Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

17/12/14

Proxecto Neo nº 109.4 - Noa Expósito Campos, Alexandre F. Peón, Anxo González Guerra e Róchi Nóvoa Vázquez




O programa 109 comezou coa intervención de Noa Expósito Campos, que nos presentou o audiovisual que leva por título "As cousas de antes" e convidounos a visualizalo e a apoialo durante o proceso dun concurso.
Seguidamente, Maka Ledo e Helena Valle comezaron a súa serie de entrevistas. O primeiro dos convidados foi o pontevedrés Alexandre Fernández Peón. Este estudante de Xornalismo en Compostela fíxonos a descrición do seu proceso de incorporación á cultura galega, moi especialmente apoiado polo profesorado de Lingua e Literatura do Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra. Este mozo de 18 anos recitounos un poema da súa autoría que resultara premiado no Certame Literario Minerva na súa convocatoria de 2013.
Durante a entrevista, establecemos comunicación directa co profesor Anxo González Guerra, que transmitiu os seus parabéns a Alexandre e, ao mesmo tempo, falounos da ferramenta dixital www.ogalego.eu que conseguiu en 2013 un total de 250.000 consultas desde outros tantos computadores diferentes. Comentounos tamén  que a páxina máis consultada foi a das 116 letras de cantigas galegas, que foi visitada desde 70.000 equipos informáticos.
Na parte final do programa, a conversa continuou pola esfera da poesía e a música. A protagonista foi a escritora Róchi Nóvoa Vázquez, que nos presentou a súa poética e que nos fixo coñecedores da nómina de intérpretes musicais que tomaron os seus versos para faceren cancións (entre eles o colaborador de Proxecto Neo Servando Barreiro). A escritora tivo unhas palabras moi especiais para o seu ex-profesor Isaac Alonso Estraviz, a quen considerou un referente pedagóxico.

10/12/14

Proxecto Neo nº 108.4 - Matías Nicieza, Maka Ledo, Alberto Oural, Carlos García Vieito e Tamara García


Alberto Oural presentando a campaña solidaria en Radio Burela


Comezamos o programa falando de novo sobre A Esmorga. Desta vez coñecemos as impresións de Matías Nicieza. A seguir fixemos a celebración do premio literario conseguido por Maka Ledo, que nos leu en directo o relato gañador do certame convocado polo Concello de Burela co obxectivo de facer sensibilización social contra a violencia de xénero.
No estudio recibimos a visita de Alberto Oural Fra, que nos presentou a campaña solidaria en favor de Priscila, que padece cancro. Priscila é irmá de Gaby, xogadora internacional do Burela F.S. e nas próximas semanas recollerá a colaboración económica enviada desde A Mariña.
Na última parte do programa (min. 40') falamos con Carlos García Vieito sobre a campaña que propugna o recoñecemento da toponimia auténtica no nome do equipo de fútbol da Coruña, que aínda continúa coa denominación predemocrática.
Os minutos finais (48' a 60') foron para Tamara García, autora do libro intitulado As inxustizas do Casón. A ensaísta de Viveiro presentounos a obra e nós dedicámoslle unha peza musical de Ses: "Non son fada".

03/12/14

Proxecto Neo nº 107.4 - María do C. Cociña, Antonio Durán "Morris", Zeltia Montes e Miguel Rodríguez






No programa nº 107, emitido en directo na tarde do 3 de decembro de 2014, fixemos un especial dedicado á versión cinematográfica que fixo Ignacio Vilar inspirándose n'A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. 
Nos primeiros minutos entramos nunha sala de cinema de Santiago de Compostela a través das palabras da profesora María do Carmo Cociña, que nos contou a forte impresión que lle causou o visionado do filme e valorou moi eloxiosamente tanto os traballos de Ignacio Vilar e Zeltia Montes como o dos tres coprotagonistas: Miguel de Lira (Cibrán), Karra Elejalde (Bocas) e Antonio Durán Morris (Milhomes). Durante uns minutos, Helena Valle procurou que a profesora nos confesase aquilo que non lle gustou tanto, mais a entrevistada resistiu todo o que puido.
Despois de escoitarmos un fragmento da banda sonora de Foise co vento, chegou a vez de Maka Ledo, que noutra das súas tardes redondas conduciu unha magnífica entrevista con Antonio Durán "Morris", que nos comentou como foi a súa relación co texto, como viviu o proceso de selección do elenco e -sobre todo- como viviu o proceso de rodaxe. Finalmente tamén nos deu a coñecer como se foi facendo neofalante en Vigo.
Karina Parga tíñanos preparada unha grande sorpresa. Durante a entrevista con Morris, conseguiu establecer comunicación con Zeltia Montes, a compositora das bandas sonoras de Pradolongo, Vilamor e A Esmorga, que saudou en directo a Antonio Durán e que despois tamén nos respondeu a diversas preguntas relacionadas co cinema e coa cultura galega.
Nos minutos finais coñecemos unha nova iniciativa de Educación sen Fronteiras na voz de Miguel Rodríguez, técnico que atende a delegación viguesa desta entidade. Foi a primeira entrevista do noso novo colaborador Lavilson Rodrigues Monteiro, que recolleu o aplauso espontáneo de toda a familia Neo.

26/11/14

Proxecto Neo nº 106.4 - Mohamed Sakho, Sonia Varela, Ramiro Vidal Alvarinho e Paulo O' Lema


 Equipa condutora do programa: Helena Valle, Maka Ledo e Karina Parga. De pé: Lavilson Rodrigues, Mohamed Sakho, Alexandre Lopes e Bernardo Penabade
Presentación manuscrita de Mohamed Sakho en Serer (a súa primeira lingua), Wolof (a lingua franca do Senegal) e Galego (a lingua de adopción actual)



Chegou o programa número 106 e fíxoo un 26 de novembro de 2014. Ao compás da voz de Helena Valle, que foi a nosa condutora, interviron na cabeceira Maka Ledo e Karina Parga.
Feitas as presentacións, escoitamos música do Senegal, por indicación do primeiro convidado, Mohamed Sakho. Este mozo de 15 anos, que leva dous meses no noso sistema escolar, fixo unha breve intervención para presentarse e para presentarnos a súa familia. Despois leunos o contiño intitulado O Galo Pinto (Ed. A Nosa Terra).
Xusto despois de escoitarmos esta lectura, viaxamos a Barcelona para transmitir os parabéns á profesora Sonia Varela, responsábel de iniciar na aprendizaxe do noso idioma a Karra Elejalde, o actor que interpretou o papel do Bocas na Esmorga, de Ignacio Vilar, e que tanto éxito está conseguindo entre o público.
Coa música de Nao, interpretando a peza "Ninguén", pasamos a falar co escritor Ramiro Vidal Alvarinho, que nos atendeu desde Oleiros. O autor de Letras de Amor e Guerra falou con Maka Ledo da súa infancia na comarca ártabra e do modelo aplicativo seguido polas familias das áreas industriais para a crianza de fillos e fillas.
Xa nos minutos finais, falamos co noso correspondente Paulo O'Lema, un dos integrantes da "Tropa de Breoghan" que botou a andar radiofonía galega en Euskadi. A través de Paulo, coñecemos o horario de emisión, o xeito de obter información na rede e os obxectivos e contidos deste novo espazo cultural.

