Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/11/19

ROSA CARAMELO (Colaboración do Colexio Virxe do Carme - Burela)



Gravación dun relato feita pola profesora Eva Lastra e o alumnado do 1º curso. Rosa Caramelo ten unha magnífica narración acompañada de música.
Trátase dunha nova colaboración do Colexio Virxe do Carme de Burela, con quen xa temos realizado obradoiros de iniciación á linguaxe radiofónica.

27/11/19

Proxecto Neo, 280.9: Pedro Rielo (escritor e xornalista da TVG); Benxamín Soto Cotón (Presidente da A. C. Os Matos)



Programa organizado en dúas partes. Abrimolo cunha entrevista co escritor Pedro Rielo Lamela (Pontevedra, 1972), a quen xa coñecíamos a través da pantalla da TELEVISIÓN DE GALICIA. Falamos sobre a obra gañadora do Premio Neira Vilas: Detrás dos perdidos.
Na segunda parte falamos co profesor Benxamín Soto Cotón (Viveiro, 1980), novo presidente da Asociación Cultural Os Matos.

20/11/19

Proxecto Neo, 279.9: Álvaro Gago Díaz; Daniel Otero (TEATRO MÍNIMO); Fran Ameixeiras; Txitxo (Martelos-Costa Norte)



O cineasta Álvaro Gago Díaz gañou por segundo ano consecutivo o Premio Armadiña de curtametraxes, desta vez cun filme titulado "16 de novembro". Nós falamos co director sobre os premios, sobre as obras e sobre a súa traxectoria.
Despois de falarmos de cinema, conversamos sobre teatro. O primeiro convidado foi o actor Daniel Otero, de Teatro Mínimo, que nos presentou o espectáculo que leva por título "A vía láctea". O terceiro dos contidos, tamén sobre teatro, foi unha entrevista ao actor e director Fran Ameixeiras, que nos sintetizou a súa traxectoria e que nos falou do recente percurso polo Brasil e a Arxentina.
A cuarta e última parte estivo dedicada á asociación de moteiros Martelos-Costa Norte. Txitxo, de Viveiro, fíxonos crónica do Martelazo Rock celebrado en Xove no pasado mes de setembro e adiantounos que a súa segunda edición xa está en marcha.

13/11/19

Proxecto Neo, 278.9: Mestrado de Educación da USC; Eduardo Maragoto (AGAL); Federico Cachafeiro (Asoc. Avelino Díaz)



Grazas á iniciativa da profesora Luz Zas, con este programa entramos nunha sala de aulas da Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela para facermos interlocución co alumnado do Mestrado de Educación.
Pola súa parte, o profesor Eduardo Maragoto atendeu a nosa chamada e nós felicitámolo pola renovación por segunda vez consecutiva no cargo de Presidente da AGAL. Naturalmente, tamén falamos do eixo central das actividades da asociación para o ano 2020, o da celebración do Dia das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero.
Coa axuda de Federico Cachafeiro, de Meira, demos a coñecer a xornada de celebración do 122º aniversario do nacemento do escritor Avelino Díaz.

06/11/19

Proxecto Neo, 277.9: Serxio A. Mon; Antón Castro; Dolores L. Caión (Carballo Vivo-Friol); Mónica Fernández Valencia (Youtubeir@s)

Imaxe da Masa Coral Modelo Burela no día da integración activa do novo integrante, o mozo Antón Castro Rivas


Comezamos coa crónica dunha viaxe a Irlanda. O privilexiado cronista foi Serxio Alonso Mon, unha das voces da Masa Coral Modelo Burela. A través do seu relato viaxamos en avión a Dublín e alí tomamos un coche alugado para coñecermos a parte meridional da illa. Recreámonos na cidade de Cork e na visita á pedra da elocuencia.
A seguinte entrevista foi a de presentación dun novo integrante do equipo, que aproveitou moi positivamente o período de toma de contacto co medio. Antón Castro Rivas, de 2º de ESO, falounos das súas orixes na parroquia de Santa María Maior, no concello de Mondoñedo.
Dolores López Caión presentounos desde Friol o programa da xornada cultural dedicada ao ensaísta Celestino Fernández de la Vega, unha actividade organizada pola asociación Carballo Vivo.
Desde a cidade de Ourense, Mónica Fernández Valencia (técnica do servizo municipal de normalización lingüística) falounos do certame Youtubeir@s, que tivo un grande éxito de participación.
Neste programa tivemos tamén outra nova colaboración da comunidade educativa do Colexio Virxe do Carme, de Burela. É a gravación dun relato orixinal da alumna Laura Eixo, con acompañamento musical de Brais Cuba, Íker Dias e Sofía Fraile. A xentileza debémoslla ao profesor Roi R. Cagiao, colaborador do programa.