Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

11/03/26

Proxecto Neo nº 482.15 - Beatriz González de Canales, Bea Ulalume de CUAC FM

Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e Mulleres na historia.  

Neste mes de marzo, CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña está de aniversario e por este motivo, falamos cunha das voces máis coñecidas da emisora: Beatriz González de Canales, socia veterana e exvicepresidenta da asociación. Beatriz participou en diferentes proxectos como o programa comunitario AR DE CORUÑA, ou o Curso de Galego en Radio ISTO É GALEGO. Foi directora artística da adaptación radiofónica da obra LA RESISTANCE (de Carlos Losada) e forma parte do proxecto estatal ONDA ODS. 

Con Bea Ulalume, alcume co que se coñece polas ondas radiofónicas falamos entre outras cousas de como compaxina o seu traballo de enfermeira coa paixón pola radio, das orixes da emisora, dos retos do seu funcionamento e da batalla xudicial que CUAC FM gañou á Xunta de Galicia.

04/03/26

Proxecto Neo nº 481.15 - Aurora Marco e "María Vázquez Suárez, a mestra socialista eliminada polo franquismo."

Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día, e a nova sección Mulleres na historia

Conmemoramos o Día Internacional da Muller conversando por vía telefónica con Aurora Marco, catedrática de Ciencias da Educación, investigadora e historiadora. As súas liñas de investigación preferentes son: a Lingua, a Literatura, o Xénero e a Memoria histórica. Con Aurora falamos das mulleres que deixaron pegada nela e na historia e que foron invisibilizadas como María Vázquez Suárez, a mestra socialista eliminada polo franquismo.