19/11/14

Proxecto Neo nº 105.4 - Manuel Dios Diz, Xesús Pisón Villapol e Paulo O' Lema




O programa número 105, conducido por Helena Valle, contou coas intervencións de Manuel Dios Diz, Xesús Pisón Villapol e Paulo O' Lema; no estudio presenciaron o desenvolvemento dos contidos os nosos alumnos Mohamed Sakho e Lavilson R. Monteiro.

14/11/14

Pescada de Burela e castañas de Riós

DE PRATO PRINCIPAL: Pescada de Burela (chamada polo seu nome)...
e de SOBREMESA?: Castañas de Riós

Matías Nicieza
Karina Parga
Bernardo Penabade

Desde o final do curso 2013-2014, tíñamos pendente unha manifestación de cariño para un grupo de mozas e mozos que participaron semana tras semana -durante case dez meses- nunha experiencia educativa que titulamos Proxecto Neo e que Radio Burela converteu no seu principal espazo de fomento da convivencia intercultural. Pola razón que fose, nunca aparecía o momento que viñese ben ao conxunto. Mais durante a celebración da primeira xornada do Obradoiro de Radio “O Galego na Onda” comentámoslle a Rubén Riós e Andrés Rozados que nos faría moita ilusión que aceptasen o noso convite para comermos xuntos na seguinte xornada do curso e, con grande alegría para nós, concedéronnos esa honra e deixamos marcada a data: 12 de novembro de 2014.
A responsabilidade do menú pasámoslla directamente a Luís Rubal, persoa moi comprometida co apoio á emisora. Non había que explicarlle nada, porque el sabía moi ben o que supuña para nós ter esa atención con Maka Ledo e Helena Valle, con Laura e Viviane Brito, con Serxio Rivas, Sofu Housni e Simón Rodríguez; con Rubén Riós e Andrés Rozados; e -incluso diría que moi especialmente- con Lucía Rivas, a nosa Fotógrafa Oficial e vivo exemplo do que é a superación persoal a base de dedicación. Por iso, pola parte gastronómica estábamos ben tranquilos. Só faltaba que saíse ben todo o resto.
E o resto comezou con moi bon pé. Ao acabar a xornada de mañá, esperamos polos nosos mestres Rubén e Andrés á entrada do instituto e, tan pronto como chegaron, fomos directamente para o Hotel Canaval. Nada máis chegar, os convidados xa nos fixeron entrega dun presente moi especial: unha caixiña de castañas de Riós para a sobremesa. Que delicia! Alí, en pleno bar, armados de coitelos, amosámolas ben amosadas, xusto antes de nos sentarmos a comer.
Sinceramente, creo que a comida foi de ensoño. Soará grandilocuente, si, mais os e as convivas creo que darán testemuño de que digo a verdade. Dolores do Canaval puxo todo o seu bon facer unido a unha enorme sensibilidade para que nos sentísemos como na casa e conseguiuno. Caldiño con verduras de Lourenzá delicioso -coa substancia inequívoca do feito na casa, con tempo e con cariño- e pescada do pincho de Burela, tenriña, coas patacas no seu punto e un prebe sabedor para o paladar e atractivo para os ollos. Mais iso aínda non foi o único. Porque acorde coa comida de Dolores estiveron a delicadeza no trato de Rubén; a profesionalidade de Andrés, que fixo compatíbeis a atención a nós coa posta a punto dos pormenores de produción do programa a gravar máis tarde; e a inmensa bondade de Lucía Rivas, que alí tiña preparado o seu detalliño para cada un dos protagonistas da iniciativa educativa Proxecto Neo. Foi así como tomamos as castañas de Riós misturadas cunha dose da Esmorga, na versión de Ignacio Vilar, coas imaxes en primicia da inminente Vida de Rubén Riós, coa literatura de Ledicia Costas e coas fotiños de Lucía. A ilusión feita realidade.
(Vista do prato de pescada en imaxe do teléfono)

(A recepción das castañas xa asadas, en fotografía de Lucía Rivas)

E despois? Depois Radio. Así con letra grande inicial. Radio dirixida por dous profesionais da comunicación: Andrés e Rubén (por orde alfabética). Radio feita por Helena Valle, por Simón Rodríguez, por Maka Ledo e por Serxio Rivas, acompañados por Sofu Housni, por Laura e por Viviane Brito. Radio feita con cabeza, mais con paixón. Con guión literario, gardado como tesouro para que fose sorpresa. Con guión redondo (combinando creatividade propia con entrevistas no estudio e por teléfono) con detallazos dos que se falará no seu momento, que tamén hai que intrigar un pouco.



Así foi a festa de aniversario do programa número 100, aínda que chegase no día en que se emitiu o 104. Así o celebramos, reunidos arredor dunha mesa, cara a cara, gozando do sabor da pescada de Burela (chamada polo seu nome), das castañas de Riós... e, sobre todo, do sentimento de Irmandade. Porque os Vilar Ponte non sementaron en van.


12/11/14

Proxecto Neo nº 104.4 - Olga Cerpa, Ernesto Vázquez Souza e Andrés Rozados

No comezo do programa 104 reforzamos os vínculos de unión coa cultura canaria, a través da palabra e da música de Olga Cerpa, a intérprete da "Estreliña do Luceiro" incluída no disco Auga de Maio de Milladoiro.
Tamén falamos con Ernesto Vazquez Souza, o bibliófilo coruñés que traballa na Universidade de Valladolid... e que foi profesor no Instituto Perdouro.
Na parte final do programa soubemos algo máis da Coqueta... Claqueta! ou da Claqueta Coqueta.

05/11/14

Proxecto Neo nº 103.4 - Manuel Caeiro, Jordi Jordá i Casademont, Margarita López Periago

Esta semana celébrase o V Día da Ciencia en Galego, unha xornada reivindicativa polo dereito a gozar da ciencia nun idioma con máis de mil anos de historia viva. Este día naceu para denunciar a exclusión do galego do ámbito científico-tecnolóxico, unha exclusión promovida polo Decreto do Plurilingüismo.
 Proxecto Neo, en consonancia coas comunidades educativas do ensino non universitario galego, non quere ser cómplice dos prexuízos que sustentan semellante prohibición!
 Por iso facemos nosas as palabras de saúdo que fixo públicas Nova Escola Galega. 
 Por iso secundamos a convocatoria da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. 
 Por iso participamos na videoconferencia pronunciada polo profesor Manuel Caeiro, Dr. en Enxeñaría de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e responsábel da rede TELGALICIA sobre innovación educativa e da aplicación.
E por iso lle dedicamos o programa 103 de Proxecto Neo.

O programa 103 estivo protagonizado polo xornalista Jordi Jordá i Casademont e pola profesora Margarita López Periago.

O director da Cadea Ser en Galiza falounos da súa vocación para a comunicación radiofónica, avaliou a situación do mercado radiofónico na nosa comunidade, partillou con nós as circunstancias en que se fixo integrante da cultura galega e acabou avaliando para nós a actualidade política en Cataluña.

