Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

08/10/25

Proxecto Neo 464.15: Elena Valle & Estela Villar

 
Abrimos o programa nº464 retomando os habituais espazos colaborativos do programa: A noticia do día e A pílula científica.

O pasado 30 de setembro celebramos o día da tradución, e desde Proxecto Neo, sumámonos ao recoñecemento dunha profesión esencial para construír pontes entre culturas e facilitar o diálogo. 
 
Na primeira entrevista conversamos con Elena Valle, ex-alumna do IES Perdouro de Burela que actualmente exerce de traductora, correctora e localizadora de videoxogos e que nos abriu a xanela a un sector creativo e en pleno auxe. Con ela recordamos os tempos en que participaba neste programa, da súa formación e do programa Doutoral en Tradución e Paratradución. Falounos da súa tese centrada en como a localización de videoxogos ao galego pode impulsar a normalización lingüística e de outros proxectos de interese. 

Inmediatamente a seguir tivemos por vía telefónica a Estela Villar, tradutora da editorial Rinoceronte. Con ela conversamos sobre o vixésimo aniversario da editorial e sobre o valioso labor que desenvolve no ámbito da tradución e da difusión literaria.



01/10/25

Proxecto Neo 463.15: María López Sández & Sofía Barreira

Hoxe traemos unha entrega moi especial, porque imos viaxar a través das palabras, das linguas e das súas pontes. A semana pasada celebramos o Día Europeo das Linguas e non queriamos deixar pasar a ocasión de reflexionar sobre a diversidade lingüística, a aprendizaxe e a mediación entre culturas. Para iso, contamos esta tarde con dúas convidadas de excepción: 

Na primeira entrevista conversamos con María López Sández, académica da Real Academia Galega. É filóloga e escritora e actualmente é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela. Con ela falamos da paisaxe como construción cultural na literatura galega: como o espazo moldea a identidade e a narrativa. Preguntámoslle sobre o papel importante da Real Academia Galega en prol da normalización lingüística. 

Inmediatamente a seguir tivemos con nós a Sofía Barreira, unha neofalante de 16 anos que vive en Edimburgo, mais que medra co corazón en Lourenzá. Contounos a súa experiencia vital coa lingua galega e con outras linguas da súa contorna e explicounos como se desenvolve a vida dunha estudante nun instituto de Escocia.




24/09/25

Proxecto Neo 462.15: Daniel Irimia Gómez & Yoni Insua Cagigal

 

Neste primeiro programa da décima-quinta etapa de Proxecto Neo, contamos con dúas entrevistas. 

Na primeira conversamos con Daniel Irimia Gómez, profesor de Bioloxía no IES Perdouro este curso 25-26. Con el falamos de «Ser galego mola», un anuncio do Gadis co que saltou á fama e do seu triunfo como «tik toker» colgando vídeos curtos en galego na rede social.

Na segunda entrevista da tarde falamos do proxecto musical "A cova do can" e de rock con Yoni Insua Cagigal, profesor de formación profesional na rama de Administración.




19/06/25

Proxecto Neo 461.14 - Alfredo LLano; Oferta Educativa IES Perdouro 25-26

 
Como temos por costume, esta tarde comezamos o programa co habitual espazo colaborativo dirixido pola profesora Sonia Rei: A Noticia do Día. 
Na primeira entrevista conversamos con Alfredo Llano, compañeiro do Dpto de Electrónica e ex-alcalde de Burela. O motivo desta conversa con Alfredo Llano é a súa xubilación. Este foi o seu último ano lectivo como docente e como despedida facemos un repaso da súa traxectoria pola docencia e pola vida. 
Para finalizar o programa entrevistamos a 4 docentes da nosa escola para coñecermos a oferta de ciclos formativos no IES Perdouro. Javier Mogo conversa con María García Jartín, profesora do departamento de Administración, Ismael Castinheira, profesor en Eletrónica, Javier Rouco, profesor de Imagem Persoal e Manuel Basanta, docente nos ciclos de Mecanizado e Mecatrónica. 
 

 

 

11/06/25

Proxecto Neo 460.14 - Pepe do Caxoto; Alexandra Cabana; Carla Paz e Mateo Docal

Como temos por costume, esta tarde comezamos o programa co habitual espazo colaborativo: A Noticia do Día.

A primeira entrevista foi conducida por Adrián Piqueras, integrante da masa coral Modelo Burela, que conversou co seu avó: José Valle, mais coñecido como Pepe do Caxoto. Pepe do Caxoto é un armador histórico de Burela que conversa co seu neto para contar a experiencia de toda unha vida ligada ao mar.

Inmediatamente a seguir falamos con Alexandra Cabana, profesora de historia e actualmente asesora de Bibliotecas Escolares da provincia de Lugo. Con ela conversamos sobre a súa faceta académica e profesional, que está fortemente vinculada á figura de seu pai: Darío Xohán Cabana, académico da lingua e  escritor.

Na última entrevista conversamos con Carla Paz e Mateo Docal. Dous alumnos de 1º de Bacharelato, que despois do seu primeiro ano de estudar portugués acaban de certificar o nivel B1 na EOI de Lugo. Estes dous alumnos acaban de chegar da excursión a Portugal. Con eles falamos sobre os seus estudos de portugués e da viaxe polo país veciño.


 

04/06/25

Proxecto Neo 459.14 - Plataforma LOITA, Manuel Núñez Singala, Ugia Pedreira e Alumnado de 1º ESO

 

Entraremos nun programa dedicado ás nosas letras e patrimonio cultural. Mais antes falamos con Tamara Campos e María G. Jartín da plataforma LOITA. Con elas conversamos sobre o necesario servizo de Atención Temperá e apoio dado ás familias en canto a dereitos sanitarios dos nenos e nenas, nais e adolescentes na acompañamento sanitario. 

Inmediatamente a seguir falamos con Manuel Núñez Singala, neofalante, que visitou recentemente a nosa biblioteca grazas o programa Lectura Infinita do Ministerio de Cultura e Deportes. O alumnado de 4º ESO PDC reaccionou co dramaturgo en micro aberto após o encontro literario mantido en torno a súa obra teatral Comedia bífida. 

No mes pasado celebramos as nosas letras e por este motivo tivemos connosco a Ugia Pedreira, cantaautora de Vilaronte. Con ela, falamos de tradicións e das expectativas en torno ao obradoiro que ía manter co alumnado de 1º de ESO.

Xa para rematar, Lucía Fernández, profesora de Lingua Galega, partilla co seu alumnado o traballo realizado na materia de Proxecto Competencial sobre as cantareiras, a nosa tradición oral e a confección de pandeiretas con material de refugallo. 

 

 

29/05/25

Proxecto Neo 458.14 - Especial Radio Saúde Burela

Entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado a Actividade física e a Atención temperá

A primeira das entrevistas é con Rosa Fraga, pedagoga especializada en Atención Temperá. Con ela conversamos sobre os servizos ofrecidos pola unidade de atención temperá co obxectivo de dar apoio ao desenvolvemento infantil e á inclusión sociofamiliar. 

Inmediatamente a seguir falamos con Iván Cao Valle, coñecido como Lucas. El é o técnico de deportes no concello de Burela. Con Lucas conversamos para sabermos mais sobre as actividades deportivas ofrecidas polo concello de Burela. 

Na parte final toma a palabra Catalina Caamaño, coordinadora da Estratexia de Promoción da Saúde do Concello de Burela para facer balance das actividades levadas a cabo durante todo o ano.