Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/10/14

Proxecto Neo nº 102.4 - Expedición galega en Praga (Nerea Isasti, Alberto Fernández, Lara de la Huerga e Aroa Álvarez)

O programa nº 102 chegou nun día especial, o 29 de outubro de 2014. Esa foi a data de comezo do obradoiro de comunicación radiofónica conducido ao unísono por Rubén Riós e Andrés Rozados. Un luxo que temos que agradecer a todo alumnado que participou no certame "O Galego na Onda"  promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Vaia, pois, desde estas liñas o agradecemento colectivo e a felicitación para Maka Ledo e Helena Valle, gañadoras da fase celebrada na Mariña.
Nunha data tan especial, propiciamos o descanso da nosa constelación para que estiven relaxados á hora de participar na xornada formativa. Desa maneira, a viaxe comezou unicamente coa Sra. Condutora, o Revisor, o Mecánico... e -evidentemente- a nosa Fotógrafa Oficial. Inmediatamente despois, recollemos catro viaxeiros: Nerea Isasti, Alberto Fernández, Lara de la Huerga e Aroa Álvarez.
Quen son?
Lean este informe e xa verán:

"En resposta á súa solicitude de información individual, teño a ben comunicarlle que me comprace enviarlla. Non o farei de xeito particularizado, porque non o creo necesario.
 Lara, Nerea, Alberto e Aroa son todos estudantes do segundo curso de Bacharelato. Elas e el comparten o sentido da responsabilidade -son persoas moi moi responsábeis- e comparten tamén as virtudes do esforzo e do saber traballar moi ben individualmente e en equipo. Todo isto unido a que son moi intelixentes dá como resultado que sexan alumnas e alumno brillantes tanto no escolar como no extraescolar”.

Pouco tempo nos fixo falta para saber que o informe era moi rigoroso. A participación dos catro foi antolóxica.

Finalizada a emisión, reunímonos co resto do equipo e saudamos os profesores visitantes, Andrés Rozados e Rubén Riós, que nos foron presentados por Noelia Lestegás (do Concello de Burela). Foi un encontro gratísimo do que dan boa mostra as moitas fotografías que fixemos.

Outra xornada máis para recordar!

22/10/14

Proxecto Neo nº 101.4 - Viviane Brito




Chegou o primeiro programa da cuarta etapa. Foi na tarde do día 22 de outubro de 2014. Nesta data recibimos no estudio de Radio Burela a visita de Viviane Furtado Brito, estudante do 1º curso de Bacharelato no Instituto Perdouro.
Abrimos esta nova entrega cunha música intercultural: a "Estreliña do Luceiro" interpretada por Milladoiro e a cantora canaria Olga Cerpa (integrante de Mestisay). Despois dun moi prometedor preámbulo en que evocamos a súa viaxe da Assomada a Burela -pasando por Lisboa e polo Porto-, Cesárea Évora animounos a falar con maior profundidade sobre diversos temas.
Tivemos tempo para avaliar os resultados académicos do alumnado procedente de Cabo Verde. Viviane fixo autocrítica e apostou por unha maior implicación das familias no proceso formativo dos seus fillos e fillas.
Durante a conversa tamén abordamos a situación socioeconómica das familias inmigrantes e coñecemos de primeira man como a nosa convidada contribúe na medida das súas posibilidades con recursos monetarios gañados por ela.
Xa contra o final, Viviane tamén nos falou de literatura e incluso nos recitou o "Deitado rente ao mar" de Celso Emilio Ferreiro. 

19/10/14

CUARTA ETAPA: Programa 101

O punto de partida foi explicado pola nosa Comandanta en Xefa: a profesora María José Andión Fontela, a quen recibimos falándolle como a unha irmá a través das palabras de Celso Emilio Ferreiro interpretadas por Mini e Mero. Era un 4 de xaneiro de 2012.
Unha semana despois, o día 11 -neste caso xa en directo-, conversamos demoradamente con Karina Parga Chao. Dedicámoslle o "Alalá das Mariñas" na voz de Uxía Senlle: "Teño unha casiña branca // na Mariña, entre os loureiros...".

E con estes precedentes... con quen comezaremos a cuarta etapa? Con quen conversaremos no programa 101?

Pois esta é a resposta:

Comezaremos ao grande. En feminino. En Feminino Neofalante. En directo. Directamente no estudio de Radio Burela.
Falaremos cunha Estreliña... e dedicarémoslle esta peza: https://www.youtube.com/watch?v=upKf6ZxtCro

Polo tanto, xa non hai enigma coa música!

Recordade: Mércores, día 22 de outubro, ás 5 da tarde. En Radio Burela, como sempre!

14/10/14

ESPECIAL 100

                  


O punto final da terceira etapa chegou xa no novo curso. Foi concretamente na tarde do 15 de outubro de 2014 e cun programa especial de dúas horas de duración. Aínda un pouco coa comida na boca, presentámonos no estudio de Radio Burela para ultimar os preparativos dado que xa levábamos dous meses sen facermos un programa xuntos. Simón púxose ao mando da sala técnica e Maca, Safou, Helena e Serxio mantivéronse no locutorio.
Ás catro da tarde, todo estivo preparado. Comezamos coa música de Roi Casal e Silvia Ferre, que despois nos concederon unha moi cariñosa entrevista. Tras escoitalos outra vez, nunha peza diferente, viaxamos a Rianxo para falarmos con Valentina Formoso, que nos presentou as liñas de traballo dos Equipos de Normalización de cuxa coordinadora ela é portavoz.
Contra o final da primeira hora, falamos con Valentín García Gómez -Secretario Xeral de Política Lingüística-, quen tamén nos transmitiu palabras de apoio, o mesmo que tiñan feito os contertulios anteriores. Só superficialmente tocamos temas espiñentos, mais fixemos por marcar unha nova cita para falarmos en profundidade. 
A segunda hora comezou coa entrevista a Miguel R. Penas, historiador, que nos atendeu en representación da AGAL, a entidade que promoveu a celebración do Día do Orgullo Neofalante, unha efeméride que nós tamén celebramos. Xuntos fixemos votos para que a próxima convocatoria sexa máis abranxente, de xeito que contribuamos a que o XXI sexa o século do Protagonismo Neo.
A seguir puxémonos en contacto con Marcos Maceira, da Mesa, que tamén nos atendeu coa máxima amabilidade. Falounos demoradamente sobre as actividades da entidade que preside e partillou connosco as súas reflexións sobre a situación xeral do idioma.
Na parte final falamos con empresas de enxeñaría lingüística: Silvia atendeunos desde a sede de Imaxín e Berto desde o estudio de A Navalla Suíza.
Seguindo a liña dos 99 programas anteriores, fixemos do 100 un novo punto de encontro.
Porque a prioridade nesta cultura está en conseguir fortalecer...
... xustamente iso: os puntos de encontro.