A profesora do Departamento de Electrónica no Instituto Perdouro fíxonos crónica das actividades do Día da Ciencia en Galego e despois tamén reflexionou en voz alta con respecto ás relacións entre Ciencia, Tecnoloxía e Xénero. 

29/10/14

Proxecto Neo nº 102.4 - Expedición galega en Praga (Nerea Isasti, Alberto Fernández, Lara de la Huerga e Aroa Álvarez)

O programa nº 102 chegou nun día especial, o 29 de outubro de 2014. Esa foi a data de comezo do obradoiro de comunicación radiofónica conducido ao unísono por Rubén Riós e Andrés Rozados. Un luxo que temos que agradecer a todo alumnado que participou no certame "O Galego na Onda"  promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Vaia, pois, desde estas liñas o agradecemento colectivo e a felicitación para Maka Ledo e Helena Valle, gañadoras da fase celebrada na Mariña.
Nunha data tan especial, propiciamos o descanso da nosa constelación para que estiven relaxados á hora de participar na xornada formativa. Desa maneira, a viaxe comezou unicamente coa Sra. Condutora, o Revisor, o Mecánico... e -evidentemente- a nosa Fotógrafa Oficial. Inmediatamente despois, recollemos catro viaxeiros: Nerea Isasti, Alberto Fernández, Lara de la Huerga e Aroa Álvarez.
Quen son?
Lean este informe e xa verán:

"En resposta á súa solicitude de información individual, teño a ben comunicarlle que me comprace enviarlla. Non o farei de xeito particularizado, porque non o creo necesario.
 Lara, Nerea, Alberto e Aroa son todos estudantes do segundo curso de Bacharelato. Elas e el comparten o sentido da responsabilidade -son persoas moi moi responsábeis- e comparten tamén as virtudes do esforzo e do saber traballar moi ben individualmente e en equipo. Todo isto unido a que son moi intelixentes dá como resultado que sexan alumnas e alumno brillantes tanto no escolar como no extraescolar”.

Pouco tempo nos fixo falta para saber que o informe era moi rigoroso. A participación dos catro foi antolóxica.

Finalizada a emisión, reunímonos co resto do equipo e saudamos os profesores visitantes, Andrés Rozados e Rubén Riós, que nos foron presentados por Noelia Lestegás (do Concello de Burela). Foi un encontro gratísimo do que dan boa mostra as moitas fotografías que fixemos.

Outra xornada máis para recordar!

22/10/14

Proxecto Neo nº 101.4 - Viviane Brito




Chegou o primeiro programa da cuarta etapa. Foi na tarde do día 22 de outubro de 2014. Nesta data recibimos no estudio de Radio Burela a visita de Viviane Furtado Brito, estudante do 1º curso de Bacharelato no Instituto Perdouro.
Abrimos esta nova entrega cunha música intercultural: a "Estreliña do Luceiro" interpretada por Milladoiro e a cantora canaria Olga Cerpa (integrante de Mestisay). Despois dun moi prometedor preámbulo en que evocamos a súa viaxe da Assomada a Burela -pasando por Lisboa e polo Porto-, Cesárea Évora animounos a falar con maior profundidade sobre diversos temas.
Tivemos tempo para avaliar os resultados académicos do alumnado procedente de Cabo Verde. Viviane fixo autocrítica e apostou por unha maior implicación das familias no proceso formativo dos seus fillos e fillas.
Durante a conversa tamén abordamos a situación socioeconómica das familias inmigrantes e coñecemos de primeira man como a nosa convidada contribúe na medida das súas posibilidades con recursos monetarios gañados por ela.
Xa contra o final, Viviane tamén nos falou de literatura e incluso nos recitou o "Deitado rente ao mar" de Celso Emilio Ferreiro. 

19/10/14

CUARTA ETAPA: Programa 101

O punto de partida foi explicado pola nosa Comandanta en Xefa: a profesora María José Andión Fontela, a quen recibimos falándolle como a unha irmá a través das palabras de Celso Emilio Ferreiro interpretadas por Mini e Mero. Era un 4 de xaneiro de 2012.
Unha semana despois, o día 11 -neste caso xa en directo-, conversamos demoradamente con Karina Parga Chao. Dedicámoslle o "Alalá das Mariñas" na voz de Uxía Senlle: "Teño unha casiña branca // na Mariña, entre os loureiros...".

E con estes precedentes... con quen comezaremos a cuarta etapa? Con quen conversaremos no programa 101?

Pois esta é a resposta:

Comezaremos ao grande. En feminino. En Feminino Neofalante. En directo. Directamente no estudio de Radio Burela.
Falaremos cunha Estreliña... e dedicarémoslle esta peza: https://www.youtube.com/watch?v=upKf6ZxtCro

Polo tanto, xa non hai enigma coa música!

Recordade: Mércores, día 22 de outubro, ás 5 da tarde. En Radio Burela, como sempre!

14/10/14

ESPECIAL 100

                  


O punto final da terceira etapa chegou xa no novo curso. Foi concretamente na tarde do 15 de outubro de 2014 e cun programa especial de dúas horas de duración. Aínda un pouco coa comida na boca, presentámonos no estudio de Radio Burela para ultimar os preparativos dado que xa levábamos dous meses sen facermos un programa xuntos. Simón púxose ao mando da sala técnica e Maca, Safou, Helena e Serxio mantivéronse no locutorio.
Ás catro da tarde, todo estivo preparado. Comezamos coa música de Roi Casal e Silvia Ferre, que despois nos concederon unha moi cariñosa entrevista. Tras escoitalos outra vez, nunha peza diferente, viaxamos a Rianxo para falarmos con Valentina Formoso, que nos presentou as liñas de traballo dos Equipos de Normalización de cuxa coordinadora ela é portavoz.
Contra o final da primeira hora, falamos con Valentín García Gómez -Secretario Xeral de Política Lingüística-, quen tamén nos transmitiu palabras de apoio, o mesmo que tiñan feito os contertulios anteriores. Só superficialmente tocamos temas espiñentos, mais fixemos por marcar unha nova cita para falarmos en profundidade. 
A segunda hora comezou coa entrevista a Miguel R. Penas, historiador, que nos atendeu en representación da AGAL, a entidade que promoveu a celebración do Día do Orgullo Neofalante, unha efeméride que nós tamén celebramos. Xuntos fixemos votos para que a próxima convocatoria sexa máis abranxente, de xeito que contribuamos a que o XXI sexa o século do Protagonismo Neo.
A seguir puxémonos en contacto con Marcos Maceira, da Mesa, que tamén nos atendeu coa máxima amabilidade. Falounos demoradamente sobre as actividades da entidade que preside e partillou connosco as súas reflexións sobre a situación xeral do idioma.
Na parte final falamos con empresas de enxeñaría lingüística: Silvia atendeunos desde a sede de Imaxín e Berto desde o estudio de A Navalla Suíza.
Seguindo a liña dos 99 programas anteriores, fixemos do 100 un novo punto de encontro.
Porque a prioridade nesta cultura está en conseguir fortalecer...
... xustamente iso: os puntos de encontro.



