíñamos?  Vexan o absurdo: porque Lucía naceu cunha limitación física; sen ser xorda, a súa capacidade auditiva era moi limitada; iso obstaculizoulle moito a comprensión e a expresión oral na infancia e, como é evidente, tamén a comprensión e a expresión escrita desde o momento en que entrou no colexio. De aí derivou un fracaso escolar no sistema convencional, que case nos atrapa.

Mais Lucía ten unha forza vital enorme e ten moita capacidade de decisión e é extrovertida e aprendeu desde pequeniña a derrubar fronteiras. Ela incorporouse a Proxecto Neo e púxose a traballar desde o primeiro día e desde o primeiro día chegou sempre con puntualidade, mantívose constante e encargouse de transmitir ánimo nos momentos de dúbida. Incluso máis: Lucía converteuse na nosa referencia de educación en valores. Cando emitimos o programa número 90, foi ela quen dixo: "faltan só dez para os cen; hai que ir pensando nun detalliño para estes rapaces, porque o fan moi ben e porque son moi responsábeis". Pura lóxica e moita sensibilidade.

Felizmente, da responsabilidade e da dedicación de Lucía non nos demos conta nós sós. Para velo, a Rubén Riós e a Andrés Rozados non lles fixo falta máis dun par de sesións, tras das cales tomaron a decisión de propoñer a Lucía Rivas como candidata ao premio "O Galego na Onda" xunto con Viviane e Laura Brito, Simón R. Rouco, Serxio Rivas, Maka Ledo, Elena Valle e Sofu Housni. E, non menos felizmente, a proposta foi aceptada e Lucía ten tamén a súa cota de participación no galardón.

Benvido sexa, pois, este "Galego na Onda" como recoñecemento á forza de vontade e ao espírito de superación; e tamén á coeducación, á educación integradora, á escola comprometida na loita contra as desigualdades sociais.

04/03/15

Proxecto Neo nº 117.4 - Especial "O Galego na Onda"


(Non busques foto, porque non a hai.
A nosa fotógrafa oficial, Lucía Rivas, estaba enferma)


Programa 117 de Proxecto Neo. Foi emitido o 4 de marzo de 2014. Por circunstancias especiais, foi conducido de novo por Bernardo Penabade, que reuniu no estudio de Radio Burela tres entrevistadas: Karina Parga, Elena Valle e Maka Ledo. Por teléfono participaron Simón R. Rouco, Serxio Rivas e Vanesa Míguez (A Recanteira da Mariña).
Despois da sinopse, Simón R. Rouco transmitiu as súas impresións sobre a viaxe a xornada "O Galego na Onda" organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Falou con paixón, mais con aplomo. En nome propio e no nome de todas e todos nós. Ao estilo Proxecto Neo.
Despois recollemos as palabras de Karina Parga, antes de dar paso a Maka e Elena. A través das dúas axudantas da condución, revivimos o ambiente máxico co que Kiko Novoa e Belén Regueira as recibirón na Radio Galega. Maka improvisouno e Elena fixo un recitado, coa música de Luar na Lubre como fondo.
No final, como agradecemento a Emilio Españadero e a Xosé Neira Vilas, escoitamos música de Pé de Boi, a banda das Terras do Ulla.
Máis información:

O Galego na onda: dinamización do uso da lingua oral entre a mocidade

Os obradoiros na prensa comarcal

Noticia da resolución

Participación do Proxecto Neo na Radio Galega

14/11/14

Pescada de Burela e castañas de Riós

DE PRATO PRINCIPAL: Pescada de Burela (chamada polo seu nome)...
e de SOBREMESA?: Castañas de Riós

