Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

22/02/17

Proxecto Neo, 185.6: Arantxa Incera e Denís Galán; CPI Virxe do Carme; Gabriel André




Arantxa Incera e Denís Galán, do Ciclo Superior de Saúde Ambiental do IES Monte Castelo, fixéronnos partícipes das Primeiras Xornadas de Educación Viaria. Visitáronnos no estudio e comentaron polo miúdo o programa de actividades do evento a celebrar os días 2 e 3 de marzo.
Pola súa parte, os alumnos e alumnas de 3º de Ensino Primario no Colexio dos Castros mandáronnos dúas gravacións co recitado dos poemas "Pasa río, pasa" e "Adiós ríos, adiós fontes". Foi unha magnífica celebración do Día de Rosalía de Castro.
Na segunda parte do programa, conversamos con Gabriel André, que realiza prácticas de Mestrado da Universidade de Vigo no IES Perdouro.


16/02/17

Proxecto Neo, 184.6: María Luísa Roselló; Antonina Semedo; Luís Carlos Graça Silva




María Luísa Roselló abriu o programa falando sobre as probas CELGA. Comentounos que iniciou os estudos regrados de idioma galego na Escola Oficial "Jesús Maestro" e que completou esa formación co apoio dos medios de comunicación audiovisual. Con esa bagaxe, presentouse ao nivel 4 e superouno. Nós felicitámola e escoitamos con moita atención todas as vivencias que nos transmitiu.
A referencia á celebración do Día da Paz estivo centrada nun fragmento dunha entrevista feita a Antonina Semedo. A Masa Coral Modelo Burela debutou en tarefas de moderación e coordenación de actos públicos. Foi o 30 de xaneiro na biblioteca do Instituto Perdouro.
Nos últimos minutos conversamos con Luís Carlos Graça Silva, un estudante procedente de Vila do Conde que está cursando 4º de ESO en Burela.

08/02/17

Proxecto Neo, 183: Antía Yáñez; Gustavo Adolfo Paramés





Ao encontro de Antía Yáñez, viaxamos a Portomarín. Nós desde Burela e ela desde a Coruña. Despois do feliz encontro, conversamos sobre O misterio de Portomarín (Galaxia, 2017), mais con moito coidadiño de non resolver o enigma. Fixemos animación á lectura conversando sobre un libro que aínda non lemos. Foi precisamente para iso, para animarnos a lelo, que nos puxemos en contacto directo coa autora.
A nós foinos moi moi ben. Tirámoslle moito partido á entrevista e estamos decididos a ler.
Na segunda parte falamos con Gustavo Adolfo Paramés, un alumno das aulas sénior da Universidade Complutense. Un alumno que reúne a súa forza vital e a forza vital da súa profesora, Lidia López Teixeiro.
Dúas entrevistas: un mesmo antídoto contra o desánimo e contra a vergoña. Unhas verdadeiras fontes de orgullo de ser.


02/02/17

Proxecto Neo, 182.6: Xerardo Feijoo; Aitor Rei; José Chao: Inés Fernández



Comezamos o programa en conversa con Xerardo Feijoo, de Ponte nas Ondas, que nos presentou o programa de actos do Día Internacional da Radio (12 de febreiro).
Seguidamente, desde Ourense, Aitor Rei (director audiovisual) falounos de Frankenstein-04155, o documentario que explica a situación en que están as vítimas do accidente do tren Alvia en Santiago de Compostela.
O mindoniense José Chao falounos de Xosé Chao Falcón, que foi mestre e alcalde de Ferreira de Pantón.
Nos minutos finais conversamos con Inés Fernández, que nos atendeu desde Madrid e que nos falou das actividades do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense.