Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

10/06/26

Proxecto Neo nº 494.15 - Especial Sindrome de Tourette con Eva Lastra e Gabriela Pedre

 
Hoxe dedicamos este espazo da nosa radio a coñecer unha realidade que aínda segue sendo pouco visible para moitas persoas: a Síndrome de Tourette. Cada 7 de xuño celébrase o Día de Concienciación da Síndrome de Tourette, unha xornada que busca informar, sensibilizar e derrubar prexuízos arredor deste trastorno neurolóxico. 
 
Con frecuencia, a Síndrome de Tourette é coñecida unicamente polos tics, pero detrás dela hai moitas historias de superación, esforzo, inclusión e tamén moito traballo por parte das familias, profesionais e asociacións que acompañan as persoas afectadas no seu día a día. 
 
Para afondar neste tema, hoxe acompáñanos Eva Lastra Barreira, nai e socia da asociación Tourette Galicia, entidade que traballa arreo para ofrecer apoio, información e recursos ás persoas con Tourette e ás súas familias. 
 
Con ela falaremos da Síndrome de Tourette, do labor que desenvolven asociacións como Tourette Galicia (ATNSASTG) e ACOVASTTA, dos retos que aínda existen e da importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis informada, respectuosa e inclusiva. Compartirá tamén connosco o balance da primeira gala solidaria celebrada en Burela no mes de abril. 
 
Coincidindo con esta data tan significativa, presentouse hai uns días un proxecto moi especial: a canción El laberinto de Alicia que Gabriela Pedre Lastra, filla de Eva, lle dedicou a súa irmá, Alicia, unha iniciativa cargada de emoción e de compromiso que contribúe a dar visibilidade á realidade das persoas con Síndrome de Tourette. 
 
Con Gabriela, falaremos da iniciativa que tivo a banda de música pop rock emerxente na que é vocalista, Golpe de efecto, do Conservatorio Profesional de Viveiro, e do videoclip dirixido por Xaime Miranda para dar visibilidade ao Tourette.
 

03/06/26

Proxecto Neo nº 493.15 - Presentación da Revista Galega de Educación con Rita Gradaílla e Bernardo Penabade

 
Hoxe saímos dos estudios da Radio Escolar do IES Perdouro para realizar un programa moi especial desde o salón de plenos do Concello de Burela. O motivo non podía ser máis significativo: a celebración do 40 aniversario da Revista Galega de Educación, lembrando de maneira especial o seu número 93, dedicado á radio escolar. 

A Revista Galega de Educación (RGE), publicación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, vén de publicar o seu número 93, un monográfico centrado na situación actual da radio escolar en Galicia, un recurso educativo que vive un momento de grande impulso e proxección. 

Aínda que Galicia conta desde hai décadas con experiencias pioneiras e moi valiosas neste ámbito —sendo exemplo destacado o proxecto Ponte... nas Ondas!, recoñecido internacionalmente e no que participa Proxecto Neo—, foi especialmente nos últimos anos cando a radio escolar se consolidou como unha ferramenta didáctica esencial nos centros educativos galegos, grazas en boa medida ao impulso dos programas de bibliotecas escolares. 

Os coordinadores deste número, os xornalistas Sergio Pascual Espinilla e Lucía Abarrategui Amado, sinalan na presentación que «falar de radio, educación e vida é iniciar un proceso de construción persoal no que as ferramentas, aprendizaxes e coñecementos adquiridos converten as ondas e o ensino en alicerces fundamentais na formación de calquera persoa». Baixo esta idea, convidan o lectorado a mergullarse nas múltiples perspectivas educativas, radiofónicas e vitais que percorren este monográfico, composto por 15 colaboracións ademais das seccións habituais da publicación. 

A elección de Burela para a presentación deste número responde tamén a un acto de recoñecemento ás experiencias de radio escolar existentes tanto na vila como no conxunto da Mariña. Destaca especialmente o caso do noso centro, o IES Perdouro, cuxa emisora escolar se converteu nun referente en Galicia por ir máis alá das paredes da aula e da propia comunidade educativa, facendo chegar as súas emisións a boa parte do territorio galego a través de diferentes canles. 
 
Neste programa especial entrevistamos a Rita Gradaílle Pernas, en representación da Revista Galega de Educación, profesora da Universidade de Santiago de Compostela do departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación, e tamén a Bernardo Penabade Rei, principal propulsor do nacemento deste programa, do Modelo Burela de Innovación educativa e traballador incansable a prol da lingua galega. E finalmente interviron Karina Parga, directora técnica de Proxecto Neo, e Miruca Parga, coordinadora do programa.