09/09/14

PROXECTO NEO TAMÉN NA TELEFONIA


Desde agora mesmo, as diferentes entregas semanais de Proxecto Neo están tamén disponíbeis para escoitar desde o sistema de telefonía.
É tan fácil como clicar nesta ligazón.

Ou tan fácil como entrar en  https://www.facebook.com/pages/Modelo-Burela/211272152249587

22/08/14

Primeiro foi a sementeira... agora chegan os resultados


No domingo,

 día 24 de agosto, 

ás oito da tarde


Hotel Canabal de Burela acolle a presentación dun novo disco do Conjunto Os Folkgazais, da Veiga, liderados por Abel Pérez. Teremos a ocasión de escoitar ao vivo o directo do grupo en que participa Ruth Martín, unha das protagonistas de Proxecto Neo.
Será unha magnífica oportunidade tamén para escoitar a interpretación dun poema de Héctor Acebo, convertido en blues polo grupo musical da Veiga.
Toda a actualidade do Modelo Burela aquí.

12/08/14

NOVOS PROTAGONISTAS MODELO BURELA (DOMINGO RUIZ PINEDA e XELA CUÑARRO)


Matías Nicieza continúa ofrecendo os micros de Radio Burela aos protagonistas Modelo Burela. Na programación de hoxe fixo dúas entrevistas a persoas que destacan polo fomento da multiculturalidade. No "Aquí Burela" localizou en Manilva (Málaga) o protagonista do documentario titulado "A viaxe de Hércules". Como nel é habitual, Domingo Ruíz Pinedo fixo unha intervención extraordinaria.
A entrevista pode escoitarse aquí:  http://www.ustream.tv/recorded/51277448 (Despois da primeira media hora).

No inicio da Mañá da Mariña a entrevistada foi a xornalista Xela Cuñarro, a moza canguesa que puxo a cantar os nenos irlandeses en gaélico e galego os poemas de Rosalía de Castro.

A Mañá da Mariña escóitase nesta ligazón: http://www.ustream.tv/recorded/51280739

08/08/14

Continúan as Visitas Modelo Burela

Continúan chegando visitas para coñecer a experiencia do Modelo Burela. Son persoas de diferentes países, veciñas e veciños de Burela; e tamén turistas que están de paso ou que pasan unha ou dúas semanas na comarca da Mariña.
Nunha intensa tarde do xoves, día 7 de agosto, documentámonos cos comentarios "in situ" realizados por Manolo Maseda, que estivo acompañado no labor de guía por Toncho Trelles. Tivemos, ademais, un magnífico complemento: a información facilitada en cada unha das paradas por veciños de Burela de Cabo.
Na mañá de hoxe fixemos un percorrido máis reducido con Jerome e Silvie Aubry, chegados da Bretaña co seu fillo David. En recordo da visita, guiada nesta ocasión por Karina Parga, o hostaleiro Luís Rubal García (do Hotel Canabal) agasallou os visitantes con cada a súa camisola Modelo Burela

A entrevista está aquí: http://www.ustream.tv/recorded/51068516 (xusto despois de unha hora e tres cuartos: 01: 48: 00)

Lembramos que para facer as entrevistas concertadas debe enviarse mensaxe para proxectoneo@gmail.com ou mensaxe privada a través do Facebook de Proxecto Neo (https://www.facebook.com/proxecto.neo.3), de Radio Burela (https://www.facebook.com/radioburela.burelaradio) ou Hotel Canaval (https://www.facebook.com/canabalhotel?fref=ts)

28/07/14

VISITAS E ENCONTROS "MODELO BURELA"

Para coñecer o patrimonio paisaxístico e monumental da Mariña...
Para coñecer e conversar coas persoas que protagonizan o modelo lingüístico aglutinante...
Para asistir a eventos como Produart, a Feira do Bonito, a Maruxaina, a Queimada Popular de Cervo...
Para gozar da nosa mellor gastronomía...


Unha iniciativa da área de innovación educativa do Instituto Perdouro en colaboración con Radio Burela.

Se desexa información máis pormenorizada, póñase en contacto con nós a través de https://www.facebook.com/groups/proxectoneo/, do correo electrónico proxectoneo@gmail.com ou do teléfono 664 30 14 36

AYUB SABRY NO LUAR

O LUAR do 25 de Xullo
foi 
de novo
un programa
MODELO BURELA
Todo o programa o foi, máis despois do minuto 58'
temos a nosa estrela
AYUB SABRY

24/07/14

PETRA MOCOVÁ



(O audio está na segunda hora, concretamente en 01:10:00)

Unha profesora Modelo Burela que nos visita desde Liberec, na República Checa. Fala do seu abrazo á nosa cultura e das súas experiencias polo camiño norte, especialmente impulsado polo noso amigo Luís Ansedes, de Finca O Remanso.

20/07/14

Massimiliano Matteri

Foto tomada dehttp://www.edu.xunta.es/centros/iesmontecastelo/

Unha das iniciativa que contempla o Modelo Burela é a dos intercambios educativos con centros de ensino doutras comunidades lingüísticas. Este reforzo orientado a adquirir fluidez oral noutras linguas internacionais por parte do alumnado é unha práctica habitual nos colexios e institutos de Burela.

Dentro deste contexto educativo, durante o curso 2013-2014 estivo en Burela o profesor Massimiliano Matteri, en calidade de axudante do programa Comenius. A súa experiencia foi comentada en Radio Burela nunha entrevista realizada por Matías Nicieza durante A Mañá da Mariña. Na conversa descubrimos como chegou á Mariña o Prof. Materi, como coñeceu a literatura galega e como se desenvolveu a súa experiencia na nosa comarca.

Escoite aquí a entrevista. Se espera uns segundos, cargarase o arquivo e poderá ir directamente ao minuto 26'. Aí comeza a conversa.

18/07/14

Iª Semana da Radio (Quinta Xornada)

PARA ESCOITAR OS PROGRAMAS CONCRETOS, CLICA ENCIMA DO DESTACADO

SESIÓN MATINAL

1) Bo día, Burela: Radio Burela fixo un repaso ás actividades do día anterior e despois avanzou as propostas para a quinta xornada.

2) Tíralle da Lingua: Os condutores do programa combinaron música e palabra para relacionar A Mariña co mundo. Foi un programa interactivo entre eles e Karina Parga, que os estaba escoitando desde a Borgoña.

3) A Mañá da Mariña: Matías Nicieza comezou falando con Merce e Rebeca Maseda, continuou con Breixo Llano e Adrián Canoura, sobre o documental Escamas, Sangue; e acabou dando a coñecer as novas actuacións do mindoniense Tom Arenas.

4) A Mariña Deportiva: Quen é Ro? Que significa coeducación? E igualdade de oportunidades? Entre Ro e Simón póñennos as cousas claras.


SESIÓN VESPERTINA

5) Osa do Mar: A quinta entrega que nos fixo Maka Ledo, que combinou as entrevistas cos ritmos máis movidos.

6) Código Urbano: unha nova edición do programa de Serxio Rivas con máis entrevistas e máis música.

