Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

03/12/14

Proxecto Neo nº 107.4 - María do C. Cociña, Antonio Durán "Morris", Zeltia Montes e Miguel Rodríguez






No programa nº 107, emitido en directo na tarde do 3 de decembro de 2014, fixemos un especial dedicado á versión cinematográfica que fixo Ignacio Vilar inspirándose n'A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. 
Nos primeiros minutos entramos nunha sala de cinema de Santiago de Compostela a través das palabras da profesora María do Carmo Cociña, que nos contou a forte impresión que lle causou o visionado do filme e valorou moi eloxiosamente tanto os traballos de Ignacio Vilar e Zeltia Montes como o dos tres coprotagonistas: Miguel de Lira (Cibrán), Karra Elejalde (Bocas) e Antonio Durán Morris (Milhomes). Durante uns minutos, Helena Valle procurou que a profesora nos confesase aquilo que non lle gustou tanto, mais a entrevistada resistiu todo o que puido.
Despois de escoitarmos un fragmento da banda sonora de Foise co vento, chegou a vez de Maka Ledo, que noutra das súas tardes redondas conduciu unha magnífica entrevista con Antonio Durán "Morris", que nos comentou como foi a súa relación co texto, como viviu o proceso de selección do elenco e -sobre todo- como viviu o proceso de rodaxe. Finalmente tamén nos deu a coñecer como se foi facendo neofalante en Vigo.
Karina Parga tíñanos preparada unha grande sorpresa. Durante a entrevista con Morris, conseguiu establecer comunicación con Zeltia Montes, a compositora das bandas sonoras de Pradolongo, Vilamor e A Esmorga, que saudou en directo a Antonio Durán e que despois tamén nos respondeu a diversas preguntas relacionadas co cinema e coa cultura galega.
Nos minutos finais coñecemos unha nova iniciativa de Educación sen Fronteiras na voz de Miguel Rodríguez, técnico que atende a delegación viguesa desta entidade. Foi a primeira entrevista do noso novo colaborador Lavilson Rodrigues Monteiro, que recolleu o aplauso espontáneo de toda a familia Neo.

2 comentários: