Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

06/05/26

Proxecto Neo nº 489.15 - Oficios

 
Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día, Mulleres na historia e unha Pílula das ciencias. 
 
Co gallo do Día Internacional dos Traballadores, en Proxecto Neo poñemos o foco en profesións de sempre, oficios que forman parte da nosa vida cotiá e da nosa memoria colectiva, pero que hoxe afrontan tempos difíciles. 
Nun mundo marcado pola inmediatez, pola compra rápida e polo impacto da fast fashion e das vendas por internet, moitos traballos artesanais loitan por sobrevivir fronte a un modelo de consumo cada vez máis acelerado. 
Hoxe queremos abrir os micros para escoitar a quen segue apostando polo coidado, pola calidade e polo valor do feito con tempo e experiencia. Falaremos cun zapateiro, cunha modista e cunha deseñadora, profesionais que coñecen de primeira man os retos dun presente que cambia a gran velocidade. 
Porque detrás de cada oficio hai unha historia, unha identidade e tamén unha reflexión necesaria sobre o futuro do traballo. 
Recibimos no estudio a Álvaro Álvarez Rego, zapateiro de Burela. Con el falamos da formación recibida para ser zapateiro, da atención ao cliente, dos zocos e calzado tradicional galego e da súa reconversión laboral. 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica coas deseñadoras téxtiles responsables de Antolinas Atelier. Sara Fernández Arias e Pili Arias Villajos son filla e nai e reuniron os seus saberes para dedicarse á alta costura no seu taller de Foz. Con elas falamos de deseño, de tecidos e da confección de vestidos de cerimonia, traxes tradicionais, traxes de Entroido, de época e mesmo de noiva.