7) Fórmula Vinilo do Verán: Nova edición do programa de Félix Jorquera.

8) A Sinfonola:

Foto: Lucía Rivas

9) A Fondo: A entrevista con Fina Lestao Basanta. (CLICA AQUÍ PARA ESCOITALA)


17/07/14

Iª Semana da Radio (Cuarta Xornada)

PARA ESCOITAR OS PROGRAMAS CONCRETOS, CLICA ENCIMA DO DESTACADO


SESIÓN MATINAL


1) Bo dia, Burela: No programa de saúdo matinal, Matías Nicieza recordou os grandes momentos da xornada anterior e adiantou os contidos a desenvolver na presente. Ademais de anunciar que as grandes citas do día son as entrevistas con Carlos Mandiá (futbolista de Alfoz) e os recoñecidos hostaleiros de Burela Salomé e O Poeta, tamén escoitamos os saúdos de Melisa Orbán (desde México) e de Manolo Maseda (desde Portozás).

2) Tíralle da Lingua: Helena Valle e José Fernández puxeron música, fixeron recomendacións literarias e despois falaron Mayon Levin (compositor de música electrónica; burelao que reside en Londres) e con Andrés Gil (cantautor focense).

3) A Mañá da Mariña: Rubén Pinín falou da oferta gastronómica no Traste, en Burela. Antía Ben atendeunos desde Carolina do Sul, nos Estados Unidos; e no Hotel Vila do Val puxéronnos os dentes longos... moi longos.

4) A Mariña Deportiva: nesta nova entrega do programa da sección de deportes, Simón R. Rouco falou de baloncesto de base con Saray Gómez Mesa. Despois puxo alma, corazón e vida para facerlle unha entrevista antolóxica a Carlos Mandiá, o futbolista de Alfoz que xogou no Celta, no Castilla e no Real Madrid, no Logroñés e noutros diversos equipos. Na conversa abordaron a práctica do deporte base no Valadouro, despois repasaron o currículo como futbolista de Carlos Mandiá e a seguir tamén comentaron a súa experiencia como director deportivo en diversos clubes.

A Fondo: Aquí está integramente a conversa con Salomé Gómez e Eugenio Ramos, "O Poeta". Setenta e oito anos de historia contados en primeira persoa (1935-2014).

AUDIOVISUAL MODELO BURELA


ESCOITA AQUÍ A RADIO EN DIRECTO

16/07/14

Iª Semana da Radio (Terceira Xornada)


SESIÓN MATINAL (Clica sobre o destacado para escoitar a radio)




1) Bo día, Burela: Matías Nicieza comezou facendo un repaso dos contidos da segunda xornada. Cando faltaban uns minutos para as dez da mañá, chegou o primeiro momento emotivo do día. Desde o estudio de Radio Burela, en vivo e en directo, fíxoselle a felicitación do día á Sra. Carme Barcia Abad, unha das fundadoras da Escola Infantil Guiñol ( o audio está despois do 52'). 
Inmediatamente despois, o protagonista foi Xoaquín Campo Freire (Xaquín de Roca), que nos falou sobre a súa relación con Ramón Marful. Iso foi só o comezo, porque despois falou de moitas outras cuestións. Unha entrevista magnífica (PARA IR DIRECTAMENTE Á ENTREVISTA, DEIXA CARGAR O ARQUIVO E VAI DIRECTAMENTE A 1 hora e 2 minutos (1: 02: 00)).

2) Tíralle da Lingua: Helena Valle -outra vez coa axuda de José Fernández- entregounos de novo un programa moi fresquiño. Con ela estiveron no estudio de Radio Burela os integrantes do grupo Vis a Vis, que actuaron en directo. Iso mesmo fixo Hugo, outro artista local que estivo no programa.

3) A Mañá da Mariña: Matías Nicieza fixo un programa acorde co conxunto das xornadas e moi especialmente co día das Carmes. Falou con Mondoñedo para recoller a chamada dunha radiouvinte das fixas, Merce Maseda Longarela, que aproveitou para felicitar a súa nai. Posteriormente recibiu no estudio a visita do profesor Massimiliano Matteri, un auténtico Modelo Burela... italiano. Durante a entrevista, fíxose a felicitación en directo a unha Carme empregada municipal: a nosa veciña "Puchi".

4) A Mariña Deportiva: Simón R. Rouco trouxo de novo ao primeiro plano diversos protagonistas das diferentes prácticas deportivas da Mariña. Ademais de falar cun nadador do Clube Universitario da USC, conversou cunha monitora de Ximnasia Rítmica e cedeulle o micro a Nilo, o novo presidente da Asociación Deportiva Burela para que este presentase a nova etapa desta entidade.

5) Especial Osa do Mar: Maka Ledo conduciu outro programa dedicado ao Festival a celebrar na praia de Burela. Con ela estiveron de tertulia: Raúl, de Músculo; Adrián Canoura; Isabel Cea, de Triángulo de Amor Bizarro; e Guille, de Unicornibot.

6) Código Urbano: Serxio Rivas conversou no programa desta tarde con José Montero, director de wwwgaliciaflow.com, e con varios dos colaboradores: Cyrus (fundador), Bansy (webmaster) e Alex Montero (Cronista).

7) Fórmula Vinilo de Verán: O programa musical de Félix Jorquera.

8) A Sinfonola: Matías Nicieza fixo un programa especial dedicado a Carmens, Carmos, Carmes e Carmelos.

9) A Fondo: Segunda parte da entrevista con D. Ramón Marful. NEste caso fálase do Xove Nuclear Non, da construción da Alúmina e os problemas coa contaminación, da etapa de Guitiriz, dos 19 anos en Burela e do seu inminente retiro.

15/07/14

Iª Semana da Radio (Segunda Xornada)

XORNADA MATUTINA
1) Bo día, Burela: Ademais de facer un repaso ao desenvolvemento da primeira xornada e do avance sobre os contidos, Matías Nicieza fíxolle unha entrevista a Jairo Campo Vázquez (educador).
Helena Valle e José Fernández en plena condución do
Tíralle da lingua

2) Tíralle da Lingua: Axudada por José Fernández, Helena Valle conduciu un programa moi participativo, que contou coa participación en directo de Laura e Carmela (gañadoras do Karaoke das festas de Burela).

Laura Míguez e Carmela López no estudio de Radio Burela durante a súa intervención
no programa Tíralle da Lingua, de Helena Valle

3) A Mañá da Mariña: Matías Nicieza tivo no seu programa habitual as intervencións de Mario Pillado, de Carme Vaquero (da Asociación Galeguizar Galicia) e dun portavoz da Romaría de Sargadelos.
4) A Mariña Deportiva: Simón R. Rouco capitaneou o espazo deportivo que contou coa participación en directo de Juanma Marrube, Mario Pillado e un representante do Clube de Baloncesto de Burela.

XORNADA VESPERTINA
6) Especial Osa do Mar: Maca Ledo conversa cos grupos participantes.
7) Código Urbano: Serxio Rivas puxo música e falou cos rapeiros de Viveiro.
8) Fórmula Vinilo de verán: O programa musical de Félix Jorquera.
8) A Sinfonola: Matías Nicieza fixo un programa coa colaboración de Lucía Rivas.
9) A Fondo: Entrevista con D. Ramón Marful.

