Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

24/03/21

Proxecto Neo 314.10: NAOMI REY; ÁLEX QUINTÁNS (IES Agra de Raíces); Julia Lamela

 
Co "Vento nas velas" comezamos a navegación en dirección a Cambados. Alí atendeunos Naomi Rey, a autora da canción que lle serviu de sintonía á recente edición dos 21 Días co Galego e+.
Despois dunha peza musical de Xoana Veiga, Proxecto Neo retornou para o norte e fixo parada en Cee. A primera parada fixémola na casa de Álex Quintáns, alumno de 1º de ESO no Instituto Agra de Raíces.
Na mesma localidade de Cee fixemos unha segunda parada, desta vez con Xulia Lamela, que colaborou con nós para facermos un singular comentario de texto a través das ondas.

Vista do nicho en que repousan as cinzas de Lucía Miguéns Coiradas
no cemiterio de Cee. En primeiro plano está o poema comentado. 


Poema de Xosé Iglesias (Cee, 1974) dedicado á súa tía Lucía Miguéns Coiradas, unha comercializadora de peixe moi coñecida en toda a Costa da Morte.




17/03/21

Proxecto Neo 313.10: ALBA MONTEAGUDO

 

O primeiro ciclo dos 21 días co galego comezou o pasado 22 de febreiro e finalizou o pasado 15 de marzo. Xusto nese momento botou andar a segunda fase: "E +". Nela entramos e celebrámolo ao grande cunha conversa demorada coa profesora Alba Monteagudo Gómez.

"Este é o meu mellor momento na relación coa lingua galega. Nacín nunha familia falante de castelán e toda a miña infancia e adolescencia falei en castelán. Na universidade xa comecei a falar algo en galego e agora desde que son docente fáloo máis. Sobre todo en Burela, porque en Burela maioritariamente a xente exprésase en galego. Opto pola biodiversidade".

10/03/21

Proxecto Neo 312.10: A obra de Lino Novás Calvo en Radio Fene; Martín Fernández Vizoso

 

A referencia á obra de Lino Novás Calvo -concretamente a un relato centrado na pandemia de 1918- e a música de Roi Casal sobre letras de Neira Vilas serviron como aperitivo ao prato forte da xornada: a entrevista a Martín Fernández Vizoso. Noé F. Quelle encargouse de conducir a conversa que nos levou á infancia en Cangas, á etapa do bacharelato e á formación en Filosofía en Letras e Ciencias da Comunicación nas universidades de Santiago de Compostela e Madrid.

A maior parte do tempo estivo dedicada ao contido da obra de investigación que leva por título Memoria de mariñáns.

Martín Fernández Vizoso, en calidade de responsábel de comunicación da Deputación de Pontevedra, participou no acto de entrega do premio Lois Peña Novo á intervención educativa Modelo Burela. Na imaxe aparece con Antonina Semedo (Antonina de Cangas), Xosé Luís Méndez Ferrín e Alfredo Llano (alcalde de Burela). A fotografía é cortesía do entrevistado.


03/03/21

Proxecto Neo 311.10: Natalia Irimia (IES Perdouro); Andrea Ferrer (IES de Poio)



Chegamos ao ecuador da celebración dos 21 Días co Galego e Máis e nós dedicámoslle un programa monográfico. Abrimos cunha breve crónica feita por catro alumnas de 2º de ESO e despois centramos o foco de atención en Natalia Irimia e Andrea Ferrer.

Natalia Irimia é a coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro. Con ela fixemos unha primeira aproximación ao desenvolvemento deste proxecto educativo.

Andrea Ferrer é a madriña da nosa participación neste programa dinamizador. Conversamos con ela sobre a súa experiencia durante o curso pasado.