Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/10/21

Proxecto Neo, 329.11: Cristian Gómez Mesa e Raquel Lopes Ramos




    Cristian Gómez Mesa estreouse en Proxecto Neo con 13 anos cando cursaba 2º de ESO. Despois de catro anos colaborando na locución e na produción, agora está aos mandos da realización técnica. Neste programa conversamos con el.

    Raquel Lopes Ramos é afrogalega. Chegou á nosa terra sendo unha nena de curta idade, retornou ao Atlántico africano, pasou alí uns anos e voltou de novo para Burela. Agora estuda o bacharelato. Con ela falamos dunha viaxe moi especial.

24/10/21

Proxecto Neo 328.11: Roberto Soto Santiago (IES PERDOURO)

 



Nacido na cidade de Ferrol, Roberto Soto Santiago estudou Enxeñaría Industrial nas ramas de Electrónica e Automatismos. A súa experiencia laboral, que comezou moito antes de alcanzar a licenciatura universitaria, pasou por ser autónomo no ramo da electricidade e a pintura industriais; na seguridade privada e na amplificación de concertos. Só despois entrou na docencia no nivel do Ensino Secundario.
Outra das facetas do noso convidado é a de músico, tamén a nivel profesional.

06/10/21

Proxecto Neo 327.11: Fernando Losada; Raquel G. Hermida; Aida Colmenero



Iniciamos a décimo primeira etapa cunha entrevista ao profesor Fernando Losada, docente de Bioloxía e comunicador radiofónico.
Raquel González Hermida presentounos o programa de actividades do Observatorio da Mariña pola Igualdade e convidounos a participar na xornada de dinamización artística "Ella Poema", dirixida por Aida Colmenero.
A propia Aida Colmenero concedeunos unha entrevista e nela conversamos sobre a formación artística que recibiu na Escola das Areas, no Senegal; do desenvolvemento profesional neste país; e tamén da experiencia de percorrer trece países do continente, o que lle serviu de inspiración para unha creación audiovisual que agora presenta en diversos lugares do mundo.