AÍNDA MÁIS:

Información complementar para aproveitar  mellor a entrevista a D. Ramón Marful:

A súa relación co Modelo Burela:
a) intervención no audiovisual gravada na igrexa da Vila do Medio.
b) presidencia da actividade Palabra e Memoria.
c) Misa Intercultural

Semana da Radio (Primeira Xornada)

Basilio Otero, PAtrón Maior, nun momento da entrevista
(Fotografía de Lucía Rivas)
Entre as 10:30 e as 12:00
Tíralle da Lingua, con Helena Valle (Entrevistas con Javier Ben e con David Bellas sobre o ensino da música tradicional en asociacións culturais e nos conservatorios)

Entre as 13:00 e as 14:00

A Mariña Deportiva Un programa de Simón R. Rouco. Nesta xornada en conversa con Aaron Fernández Cabana e con Jaime Méndez.

Entre as 15:00 e as 16:00

Especial OSa do Mar Maka Ledo conversa coa organización e co elenco de artistas envolvidos no Festival OSa do Mar a celebrar en Burela na segunda semana de setembro.

Entre as 16:00 e as 17:00

A chegada do Código Urbano Conducida por Serxio Rivas Valiña. O programa da música máis moderna.

Entre as 17:00 e as 18:00
Fórmula Vinilo (Verán) O programa do director, Félix Jorquera. Música comentada por un especialista.

Entre as 19:00 e as 20:00

A Fondo O programa da tertulia en profundidade, neste caso protagonizada por Basilio Otero Rodríguez (PAtrón Maior da Confraría de Burela)

25/06/14

Proxecto Neo nº 99.3 - Carmela Tomé Valiente + Santiago Fernández Lanza + Karina Parga



Imaxe do comezo da entrevista a Carmela Tomé Valiente. A convidada observa o contido do guión.

Chámase Carmela Tomé Valiente. Vive en Mariz, a un par de quilómetros do casco urbano de Mondoñedo. Ela mesma restaurou a casa en que vive e ela mesma atende diariamente a horta de onde saen verduras e legumes de produción ecolóxica. Carmela Tomé, de orixe madrileña, é antropóloga e conta cunha dilatada experiencia como cooperante. Comentounos que estivo en Nicaragua, en Bolivia, no Brasil, en Haití e na República Dominicana ao servizo de Educación sen Fronteiras. Despois tamén nos falou dos Balcáns, onde tamén estivo facendo cooperación a través dunha ONG.
Como Simón, Maca e Serxio preguntaban moi finamente, Carmela tivo que facer esforzo para responder a todo. Entón fixemos un breve descanso para escoitar unha peza de temática moi mindoniense: "Os Moinhos", de Madredeus. Despois conversamos sobre a integración cultural e coñecemos como se fixo neofalante e como mellorou os coñecementos da lingua galega a través un curso leccionado pola profesora Áurea Díaz Ramil.
Durante a conversa, non esquecemos falar do albergue que ela disponibiliza para persoas que fan o Camiño Norte. Soubemos de onde chega a xente e coñecemos algunhas historias moi suxerentes.

Unha vez escoitada a terceira peza musical, entramos en conversa con Santiago Fernández Lanza, un dos integrantes de Sondenós. Confirmamos que é neofalante e que chegou a Viveiro procedente de Luarca, onde naceu. A través das súas palabras coñecemos como lle foi ao grupo vocal nas actuacións que fixeron recentemente na igrexa de San Domingos de Bonaval e na Casa de Rosalía de Castro.

Na parte final do programa, a profesora Karina Parga fíxonos unha breve crónica da recente viaxe dunha expedición do PErdouro ao Porto, Coimbra, Lisboa, Cascais e Nazaré.

Neste programa tivemos de novo a colaboración técnica de Jorge Monteiro Fidalgo

19/06/14

Proxecto Neo nº 98.3 - Xosé Manuel Pereiro + Paula Regueira + Luís Ansedes

ESCOITA AQUI O PROGRAMA
Maca Ledo, Simón R. Rouco e Serxio Rivas coa revista Luzes na mesa de redacción


O 98 foi o programa dedicado á revista Luzes. Primeiro falamos con Xosé Manuel Pereiro e despois con Paula Regueira Leal.
Do Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, dixo Helena:

"Del sabemos: 1) que naceu en Monforte de Lemos; 2) que ten orixes no Incio; 3) que está Licenciado en Periodismo pola Complutense; 4) que traballou para boa parte dos xornais galegos, en diferentes emisoras de radio e que foi guionista e director de programas de TVG e TVE.
Tamén sabemos que a maior parte da traxectoria profesional de Xosé Manuel Pereiro desenvolveuse en TVE e El País; e que simultaneamente impulsou a edición das revistas Loia, La Naval e Bravú."

En calquera caso, a presentadora destacou o seu labor como codirector da Revista Luzes e non esqueceu a súa faceta de músico en Radiocéano.

Xa en plena entrevista, alén de responder ás preguntas de Maka Ledo, Xosé Manuel Pereiro encontrouse coa reflexión de Simón ("chamoume moito a atención que Luzes teña unha dirección compartida. Son vostede e Manuel Rivas como Risco e Castelao en Nós...?) e coa non menos interesante intriga de Helena ("como conseguiron rodearse de grandes nomes do xornalismo galego como Belén Regueira ou María Yáñez, xente moi nova e con moita experiencia?").

Helena e Simón mostran a súa alegría polo resultado da entrevista conducida por Maka Ledo.
A conversa con Xosé Manuel Pereiro tivo moitos contidos e moi ben dosificados.

Cun canto maorí ao fondo, pasamos a comentar unha reportaxe sobre os mariñeiros indonesios realizada pola xornalista Paula Regueira Leal. Simón R. Rouco púxolle voz á cabeceira do texto e o resultado foi realmente moi atractivo:

"Hai once anos cheguei a Vigo desde o norte da illa indonesia de Xava canda outros seis compatriotas. Nunca fora mariñeiro. A miña familia e mais eu traballabamos a terra preto de Tegal, unha cidade non lonxe de Iacarta, a capital do meu país, onde a política corrupta esvaecera as nosas esperanzas de progresar". (cita textual do encabezamento da reportaxe publicada no número seis da revista Luzes)

O equipo de Proxecto Neo visualiza a reportaxe de Paula Regueira xusto antes de lle facer a entrevista

Nos minutos finais do programa recibimos a visita de Luís Ansedes, de Mondoñedo, que nos presentou os contidos das Xornadas "Abrindo Camiño".


17/06/14

SONdeNós


Domingo, 22 de xuño. Celebramos unha nova meta. Tomamos folgos para as seguintes etapas do camiño. Facémolo ás 19:30 horas na Vila do Medio, arroupados pola grandeza do patrimonio histórico.
Estaremos acompañados por SONdeNós: o grupo vocal dirixido por Plácido Travieso. Será un novo punto de encontro no Camiño da Lingua. Será un novo concerto Modelo Burela, como os que xa celebramos hai un ano e como os que nos ofreceron recentemente en Santiago de Compostela e Padrón, dos que reproducimos estas imaxes.


