Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/01/23

Proxecto Neo, 373.12: Manuel Piñeiro (ROGA COLECTIVA); JOZI OLIVEIRA (BURELA F.S.); Víctor López (EMB)


Momento en que é entrevistada Jozi Oliveira, do Burela FS

Carme e Sara entrevistan o seu compañeiro Víctor López



O historiador Manuel Piñeiro presentounos unha nova asociación defensora do patrimonio: A ROGA COLECTIVA, que recentemente fixo público un manifesto fundacional e que nós daremos a coñecer a través das redes sociais.
Despois de falarmos de TRABALLOS COMUNITARIOS, tivemos unha nova entrega do espazo que leva por título "Si, Muller! Deporte". A convidada nesta iniciativa incluída nos "365 días de respecto e igualdade" foi Jozi Oliveira, unha das estrelas do Burela F.S.
Xa contra o final do programa, estivo con nós Víctor López, estudante de primeiro de ESO, que nos falou da riqueza paisaxística e patrimonial da comarca ancaresa.

18/01/23

Proxecto Neo, 372.12: Marta Rodríguez (IES Eusebio da Guarda); Carme Cociña



Marta Rodríguez, de 17 anos, estuda o 1º curso de bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda, da Coruña. Nós falamos con esta representante da Xeración das Galescolas, xusto no momento en que están chegando á maioría de idade. Unha entrevista recomendada para ser escoitada por alumnado, polas familias e por todo o profesorado (moi especialmente o das Linguas e o implicado nos ENL).

Na segunda parte do programa a protagonista foi a profesora Carme Cociña, que acaba de terminar o período docente. Con ela falamos sobre docencia e evolución do idioma galego desde 1975 á actualidade (didáctica da lingua e da literatura, xestión escolar, equipas de normalización...).



12/01/23

Proxecto Neo, 371.12: Yanira Lopes Martins; Cristian G. Mesa; Serxio A. Mon; Jessica Fernández



Certísimo: Se non saes... non podes entrar de novo. Esa é a idea central do audivisual Si ka badu, ka ta biradu, de Sonia Díaz e Óscar Vázquez. Nós quixemos coñecelo desde dentro e desde a óptica dunha das protagonistas, a estudante de Yanira Lopes Martins. Con 12 anos, fala con toda a forza que se recolle nesta gravación.
Máis tarde, Cristian Gómez Mesa falounos do Certame Galego de Regueifa, un festival competitivo celebrado no Pazo da Cultura de Carballo; e Serxio A. Mon deunos a coñecer as súas impresións sobre un audiovisual dedicado á profesora Cándida Campos Crecente.
A última parte do programa tivo de protagonista unha das redactoras do www.neofalantes.gal. Jessica Fernández atendeu a nosa chamada.

SI KA BADU, KA TA BIRADU


NOVA INCORPORACIÓN
ao programa
DJENNIFER de BRITO SEMEDO
(11/01/2023)

Nacida en 2005 na localidade de Fonte Lima, municipio de Assomada, na illa caboverdiana de Santiago, Djennifer de Brito Semedo é estudante do segundo curso de Formación Profesional Básica na modalidade de Servizos Administrativos. 
En Burela, a onde chegou en 2014, realizou estudos da etapa do ensino primario e agora realiza os do nivel secundario. Desde a infancia, participa no cadro artístico do grupo Batuko Tabanka.




04/01/23

CELEBRAMOS o 11º ANIVERSARIO EN CONVERSA CON ANXO RIVAS (de RADIO FOZ)



Anxo Rivas fala con Bernardo Penabade no día en que a emisión de Proxecto Neo alcanza os 11 anos de emisión continuada.
Durante 15 minutos fálase de como naceu o programa, dos obxectivos con que foi deseñado e das metas alcanzadas durante todo este período de tempo.
Xunto coas emisións de Proxecto Neo e Grandes Vozes do Nosso Mundo, a equipa Modelo Burela colaborou con diversas entidades e realizou ducias de programas non regrados.