Matías Nicieza
Karina Parga
Bernardo Penabade

Desde o final do curso 2013-2014, tíñamos pendente unha manifestación de cariño para un grupo de mozas e mozos que participaron semana tras semana -durante case dez meses- nunha experiencia educativa que titulamos Proxecto Neo e que Radio Burela converteu no seu principal espazo de fomento da convivencia intercultural. Pola razón que fose, nunca aparecía o momento que viñese ben ao conxunto. Mais durante a celebración da primeira xornada do Obradoiro de Radio “O Galego na Onda” comentámoslle a Rubén Riós e Andrés Rozados que nos faría moita ilusión que aceptasen o noso convite para comermos xuntos na seguinte xornada do curso e, con grande alegría para nós, concedéronnos esa honra e deixamos marcada a data: 12 de novembro de 2014.
A responsabilidade do menú pasámoslla directamente a Luís Rubal, persoa moi comprometida co apoio á emisora. Non había que explicarlle nada, porque el sabía moi ben o que supuña para nós ter esa atención con Maka Ledo e Helena Valle, con Laura e Viviane Brito, con Serxio Rivas, Sofu Housni e Simón Rodríguez; con Rubén Riós e Andrés Rozados; e -incluso diría que moi especialmente- con Lucía Rivas, a nosa Fotógrafa Oficial e vivo exemplo do que é a superación persoal a base de dedicación. Por iso, pola parte gastronómica estábamos ben tranquilos. Só faltaba que saíse ben todo o resto.
E o resto comezou con moi bon pé. Ao acabar a xornada de mañá, esperamos polos nosos mestres Rubén e Andrés á entrada do instituto e, tan pronto como chegaron, fomos directamente para o Hotel Canaval. Nada máis chegar, os convidados xa nos fixeron entrega dun presente moi especial: unha caixiña de castañas de Riós para a sobremesa. Que delicia! Alí, en pleno bar, armados de coitelos, amosámolas ben amosadas, xusto antes de nos sentarmos a comer.
Sinceramente, creo que a comida foi de ensoño. Soará grandilocuente, si, mais os e as convivas creo que darán testemuño de que digo a verdade. Dolores do Canaval puxo todo o seu bon facer unido a unha enorme sensibilidade para que nos sentísemos como na casa e conseguiuno. Caldiño con verduras de Lourenzá delicioso -coa substancia inequívoca do feito na casa, con tempo e con cariño- e pescada do pincho de Burela, tenriña, coas patacas no seu punto e un prebe sabedor para o paladar e atractivo para os ollos. Mais iso aínda non foi o único. Porque acorde coa comida de Dolores estiveron a delicadeza no trato de Rubén; a profesionalidade de Andrés, que fixo compatíbeis a atención a nós coa posta a punto dos pormenores de produción do programa a gravar máis tarde; e a inmensa bondade de Lucía Rivas, que alí tiña preparado o seu detalliño para cada un dos protagonistas da iniciativa educativa Proxecto Neo. Foi así como tomamos as castañas de Riós misturadas cunha dose da Esmorga, na versión de Ignacio Vilar, coas imaxes en primicia da inminente Vida de Rubén Riós, coa literatura de Ledicia Costas e coas fotiños de Lucía. A ilusión feita realidade.
(Vista do prato de pescada en imaxe do teléfono)

(A recepción das castañas xa asadas, en fotografía de Lucía Rivas)

E despois? Depois Radio. Así con letra grande inicial. Radio dirixida por dous profesionais da comunicación: Andrés e Rubén (por orde alfabética). Radio feita por Helena Valle, por Simón Rodríguez, por Maka Ledo e por Serxio Rivas, acompañados por Sofu Housni, por Laura e por Viviane Brito. Radio feita con cabeza, mais con paixón. Con guión literario, gardado como tesouro para que fose sorpresa. Con guión redondo (combinando creatividade propia con entrevistas no estudio e por teléfono) con detallazos dos que se falará no seu momento, que tamén hai que intrigar un pouco.



Así foi a festa de aniversario do programa número 100, aínda que chegase no día en que se emitiu o 104. Así o celebramos, reunidos arredor dunha mesa, cara a cara, gozando do sabor da pescada de Burela (chamada polo seu nome), das castañas de Riós... e, sobre todo, do sentimento de Irmandade. Porque os Vilar Ponte non sementaron en van.