Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

31/10/18

Proxecto Neo, 239.8: Fundación Uno entre Cien Mil; Especial Semente



Comezamos o programa facendo unha valoración da iniciativa solidaria de axuda á Fundación Uno Entre Cien Mil (para a investigación en materia de leucemia infantil). Ademais de conversar coas nosas alumnas Laura e Ángela, puxémonos en comunicación con Eduardo Schell, director de comunicación da entidade organizadora da campaña.
Inmediatamente despois, o protagonismo é todo para as sementes de entre 8 e 12 anos. Falamos  con Artai Miragaia Valencia, alumno do CEIP San Pedro de Visma, da Coruña; despois pasamos ao CEIP nº 1 de Foz; ao Lois Tobío de Viveiro e ao Abelendo de Moaña.

24/10/18

Proxecto Neo, 238.8: Vanesa Sotelo (Mondoñedo-10); Deporte Solidario; Adela Figueroa; Mary Carme Rivera Vidal




Vanesa Sotelo, escritora, directora e intérprete teatral, foi a gañadora do Certame Literario Mondoñedo-10, dedicado desta vez á dramaturxia. A conversa con ela está na cabeceira do programa.
Dúas alumnas do IES Perdouro visitáronnos no estudio para darnos a coñecer o programa de actividades da Carreira Solidaria contra a Leucemia Infantil. Con elas falamos de deporte e de solidariedade.
A escritora Adela Figueroa Panisse presentounos o seu Atlántida, xusto uns días antes de participar en eventos promocionais en Vigo e no Porto.
Nos minutos finais falamos con Mary Carmen Rivera Vidal sobre a súa filla, Sabela Ramil, a voz galega na Operación Triunfo.

17/10/18

Proxecto Neo, 237.8: Antonio Reigosa (Mondoñedo-10); Ermitas Valencia Romar (Livraria Suévia); Marco Pereira; Ismael Vaz (Samaín de Astariz)




O Certame Mondoñedo-10 dedicouse nesta ocasión ao teatro e resultou gañadora Vanesa Sotelo con "Bonita". Comentámolo con Antonio Reigosa, Cronista Oficial da cidade mindoniense.

Con Ermitas Valencia Romar falamos do Premio Estudante Galeguista, que na súa primeira edición foi concedido a Marco Pereira Oliveira, director do programa Grandes Vozes de Radio Burela.

O propio Marco Pereira aproveitou o noso programa para agradecer todas as felicitacións que recibiu.

O último cuarto deste espazo estivo dedicado á celebración do Samaín na Aldea Vella de Astariz, en Castrelo de Miño.

10/10/18

Proxecto Neo, 236.8: Natalia Domínguez (Educación Social); Alicia Vilar (Orientación Educativa); Bruno L. Teixeiro (Fundaçom Artábria)


Mesa de redacción coa convidada, a profesora Alicia Vilar (Orientadora do Instituto Perdouro)




Dedicamos o programa 236.8 á Educación Social. Comezamos o espazo en conversa con Natalia Domínguez, Vicepresidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza.
Inmediatamente despois, recibimos no estudio a profesora orientadora do Instituto Perdouro. Alicia Vilar mostrou as liñas básicas do seu traballo para o presente curso académico.
A terceira das entrevistas estivo dedicada á Fundaçom Artábria, que celebra o 20º aniversário do seu recoñecemento como entidade cultural de Interese Galego. Bruno L. Teixeiro presentou o programa de eventos a celebrar durante o último trimestre deste ano para facer a celebración.

03/10/18

Proxecto Neo, 235.8: Ugia Pedreira; Gena Bahamonde; Adrián Canoura; Manuel Cao

Unha representación de protagonistas da primeira emisión da oitava etapa. Na imaxe de Lucía Rivas, á esquerda da imaxe: Bernardo Penabade, Noé F. Quelle, Cristian Gómez, Alba Geada, Adrián Canoura, Alejandra Alonso, Lorena Suárez; anicados: Nuria Ramos, Sergio Alonso e Karina Parga.



Oitava etapa do programa. A maquinaria ben preparada, coa axuda de Matías Nicieza e Lucía Rivas. De novo o protagonismo de Alba, Alejandra, Cristian, Noé, Nuria e Sergio, ao mando dos micros. 
Comezamos a singradura atravesando o río Eo para irmos a Tapia de Casariego. Fixemos a navegación escoitando o "Chalaneiro" de Chouteira e a voz gravada de Ugia Pedreira levounos á conversa directa coa artista, que desta vez nos falou do método Feldenkrais para a manter unha vida saudábel ou mesmo para a mellorar se for necesario.
Despois, Gena Bahamonde falounos de teatro. A través das súas palabras repasamos o argumento de Elisa e Marcela, a obra de teatro que representa a compañía A Panadaría, e obtivemos informacións moi valiosas tanto sobre as protagonistas como sobre as propias actrices que representan eses papeis. Foi unha maneira de facer animación para asistirmos ao espectáculo.
Nos últimos quince minutos aceleramos o ritmo para poder conversar con Adrián Canoura, o cineasta que presenta tamén proxectos musicais, e con Manuel Cao, presidente do Clube Fotográfico Imaxe.

01/10/18

COMEZAMOS A OITAVA ETAPA

Cartaz da oitava etapa do programa deseñado por Lucía Rivas

Co comezo do mes de outubro iniciamos as emisións dos programas radiofónicos Proxecto Neo e Grandes Voces do Noso Mundo. Un ano máis, os nosos micros están abertos para toda a audiencia, moi especialmente para centros de ensino e asociacións culturais, veciñais ou xuvenís. 
Neste momento, a nosa radio participativa ofrece a posibilidade de facer colaboracións. Estes son algúns dos exemplos de etapas anteriores:

Para comentar estas fórmulas ou para recoller calquera outra proposta, estamos ao voso dispor tanto a través do servizo de correo como a través dos teléfonos ou das nosas redes sociais.