Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

19/12/18

Proxecto Neo, 246.8: Sabela (OT); Xoana; Lorena Suárez; Ugia Pedreira; Carmen Penim


Programa do día 19 de decembro de 2018. Un especial sobre música. Primeiro falamos sobre Sabela Ramil e a Operación Triunfo. Despois baixamos ao Porriño para conversar con Xoana, que nos presentou o seu "Dardos". 
A convidada da parte central foi a profesora Lorena Suárez Pazos, con quen falamos sobre o seu exercicio docente en Rosario e Buenos Aires, na Arxentina; e o Ceará e Río de Xaneiro no Brasil.
Nos minutos finais, recuperamos de novo a conversa sobre música, primeiro con Ugia Pedreira e despois con Carmen Penim.

12/12/18

Proxecto Neo, 245.8: Sabela Ramil (OT); Nedi Mallada; Alexandre Brea; Henrique Dacosta; Anxo G. Guerra; Alfonso Zarauza



Máis unha vez, Carme Rivera Vidal fíxonos partícipes do estado de ánimo de Sabela Ramil nunha nova fase da Operación Triunfo. No día en que a artista galega interpreta unha letra de Rosalía de Castro, nós animamos a audiencia a manifestar o apoio a través de diferentes canais.
Enedina Mallada Paniagua convidounos aos actos de presentación en Boal e Navia do seu libro La belleza de las pequeñas cosas (Ediciones Trabe).
Co doutorando en Física de partículas Alexandre Brea Rodríguez, falamos sobre o premio Arritmar na modalidade de poesía.
De premio tamén falamos con Henrique Dacosta, o gañador do Lueiro Rei de Narrativa convocado polo Concello de Ogrobe.
O profesor Anxo González Guerra presentounos os novos contidos do portal www.ogalego.eu e mostrounos as impresionantes cifras de audiencia.
Nos minutos finais tivemos unha breve conversa con Alfonso Zarauza, con motivo da súa participación nun obradoiro de dirección e produción cinematográfica a celebrar en Burela.

05/12/18

Proxecto Neo, 244.8: Lídia Pena (Semente Trasancos); Carmen R. Vidal (Sabela, OT); Maria G. Jartín (Avelino Diaz)




Abrimos o programa coa música de Ugia Pedreira e a Comuna del Barruzo e das ribeiras do Eo pasamos a Vigo para recoller o entusiasmo que nos enviaron desde a Escola Semente. 

Con toda esa forza, viaxamos á Terra de Trasancos e coñecemos a campaña "Vamos polo Primário", de alargamento da escola galega para a etapa de escolarización dos 6 aos 12 anos.

Desde As Pontes, Mari Carmen Rivera Vidal comentounos a actualidade de Sabela dentro da Operación Triunfo. Nós, a través das palabras e das imaxes, fixemos unha demostración sobre como facer efectivo o apoio.

Na última parte, estivemos coa profesora María G. Jartín, que nos fixo partícipes dunha nova cita de reivindicación dun Día das Letras dedicado a Avelino Díaz.