Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

26/03/14

Proxecto Neo nº 86.3 - Xesús Villarino (de Milesios) + Norberto Leivas + Dolores Otero


Outro programa conducido man a man por Maca Ledo e Simón Rodríguez Rouco, que estiveron estreitamente apoiados por Helena Valle, Serxio Rivas e Diego Larrosa. Ademais, contamos de novo coa colaboración de Safou Housni Bahi-Edine. Como sempre, a reportaxe gráfica estivo realizada pola nosa Lucía Rivas, peza fundamental do Proxecto Neo.
Entramos no programa dedicado ás persoas que compoñen e interpretan a música a través dunha das pezas do primeiro disco de Andrés, o Grande Mago do Acordeón (o compositor e intérprete de Crossing). Escollemos unha cantada e así escoitamos ao mesmo tempo a voz de Arantxa Bouza, unha futura Educadora Social orixinaria de Cedeira.
Despois da primeira das músicas, entramos en conversa con Xesús Villarino, o profesor do Instituto Perdouro que pertence ao elenco artístico de Milesios, a banda galega que fai música ao estilo irlandés. Recreámonos no seu primeiro disco, unha verdadeira síntese das artes: a poesía, a fotografía, o deseño gráfico... e a música!
Como Xesús Villarino -un poderoso chafariz musical- nos deleitou cun torrente de palabras cargadas de entusiasmo,  despedimos a entrevista escoitando a peza Alén Mar. Antes diso, fomos testemuñas dun dos momentos máis especiais do programa: Karina Parga púxolle voz a un poema de Nerea Pallares (excelente escritora); e Safou Housni "recitando" un anaquiño da prosa de Darío Xoán Cabana.
Na parte final do programa recollemos a colaboración de Norberto Leivas, profesor do Colexio Sal Lence da Coruña. Como tíñamos pouco tempo, felicitámolo polo traballo audiovisual que lle fixo ao grupo Milesios. Iso si: acabamos sabendo algo máis das súas incursións no cinema. Ficounos claro que é unha desas persoas que debemos seguir, porque en calquera momento presenta unha nova iniciativa cultural.
Os últimos minutos reservámolos para escoitar a profesora Dolores Otero, a Doutora en Bioloxía que se decidiu polo amor á Música e que exerce a docencia desta materia no Instituto Perdouro. Con ela falamos de pedagoxía musical nas vésperas de asistirmos a un concerto didáctico da Orquestra Sinfónica de Galiza.

19/03/14

Proxecto Neo nº 85.3 - Paulo Lema + Piero Cornejo Cavijo


ESCOITE AQUÍ O PROGRAMA

Este programa estivo dedicado a Piero Cornejo Clavijo, no momento de facer o camiño inverso: o do retorno ao seu país, despois de nos acompañar durante dous cursos.
Antes diso, fixemos chamada telefónica a Euskadi para establecer comunicación co noso correspondente. o profesor Paulo Lema. O responsábel da Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto continúa manténdonos moi informados tanto do que fixeron como do que pensan facer. Desta maneira, estamos moi ao día da cultura galega que se fai por aquelas terras.
Xa centrados de novo no estudio, recibimos a Piero Cornejo que nos cantou en vivo e en directo un tema moi especial: "Mi Perú". 
Esta é a súa letra:

Tengo el orgullo de ser peruano y soy feliz, 
de haber nacido en esta hermosa tierra del sol,
donde el indómito inca prefiriendo morir,
legó a mi raza la gran herencia de su valor.

Ricas montañas, hermosas tierras,
risueñas playas, ¡es mi Perú!
fértiles tierras, cumbres nevadas,
ríos quebradas, ¡es mi Perú! 

Así es mi raza noble y humilde por tradición,
pero es rebelde cuando coartan su libertad,
entonces uniendo alma, mente y corazón, 
rompe cadenas cuando la muerte vea llegar.