O escritor Séchu Sende conduce o acto celebrado en San Domingos de Bonaval

Vista desde o altar co grupo vocal en primeiro plano

A profesora Nicola Berminghan presenciou o concerto Modelo Burela

O escritor Manuel Iglesias Turnes acompañado polo profesor e ensaísta Antón Niñe
Primeiro plano do Panteón de Rosalía de Castro en imaxe captada por Antón Niñe


11/06/14

Proxecto Neo nº 97.3 - Ramón Villares, Nicola Berminghan



Recta final, porque nos aproximamos das cen semanas emitindo Proxecto Neo e porque estamos a punto de finalizar a terceira etapa. No número 97 falamos co profesor Ramón Villares e coa Dra. Nicola Berminghan; e escoitamos música de Deolinda, Silvio Rodríguez e Alonso Caxade.
Feita a presentación dos contidos, escoitamos o "Seja agora", unha das músicas incluídas no disco Mundo Pequenino de Deolinda, a banda de música popular portuguesa que anda nos palcos desde 2006. A seguir, Karina Parga conversou coa profesora Nicola Berminghan para coñecer o desenvolvemento das investigacións que esta realizou en Burela durante os meses de maio e xuño. Aproveitando que a convidada manifestou a súa disposición a permanecer no estudio durante todo o programa, decidimos facer un inciso e retomar a conversa máis tarde. Desa maneira demos paso á segunda das entrevistas.
A célebre "Gota de rocío" de Silvio Rodríguez introduciunos no ambiente cubano, ambiente que aproveitamos para iniciar a conversa con D. Ramón Villares, que nos presentou as Xornadas "Ese lugar de donde me llaman" dedicadas ao escritor de orixe galega Lino Novás Calvo (As Grañas do Sor, 1903). Alén de nos falar das facetas de emigrante, escritor e tradutor do escritor homenaxeado, o Presidente do Consello da Cultura Galega tamén nos describiu o funcionamento da institución por el representada e saudou a través das ondas a Nicola Berminghan.
Nos minutos finais, recuperamos a conversa coa nosa profesora convidada. Fixémolo baixo a condución de Maca Ledo que soubo relacionar a investigación con aspectos máis lúdicos. Nada máis soar o primeiro dos temas de Alonso Caxade, Maca preguntoulle a Nícola pola súa impresión sobre as festas locais. A investigadora irlandesa respondeu con fluidez demostrando magnífica capacidade de observación e nós acabamos coñecendo as súas impresións sobre as alfombras florais, a procesión marítima e as verbenas nocturnas.

04/06/14

Proxecto Neo nº 96.3 - Pere Tobaruela, Anik Nandi, Helena Valle


O número 96 foi outro programa viaxeiro. Comezamos conversando co escritor galego-catalán Pere Tobaruela,  o autor de Con ollos de neno (Biblos; 2007) e Sempre perden os mesmos (2013). A nosa Helena entrevistou o barcelonés que escribe en catalán, castelán e galego a ritmo vertixinoso, pois leva publicado medio cento de títulos nos últimos quince anos. Foi así como coñecemos o proceso que o levou a facerse neofalante.
Despois de escoitarmos a música de Status Quo, entramos en conversa con Anik Nandi, o investigador bengalí, que nos atendeu desde Esteiro (en Muros). Karina Parga conduciu unha nova entrevista centrada na transmisión interxeneracional do idioma. Diso falou co doutorando, que está en proceso de estudo das actitudes dos pais e nais de nenos e nenas de entre 1 e 6 anos.
Helena Valle, a nova voz da Mariña (para o mundo), protagonizou a última parte. Primeiro escoitámola cantando e despois abordamos a súa participación no certame musical das recentes festas de Burela (certame que gañou).

30/05/14

Escolas de diferentes continentes unidas pola Ponte nas Ondas


Foto de grupo realizada no estudio de Radio Burela unha vez finalizada a retransmisión do programa. De esquerda a dereita: Aitana García, Cristina Cigarrán, Aitor López, Aitana Rodríguez, Carla Bolaños, Bruno Faustino,  Saray Gómez e Nicola Berminghan.

ESCOITA AQUI O PROGRAMA
(Se deixas descargar, podes ir directamente ao minuto 47)

O día 30 de maio de 2014 celebrouse o XX Aniversario de Ponte nas Ondas cunha xornada de 24 horas de radio e televisión en directo. Participaron alumnos e alumnas de 54 centros educativos e moitas personalidades da cultura e a comunicación como Francino, Julia Otero, Grabriela Mendes, Xurxo Souto, Ana Romaní... A maratón comezou ás 10:00 da mañá no Aulario Miralles da Universidade de Vigo e teceu unha rede entre 14 estudios de radio de Galiza e Portugal, unha delas Radio Burela.

O Instituto Perdouro realizou un programa de promoción da interculturalidade a través da música, a literatura e os tempos libres. Tras unha introdución musical a cargo das Batuko Tabanka -tocando ritmos caboverdianos desde a Praia das Catedrais-, a equipa radiofónica de 1º de Bacharelato presentou os contidos do programa e deu paso ao "Leverelem" de Ugia Pedreira e Marful. A seguir, chegou o momento dunha entrevista ao vivo coa profesora Adela Figueroa, que evocou para toda a audiencia as actividades de Ponte Intercultural en que participou tanto na cidade do Lérez como en Lugo. Na última parte da entrevista tamén falou da súa creación literaria e escoitou o recitado do seu poema "Para Adela Panisse, Minha mãe".

A profesora foi despedida con música. Neste caso o tema "O meu país", na versión de Luar na Lubre interpretada por Sara Vidal.

Na última parte do programa conversamos no estudio con Bruno Faustino Durán, educador social que nos falou do labor do grupo Chao de Castro-Altair en toda a Mariña e tamén no Mindelo (Cabo Verde).

28/05/14

Proxecto Neo nº 95.3 - Nicoleta Rasuceanu + Anxo Fernández + Francisco de Limiar + Luís Ansedes

                                   Matías Nicieza no control técnico durante a retransmisión de Proxecto Neo

O programa 95 comezou co temor a que fallasen as comunicacións, porque estas eran esenciais: o desenvolvemento dos contidos dependía da conversa a distancia. 
Aínda así, botamos a andar con confianza. Presentamos o programa e escoitamos a música de Milladoiro para ambientar a viaxe á Terra de Montes, patria pequena dos Gaiteiros de Soutelo e lugar ao que chegou desde Romenia a nosa primeira convidada. Xusto cando estaba todo listo, soou o teléfono e recibimos a chamada para participarmos no programa de Ponte nas Ondas organizado polo IES de Tui. Que facer? Non había outra alternativa que non pasase por saír do guión para sintetizar as dúas emisións.
Nese momento emerxeron dúas estrelas: Viviane Furtado e Laura Sofia Semedo. Ambas conduciron unha magnífica entrevista ao vivo con Luandino Vieira (o escritor angolano autor de Luuanda). Foi a xentileza que tivo para Proxecto Neo a profesora Helena Pousa, xentileza que moito agradecemos.
Emocionados pola fluidez comunicativa de Viviane e Laura Sofia -que nos fan sentir orgullosos de as termos entre nós-, comezou o recital de Simón e Nicoleta Rasuceanu. A estudante do IES Chano Piñeiro comezou con respostas frías, moi moi pensadas e moi moi sintéticas, mais o noso Simón soubo transmitirlle confianza e a moza pasou a sentirse ben. Nese momento comezaron a escoitarse os primeiros risos e a conversa fíxose moi amena.
Despois de ouvir a música seleccionada pola convidada, cambiamos de interlocutor. O profesor Anxo Fernández expúxonos o contrapunto. A través das súas palabras coñecemos algo máis sobre a comunidade educativa do IES de Forcarei, onde estuda Nicoleta.
O intervalo musical deu paso a unha nova entrevista. Neste caso foi Helena Valle quen conduciu a conversa con Francisco de Limiar, un dos integrantes da cooperativa Avoaescola que mantén aberto un centro educativo con pedagoxía inclusiva no Concello de Narón. Como o noso interlocutor nos deu unha grande lección sobre integración, despedímolo coa música de Mamá Cabra, o grupo galego de referencia na música infantil.
Nos minutos finais, recibimos no estudio de Radio Burela a visita de Luís Ansedes, en representación da Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo. Este coñecido emprendedor mindoniense -tamén moi implicado no Grupo Literario Leiras Pulpeiro- presentounos as xornadas culturais a celebrar na Mariña entre os días 4 e 6 de xullo.

21/05/14

Proxecto Neo nº 94.3 - Nicoleta Rasuceanu + Dolores Vicente



No programa 94.3 tíñamos previsto entrevistarnos con Nicoleta Rasuceanu, alumna de 1º de bacharelato do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Por motivos alleos á programación, non puido ser. Á vista de que Nicoleta non podía atendernos, escoitamos unha das pezas musicais que nos tiña seleccionada e demos a coñecer o caso da súa integración modélica a través do vídeo feito por Anxo Fernández.
Despois da cabeceira do programa, reproducimos unha entrevista de Xoel Xeada a Pedro Miguel Rocha con motivo da presentación do seu libro Contos peregrinos no IES Perdouro.
Pasado o ecuador, Maka Ledo contactou con Dolores Vicente, membro do EDNL do IES Félix Muriel de Rianxo. Foi unha entrevista de ritmo intenso que tivo como protagonista unha muller enérxica. Lolita falounos do seu traballo no servizo de limpeza do instituto durante case 25 anos. Das súas palabras despréndese un profundo amor pola institución en que traballa, a mesma que se encarga da formación académica dos seus parentes e veciños e veciñas.
Ademais de escoitar algo de música, aínda tivemos tempo para falar do uso das redes sociais e da normalización lingüística nos blogues de temática diversa.


Outras referencias:

1) http://perdourando.blogspot.com.es/2014/05/cronica-viaxe-rianxo.html
2) http://perdourando.blogspot.com.es/2014/05/cronica-do-intercambio-co-ies-felix.html
3) http://perdourando.blogspot.com.es/2014/05/intercambio-dos-ednl-visita-rianxo.html

14/05/14

Proxecto Neo nº 93 - Cibrán Arxibai + Nicola Berminghan

ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

Karina Parga conducindo o programa

De novo xuntos. A mocidade estivo primeiro en Londres e despois en Rianxo. Levábamos dúas semanas por aquí e por acolá e non coincidíamos. Desta vez, si. Programa con equipo ao completo, para grande alegría da nosa fotógrafa oficial.
Comezamos falando de Londres e do programa de actividades preparado polo profesor Antonio Galdo. A valoración foi moi positiva e comentámola con moito agrado, mesmo entre risos. Tamén cando Helena nos comentou as anécdotas (as boas e as non tan boas).
Despois escoitamos os Diplomáticos interpretando o "Exiptano" de Manolo Maseda Deán (director do IES Maximino Romero de Lema de Baio). A seguir puxémonos en contacto con Cibrán Arxibai, profesor de Matemática no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Por fin, fixémoslle un recoñecemento público en Proxecto Neo ao editor do blogue intitulado Carta Xeométrica. Ben que o merece, porque nos mantén moi ben actualizados sobre a máis recente documentación de interese para a didáctica.
Nos minutos finais, aludimos por encima ao intercambio co IES Félix Muriel de Rianxo e entramos en conversa coa profesora Nicola Berminghan, que continúa a súa investigación sobre a integración cultural das comunidades inmigrantes na Mariña. Maca Ledo ocupouse da entrevista e a profesora convidada respondeulle coa máxima fluidez. Merece moito a pena escoitalas.




07/05/14

Proxecto Neo nº 92 - Servando Barreiro +Ermitas Valencia (Libraría Suevia) + Xosé Henrique R. Corcón


Programa nº 92, gravado na tarde do día 6 de maio e emitido no día seguinte, coincidindo coa viaxe educativa que o IES Perdouro devolvía ao IES Félix Muriel de Rianxo. Son tres entrevistas: a Servando Barreiro, a Ermitas Valencia Romar (da Libraría Suevia) e a Xosé Henrique Rivadulla Corcón.
Antes de entrar en conversa co artista de Valadares, escoitamos unha súa peza musical intitulada "Dias como sonhos". Despois falamos de como se consegue ser neofalante en Vigo, abordamos o currículo musical de Servando Barreiro. A audición dunha peza dedicada a Avilés de Taramancos, escrita por Manolo Pipas e musicada polo noso convidado, serviunos de porta de entrada á última parte da entrevista, que centramos nas actividades parateatrais do contertulio. Finalmente, escoitámolo nunha singular de actualización dramático-musical da "Sabela" de Castelao.
Na segunda parte do programa, entramos en comunicación coa Coruña, onde nos atendeu Ermitas Valencia Romar, en representación da Libraría Suevia daquela cidade. A libreira abriunos as portas de par en par e mostrounos os contidos (bibliográficos, musicais e cinematográficos) dese foro da cultura galega. Alén de nos dar información de como chegar ao local, tamén nos fixo partícipes do programa de actividades convocadas para todo o mes das Letras. Puxo especial énfase nun evento protagonizado por Pedro Miguel Rocha, "o escritor portugués con alma galega", que presenta en primicia na Libraría Suevia os seus Contos Peregrinos, de publicación recente.
Faltando xa poucos minutos para o final do programa, continuamos en comunicación coa cidade herculina para falar con Xosé Henrique Rivadulla Corcón, guionista e presentador de programas da TVG. Como a tertulia estaba realmente moi interesante e non dispúñamos de máis tempo, citámonos para unha nova ocasión. Esta chegará en breve.
Nesta ocasión, a novidade estivo no final. A despedida foi locutada pola nosa fotógrafa oficial, Lucía Rivas, que aproveitou a oportunidade para pedir á audiencia a colaboración con Matías Nicieza no programa "A Sinfonola", emitido inmeditamente despois de Proxecto Neo.