Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

31/01/18

Proxecto Neo, 215.7: Alejandro Álvarez Ferraud; Begoña Raposo; Artemisa Semedo da Moura; Roi Cagiao




Abrimos o programa coa entrevista ao filólogo salmantino Alejandro Álvarez Fernaud, profesor de Latín e Grego en León. Con el falamos sobre o seu estudo da Lingua e Cultura galegas no tempo en que exerceu a docencia en Toreno (na comarca berciana). 
A profesora Begoña Raposo (do IES Monte Castelo) falounos sobre as boas relacións entre as Matemáticas, a Lingüística e a Literatura. Ela mesma, en calidade de docente da TIC, promove ese bon relacionamento co seu alumnado co que prepara programas radiofónicos.
A escritora e socióloga Artemisa Semedo da Moura presentounos a revista dos Contos Estraños, en cuxo número 11 se publicou unha colaboración literaria da súa autoría. Incidindo nas actividades de formación, puxo de manifesto o privilexio que lle supuxo ter sido discípula de Estíbaliz Espinosa e de Antía Otero.
Nos minutos finais falamos de novo con Roi Cagiao, o director de Vigo 1972, o audiovisual que fai análise do movemento obreiro na cidade olívica durante os derradeiros anos do franquismo.

24/01/18

Proxecto Neo, 214.7: Fadoua el Hidam; Espazo Foresta; Manuel G. Prieto




Fadoua el Hidam completou o Ensino Secundario Obrigatorio no Instituto Fonmiñá da Pastoriza e realiza os de Bacharelato no Pedregal de Irimia en Meira. Con ela falamos sobre o premio ao esforzo e a superación persoal que lle outorgou a Consellería de Educación.
Con Noa Fernández coñecemos unha exposición fotográfica dedicada á Campaña Mundial pola Educación e a seguir falamos sobre a oferta educativa do Espazo Foresta.
Pola súa parte, o poeta Manuel González Prieto presentounos o seu poemario titulado A profecía e o xogo de espellos.

17/01/18

Proxecto Neo, 213.7: Pablo Álvarez Ramos; Alba Geada; Sergio Pascual (Laboratorio de Radio); Lucas Requeijo (Ultralimento); Marco Pereira




"Testamentos e herdanzas" é o título do relatorio que elaborou o avogado Pablo Álvarez Ramos para a asociación Burela Dinámica. En Proxecto Neo coñecemos un adianto do seu contido.
Pouco despois falamos con Alba Geada en calidade de gañadora do Xº Campionato Galego dunha das modalidades de Artes Marciais, o Nihon Taijitsu.
Sergio Pascual presentounos o Laboratorio de Radio, non só no referente a todo o relacionado cos centros de ensino; tamén nos falou do seu papel dinamizador entre as persoas da terceira idade.
Pola súa parte, o viveirés Lucas Requeijo falounos dos obradoiros que Ultralimento propón para centros escolares, familias e asociacións veciñais.
Nos minutos finais, Marco Pereira Oliveira presentou a nova etapa de Grandes Voces do Noso Mundo, o programa musical emitido en Radio Burela todos os venres, entre as 7 e as 8 da tarde.

10/01/18

Proxecto Neo, 212.7: Moreninhas; Rosa Sallent; Carmen Vidal Santín



Abrimos o programa coa presentación das Moreninhas. Raquel, Érica e Eliane estiveron no estudio de Radio Burela para presentar as súas músicas e para comentar as actuacións que realizaron no auditorio de Burela e no Luar da TVG.
Rosa Sallent falounos primeiro das súas fotografías e da exposición itinerante que percorreu Ferrolterra e o Ortegal. Inmediatamente despois conversamos sobre literatura, con motivo da publicación do seu libro titulado El amor y otras miserias.
Desde Ponferrada atendeunos Carmen Vidal Santín, traballadora da Sanidade, que nos falou da súa experiencia de estudar Lingua e Literatura Galegas na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.