Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

30/10/19

Proxecto Neo, 276.9: Ruth Fidalgo Varela (locutora); Minda Lusquiños; Elena Samartino; Conchi Pernas



O programa 276 estivo dedicado ao Iº Curso de Língua, Literatura e Cultura de Cabo Verde. A primeira entrevistada foi Ruth Fidalgo Varela, colaboradora do Grandes Vozes do Nosso Mundo, o programa de contidos musicais dirixido por Marco Pereira.
Minda Lusquiños, Traballadora Social do Centro de Saúde de Burela, comentounos a súa experiencia na atención a inmigrantes.
A profesora Elena Samartino compartiu coa nosa audiencia o seu coñecemento de Cabo Verde, país en que exerceu a docencia dentro dun programa de intercambio educativo.
Finalmente, atendeunos Conchi Pernas Díaz -Técnica de Inmigración do Concello de Burela- que nos falou dos servizos que presta o servizo municipal para o que traballa.

23/10/19

Proxecto Neo, 275.9: António Firmino (prof. de lingua cabo-verdiana); Serafín Parcero (escritor)

Capa da obra de Serafín Parcero (Ed. do Peirao)



Programa 275. Celebrámolo co profesor cabo-verdiano Antonio Firmino e co escritor galego Serafín Parcero.Ao ritmo do Cabo Verde sabi, dos Diplomáticos (capitaneados nesta ocasión por Manolo Maseda), entramos na conversa co primeiro profesor de lingua cabo-verdiana nun curso celebrado na localidade de Burela.
Na segunda parte do programa, o protagonismo foi para o escritor Serafín Parcero, que presenta nova obra narrativa: Viúvas de vivos e de mortos.
O Dr. António Firmino no IES Perdouro durante a entrevista retransmitida ao vivo por Radio Burela

16/10/19

Proxecto Neo, 274.9: Dores Fernández Abel (Premio Mendinho); Rodrigo Costoya (escritor); Antón Niñe (ensaísta)



En caso de non haber outro instrumento cortante, sempre se pode procurar unha maneira "orixinal" de repartir unha regueifa, que resulta moi gorentosa despois das tensións do programa.

Dores Fernández Abel é a profesora do ensino medio galego con maior volume de alumnado na materia de Lingua Portuguesa. Con ela falamos do momento en que comezou esta experiencia didáctica (2012) e da evolución posterior. Foi con motivo do Premio Mendinho, que recoñece o seu extraordinario exercicio docente.

Desde Compostela, Rodrigo Costoya colaborou con nós facendo unha animación á lectura de Portosanto, primeira entrega dunha triloxía narrativa. A través da entrevista feita a dúas voces por Cristian Gómez e Nuria Ramos, soubemos que nas páxinas desta obra cobran vida Cristovo Colón e Pedro Madruga.

O profesor Antón Niñe convidounos á presentación de Navegando a bordo do San Lorenzo de Foz, un ensaio de temática histórica centrado no transporte de cabotaxe realizado neste barco feito nos estaleiros Gondán e con base en Foz.

09/10/19

Proxecto Neo, 273.9: Pilar Sampedro (F. Neira Vilas); Armando Requeixo (Museo Cunqueiro); Lupe Blanco (Enreguéifate)



A profesora Pilar Sampedro, en representación da Fundación Neira Vilas, falounos de "Co pai" (Ed. Galaxia), nova obra de publicación póstuma do escritor de Gres. Aproveitamos para divulgar a súa presentación no café A Sacabeira, de Sargadelos. Despois da "Derradeira elexía a Manuel Antonio", musicada por César Morám, o protagonista da conversa foi o profesor Armando Requeixo, que nos presentou o programa de actividades da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a celebrar entre os días 22 de decembro de 2019 e 28 de febreiro de 2020.
O terceiro dos contidos foi unha entrevista coa artista da improvisación oral Lupe Blanco. Con ela fixemos crónica do acto de entrega dos premios Mil Primaveras e adiantamos algo da gala Enreguéifate, a celebrar no Teatro Principal en Compostela.

02/10/19

Proxecto Neo, 272.9: Carme Vilariño (AS-PG); Chusé Raúl Usón; Antonio Ben





A profesora Carme Vilariño presentounos as bases do XVIII Certame "Tíralle da Lingua". Aproveitamos tamén para divulgar a convocatoria da nova edición do certame de Curtas ASPG e para dar a coñecer a iniciativa 70minutos.com, da que aínda falaremos máis nos próximos programas.
Desde Aragón, o escritor e editor Chusé Raúl Usón fíxonos unha radiografía da situación xeral da lingua aragonesa e inmediatamente despois presentounos a súa obra literaria.
Nos minutos finais, falamos con Antonio Ben, a quen transmitimos en vivo e en directo os parabéns polo magnífico resultado obtido polo seu fillo, o atleta Adrián Ben, nos campionatos mundiais de atletismo celebrados en Doha.