Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/02/24

Proxecto Neo 410.13: Ana Polanco (IES Monte das Moas); Sara, Lía e Sabela (IES de Beade); Joana e Sara (IES Xoán Montes); Celia Bispo.


Esta semana comezamos o programa 410 coa colaboración de Ana Polanco, alumna do IES Monte das Moas. Da cidade da Coruña viaxamos á cidade de Vigo para ouvirmos as nosascolaboradoras Sara, Lía e Sabela, estudantes no Instituto de Beade.
As nosas seguintes convidadas participaron desde a cidade de Lugo: chámanse Joana e Sara. Ambas estudan 1º de ESO no Instituto Xoán Montes.
A protagonista central do programa foi Celia Bispo, unha muller de 96 anos, nacida no ano 1928. Ela foi entrevistada por Vreixo Cao, nacido no ano 2015, o integrante mais novo da masa coral Proxecto Neo.

21/02/24

Proxecto Neo 409.13: Aqui tamén se fala (IES Monte das Moas); Cristian F. Caruncho; Jesús San José Arranz; Uxío Rego.



Abrimos o programa cunha nova colaboración que nos enviaron desde o Instituto Monte das Moas, da Coruña. Neste caso, a colaboración dunha alumna: Sofía Calderón.
Despois da música, conversamos cun artista de Banda Deseñada: Cristian Caruncho, que nos presentou Saínza, a punkiereteira e que nos falou sobre un obradoiro a realizar no Instituto Perdouro.
O noso seguinte convidado foi outro artista: o pintor Jesús San José Arranz, que esta semana inaugura exposición.
Contra o final do programa, o protagonista foi Uxío Rego, estudante do Mestrado de Educación na Universidade da Coruña. Uxío está neste momento realizando as prácticas docentes como profesor de Tecnoloxia, orientado por Natalia Irímia, colaboradora do noso programa.

 

Imaxe da entrevista de Nicolás Amorín a Jesús San José Arranz

 

07/02/24

Proxecto Neo 408.13: IES Monte das Moas; Grupo de Participación Adolescente; Leticia Maseda e Edzana Semedo (IES de FOZ); Pedro Souto (IES nº 1- A Estrada)

 

Abrimos o programa 408 co AQUÍ TAMÉN SE FALA. Foi unha colaboración do Instituto Monte das Moas da Coruña.

Despois da primeira música, Mateo Corral e María Puente faláronnos do Grupo de Participación Adolescente de Burela.

Leticia Maseda, directora do Instituto de Foz, presentounos un encontro gastronómico internacional (MENU COM SABOR PORTUGUÊS) e introduciu a entrevista cunha das alumnas do Ciclo Superior de Hotelaría (polo sistema dual). Con Edzana Semedo Lopes conversamos demoradamente sobre a súa traxectoria vital, a formación académica e a experiencia no Grupo Paradores.

Finalizamos a emisión cunha conversa co Xeneral Pedro Souto, que nos falou sobre o ENTROIDO DO ULLA.