Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/11/17

Proxecto Neo, 209.7: Gema Albo (Serrín Ultramarinos); Sr. Anónimo (Baiuca); Ariadna Díaz; María G. Jartín




A audición deste programa permítenos entrar nun ultramarinos e coñecelo por dentro. A través das palabras de Gema Albo, visualizamos as imaxes dos queixos, dos lacóns e dos grelos, das conservas vexetais e marítimas, dos viños, das sidras e das augas.  Visualizamos os sectores produtivos galegos en dous mercados de Madrid: o de Pacífico e o de Chamberí. Todo orientado pola poesía de Manuel María e a música de María Manuela.
Despois coñecemos a música de Baiúca e fixémolo en conversa co seu impulsor, o Sr. Anónimo, que atendeu a nosa chamada teléfonica.
Ariadna Díaz, do Colexio Virxe da Cela de Monfero, animounos a colaborar coa Campaña Mundial da Educación.
María G. Jartín víñanos falar dun encontro de desenvolvemento rural celebrado na Ponte Nova, mais... acabou recitándonos poesía de Avelino Díaz e nós acabamos encantados escoitándoa. Para agradecer tal xentileza, Matías Nicieza púxolle música de Treixadura. 
Todo ao estilo Proxecto Neo.

22/11/17

Proxecto Neo, 208.7: Campaña Mundial pola Educación; Emilia Abelairas; Denisse Coelho Gomes; Xavier Valle (Fac. de Matemáticas, USC)




Miguel Rodríguez presentou en Proxecto Neo a Campaña Mundial pola Educación. Como complemento ás súas palabras, presentamos tamén as de Camino Pereiro, directora do Colexio Virxe da Cela de Monfero, que estivo recentemente no acto institucional que sobre este mesmo tema se celebrou no Congreso dos Deputados.
A profesora Emilia Abelairas Sarceda, Economista pola Universidade da Coruña, falounos dos estudos de Formación Profesional na familia de Administración e Finanzas. 
A seguir, Denisse Coelho Gomes, comentounos o discorrer da visita do Embaixador de Cabo Verde a Burela, onde estivo para recoller persoalmente as demandas dos seus compatriotas.
Nos minutos finais falamos de números. O profesor Xavier Valle, da Faculdade de Matemáticas da USC, presentounos as Xornadas de Terminoloxía a celebrar nos días 28 e 29 de novembro no Campus Vida.

15/11/17

Proxecto Neo, 207.7: Serafín Saavedra; Pelayu Valduvieco





O programa dedicado a D. Ramón Marful, ten dúas entrevistas antolóxicas. Na primeira, Alba Geada conversa con Serafín Saavedra, o responsábel do Cemiterio de San Froilán (Lugo). Unha auténtica lección de arquitectura, escultura, pintura, artesanía en vidro... e tamén unha lección maxistral en Literatura e Humanismo.
Na segunda, foi Sergio A. Mon quen se encargou de nos presentar o perfil lingüístico de Pelayu Valduvieco, filólogo e docente asturiano.


08/11/17

Proxecto Neo, 206.7: Cecilia Pérez (Alcaldesa de El Franco; María G. Jartín; Paco Rivas; Nuria Ramos Cuba



A Alcaldesa do concello de El Franco atendeu a nosa chamada para nos presentar o programa de desenvolvemento "El Franco emprende", destinado ao fomento das habilidades socioeconómicas dos mozos e mozas maiores de 18 anos (non só daquel concello, senón das comarcas limítrofes co río Eo).
A profesora María García Jartín acompañounos no estudio e aproveitou a visita para facer reivindicación do Día das Letras Galegas para o poeta Avelino Díaz. Despois tamén nos falou da importancia da comunicación para o emprendemento.
Paco Rivas presentounos o seu novo libro, un conxunto de 15 relatos recollidos baixo o título de Mar... Usía (Baía, 2017). Durante a entrevista, tivemos o pracer de incorporar unha nova voz ao programa: a de Nuria Ramos Cuba, que nos vai acompañar neste curso.