Así nos falou de Piero a nosa locutora Maca Ledo:

Coñecín a Piero hai algo máis dun ano. Eu entraba pola porta da clase coa miña mesa e a miña silla e coloqueinos diante do seu sitio. Nese intre gastoume unha broma e dende entón non parou. El que é quen sempre nos saca un sorriso aínda que tivésemos un día nefasto. Sempre é o que escoita e aconsella. Está ao carón. Cando te estresas, el bromea e os nervios disípanse. Piero é desas persoas que chegan ás nosas vidas e co tempo dámonos conta de que xamais o poderemos substituír porque é xenial, único. Síntome tan orgullosa de poder chamalo amigo... e de saber que, estea aquí ou a dez mil quilómetros, sempre llo poderei chamar. Só lle podo dar as grazas, por todo. Desexo que a súa viaxe sexa moi produtiva e que volte a vernos de cando en vez.

E así nolo presentou e o despediu Simón Rodríguez Rouco:

A esta grande persoa coñecina hai dous anos cando veu do Perú e estábamos en 2º de ESO . Penso que a súa integración foi perfecta; as súas actitude e forma de ser axudárono e levárono a entrar moi rápido nos nosos círculos de amizade.
 Piero é un rapaz ao que raras veces vemos triste, sempre mostra a súa faceta máis alegre. Dentro da clase, cos compañeiros, sempre foi un rapaz con unha bondade inmensa; sempre que puido, axudou. Por iso xamais esqueceremos estes dous anos que puidemos contar coa súa amizade.
 Xa no plano persoal, sempre tivemos moi boa relación, desde que chegou até o día de hoxe. Sempre, sempre, nos axudamos un ao outro.
 Espero que comece ben unha nova etapa no seu regraso ao Perú. Desde logo, aquí en Burela, lembrarémonos moito del e espero que nos veña visitar alguna vez.
 Deséxolle unha boa viaxe e moitísima sorte.
 Grazas por estes dous magníficos anos, Piero.

12/03/14

Proxecto Neo nº 84.3 - Gabriela + Carlos Garrido



Vista do estudio de Radio Burela no momento da entrevista ao profesor Carlos Garrido (Univ. de Vigo)


Entrevista a Gabriela, a moza de 14 anos que chegou da Romenia e nos leu con emoción en directo o "Panchito" de Castelao. Está despois do tango que se escoita no minuto 15.
Despois do minuto 22 escóitase a entrevista ao profesor Carlos Garrido, da Universidade de Vigo.

05/03/14

Proxecto Neo nº 83.3 - Luzia Oca + Minda Lusquiños + Rebeca Maseda Longarela + César Morán

ESCOITE AQUÍ O PROGRAMA


Emisión nº 83 correspondente á quarta-feira de cinzas: o día do enterro da sardiña. Na primeira parte do programa fixemos inmersión na interculturalidade en conversa con Luzia Oca e Minda Lusquiños, que nos falaron da exposición Badías: mulleres caboverdianas na Mariña (aberta no Centro de Saúde de Burela durante todo o mes de marzo). Ademais do recordatorio do Día Internacional da Muller Traballadora, tamén acabamos coñecendo outras dúas convocatorias: a da sensibilización contra a discriminación racial e a do Día da Muller Caboverdiana.
Na segunda parte tributamos homenaxe a dous grandes da Mariña: Manuel Leiras Pulpeiro (do tránsito entre os séculos XIX e XX) e Álvaro Cunqueiro (da xeración das Vangardas ou da do 36, segundo o xénero literario a estudar).
Primeiro conversamos con Rebeca Maseda Longarela, a violinista mindoniense da Orquestra Sinfónica de Galiza. Atendeunos desde A Coruña, xusto antes de entrar para un ensaio, e nós recibímola cun poema de Álvaro Cunqueiro. A través das palabras da convidada, evocamos o seu período de formación na Escola de Música de Mondoñedo e na Orquestra de Cámara de Xove, dirixidas por Xan Carballal. Despois abordamos a súa colaboración musical con César Morán como resultado da integración de ambos no Grupo Literario Leiras Pulpeiro.
Despois de escoitarmos o "Deica Abril" de Cunqueiro, entramos en conversa con César Morán, que nos atendeu en calidade de músico sen esquecer a súa condición de catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Foi o momento de contacto directo co artista, a quen xa tíñamos escoitado en primicia interpretando -a compaña de Rebeca Maseda- as "Roseiras" de Leiras Pulpeiro.