Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/10/26

Proxecto Neo nº 500 -Especial Consello da Cultura Galega

 
Para conmemorar 500 programas de Proxecto Neo viaxamos ata o Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Alí, unha pequena comitiva de Proxecto Neo fomos recibidos por Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega e catedrática de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.
Mais antes de conversar con ela, abrimos o programa coa Noticia do día e coa sección Ponte entre culturas, un espazo para descubrir, coñecer e poñer en valor a diversidade cultural que enriquece Burela e a nosa comunidade educativa. Nesta segunda entrega, viaxamos ata Senegal da man de Seynabou, que nos achega á fascinante riqueza lingüística do seu país e nos axuda a descubrir a diversidade de linguas que forman parte da súa identidade cultural.
Xa na parte central do programa falamos con Dolores Vilavedra para coñecer máis de preto o labor que desenvolve á fronte desta institución, os seus principais retos e a importancia de traballar na defensa e na promoción da cultura galega. 
Na segunda parte do programa tivemos no estudio a Bernardo Penabade, persoa que puxo a primeira pedra desta aventura. Con el lembramos como empezou todo, descubrimos como evolucionou a radio ao longo destes 16 anos e fixemos balance dun proxecto que xa forma parte da vida do noso instituto.
 
Accede á reportaxe fotográfica de Lucía Rivas, a nosa fotógrafa oficial. AQUÍ. 
 
Ademais unha linda sorpresa do Dpto. de Fabricación Aditiva esperaba por nós hoxe no estudio para celebrar os 500 programas nas ondas!!!! Grazas Ana.  
 

21/10/26

Proxecto Neo nº 499.16 - Sol Galdo Sánchez & Pepe Lastra Muruais

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día e O Corpo fala.
Para conmemorar o pasado 19 de outubro, o Día contra o cancro de mama, conversamos con Sol Galdo Sánchez, profesora de Bioloxía, que exerce no IES Vilar Ponte de Viveiro. Con ela falamos da súa historia de superación, compromiso e solidariedade tras afrontar un cancro de mama.
Na segunda parte do programa tivemos no estudio a Pepe Lastra Muruais, mestre xubilado da Pontenova. Publicou libros de texto en galego e tamén foi autor do Diccionario Xerais da Lingua, que era recurso obrigado en todos os centros. É membro fundador do grupo Avantar e de Nova Escola Galega, organización da cal é o actual presidente. Con el falamos da súa traxectoria profesional e asociativa.


14/10/26

Proxecto Neo nº 498.16 - Daniel García Fernández, Estrella Goás López e Tamara Andrés

 
Nesta segunda entrega tivemos un programa moi especial, porque este mes de outubro dedicáselle o Día das Escritoras e o Día das Bibliotecas Escolares, dúas datas que nos lembran que ler é moito máis que pasar páxinas: é descubrir novos mundos, coñecer outras voces, facernos preguntas e deixar voar a imaxinación. 
E precisamente falando de bibliotecas, na primeira entrevista falamos con Daniel García Fernández, concelleiro de Dinamización e participación veciñal do Concello de Barreiros e con Estrella Goás López, bibliotecaria. Detállaronnos en que consistiron as liñas prioritarias do proxecto "Entre libros e escenarios", que pon o foco na descentralización da cultura e no achegamento da lectura a todas as parroquias e explicáronnos como fixeron para ser merecedores por segundo ano consecutivo do prestixioso Premio María Moliner de animación á lectura. 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica con Tamara Andrés Padín, escritora, tradutora e primeira muller responsable de edición na editorial Galaxia. Con ela fixemos un repaso da súa obra poética, do seu labor de tradutora e docente e da súa actual función como responsable de edición na editorial Galaxia.



07/10/26

Proxecto Neo nº 497.16 - Xosé Maseda e Paulo Fernandes Mirás

Abrimos o primeiro programa da décimo-sexta etapa de Proxecto Neo cunha nova sección chamada Ponte entre culturas, un espazo que nace coa intención de achegarnos e de coñecer e poñer en valor a diversidade cultural que forma parte de Burela e do noso centro educativo. Nesta primeira viaxe fomos ata Cabo Verde da man de Belanice, con quen coñecemos a riqueza lingüística destas illas e, en especial, as súas variedades dialectais.
Inmediatamente despois, entramos no desenvolvemento dos contidos centrais do programa.
Na primeira entrevista conversamos con Xosé Maseda. Con el falamos dos seus inicios no mundo da música urbana, das súas influencias á hora de compoñer, das colaboracións e do seu futuro como docente de lingua galega.
Inmediatamente a seguir acompañounos no estudio Paulo Fernandes Mirás, profesor de Lingua Portuguesa no IES Perdouro.Con el conversamos sobre o próximo libro que vai publicar, sobre as súas obras poéticas, o seu itinerario formativo multidisciplinar e as súas aulas como docente de Lingua portuguesa.


04/10/26

Abrimos a décimo-sexta etapa de Proxecto Neo

Comezamos a etapa 16!

Volvemos para estar ao aire con máis ganas ca nunca.

Nesta etapa seguiremos conversando con neofalantes de galego, descubrindo as súas historias e experiencias coa nosa lingua; achegándonos á diversidade e á multiculturalidade; e abrindo tamén espazo para falar de ciencia, saúde e todos eses temas que nos axudan a comprender mellor o mundo que nos rodea. 

Porque falar de lingua tamén é falar de persoas.
Porque a diversidade enriquece.
Porque a ciencia e a saúde tamén forman parte das nosas conversas.

E queremos vivila, unha vez máis, con vós ao outro lado do micrófono. Seguimos falando. Seguimos aprendendo. Seguimos facendo radio en galego.

24/06/26

Proxecto Neo nº 496.15 - Neves Cando e Oferta educativa do IES Perdouro (Parte 2)

Hoxe é o noso último programa do curso 25-26. Neste día de San Xoán, Sonia Rey xunto ao seu alumnado de 4º de ESO despiden o programa coa Palabra do mes. 

Na primeira parte do programa, falamos con Neves Cando López, profesora de Lingua e Literatura Galega, que leva case 34 anos dando clase no IES Perdouro e decidiu xubilarse este mesmo curso. 

Na segunda parte do programa, imos conversar co profesorado de varios ciclos de formación profesional do noso centro, para que nos vaian informando da oferta académica de cara ao vindeiro curso. 

Falamos con Javier Rouco do departamento de Imaxe Persoal e con Juan Insua e Ana Patricia Anaya, do departamento de Administración.