Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
Mostrar mensagens com a etiqueta Dani Ladra. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Dani Ladra. Mostrar todas as mensagens

18/12/13

Proxecto Neo nº 74.3. Programa especial Boas Festas

Serxio Rivas, Aitor López e Simón R. Rouco nun momento do programa

ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

Continuamos aproximándonos ao número 75. Facémolo na medida en que vai chegando 2014. Neste programa especial Boas Festas contamos coa condución de Maca Ledo, que estivo asistida por Karina Parga só puntualmente. Despois da música de Berrogüetto, entramos de cheo nas entrevistas magnificamente feitas por Serxio, Aitor e Simón.
O primeiro convidado felicitounos as festas en punjabi, unha das linguas do Pakistán; despois recibimos unha nova visita de Dani Ladra, agora con destino en Avignon, onde dirixe un equipo de Fútbol Sala.
Ademais de escoitar os desexos de Boas Festas en francés, tamén o fixemos en ruso. Unha vez máis, visitounos Daria Baakteva e, como sempre, descubriunos os encantos do seu país.
No programa especial escoitamos tamén a música de Tino Baz, o cantautor da Guarda, que nos interpretou un tema típico do Nadal. Coa vibración positiva que nos transmitiu a súa música, recibimos a Tania Menéndez, licenciada en Filoloxía Inglesa e profesora en prácticas no Instituto Perdouro. Con ela conversamos sobre a aprendizaxe de linguas.
 Antes de marcharmos, recibimos o Apalpador e fixemos crónica dunha viaxe a Marrocos. Seis días na estrada: tres para ir e outros tantos para voltar. Co noso guía, marroquino, tamén percorremos os mercados da Mariña, de Ribadeo... a Cedeira.
Finalmente, tivemos unha visita especial: a do noso director, Santiago Pérez Docobo, que felicitou persoalmente o equipo polo desenvolvemento dos programas de Radio Escolar. 
Nos minutiños derradeiros, a despedida feita por Aitor López fundiuse cos acordes de Mamá Cabra.

19/06/13

Proxecto Neo nº 60.2 - Dani Ladra & Marisol Manfurada & Belén Regueira & Josefina O. Barcia

Para escoitar o programa, clique aquí.

Inmediatamente despois da entrada e do saúdo na voz de Aitor López, recibimos no estudio a visita de Dani Ladra. Para el foron os primeiros aplausos da tarde. Ben merecidos: polo título da liga e por toda a enerxía positiva que nos trouxo.
A modo de intervalo, deixámonos levar polo ritmo das ondas. Estivemos abalados polo "Venhem e vam" de Marisol Manfurada. Esta rapeira da Coruña -profesionalmente dedicada ao ensino da lingua inglesa- falounos da Feira da Cultura (o Cultur.gal) e da súa visión das necesarias relacións entre as actividades culturais e o rendemento económico. Defendeu o exercicio das artes como unha profesión que debe estar recompensada como o están as outras. Marisol foi comentando en anaquiños un texto seu, que foi posto na boca de Viviane Furtado e Laura Semedo Brito. Ela falaba de mediación e de interculturalidade... e nós puxémoslle o toque humanístico ao seu discurso. Noutras palabras: lévamolo á realidade. Todo cadrou moi ben, moi axustado.
Despedimos a entrevista con Marisol coa música de Mercedes Peón, a mesma que utilizamos para recibir cos brazos abertos outra coruñesa: a xornalista Belén Regueira, neofalante. Aitor quería intervir, mais non podía. Simón tiña a man levantada, mais Belén fluía. Non era río-Belén; era Oceano-Regueira. Impresionante! A Irmandade dos neofalantes urbanos está en marcha. Esa Irmandade é o "Máis alá" co que soñaba Manuel Antonio.
Foi unha conversa mínima. Curtiña. Como un aperitivo... antes da sobremesa. Porque na sobremesa chegou a conversa coa profesora que se ocupa do Servizo de Alfabetización das Persoas Inmigrantes. Josefina O. Barcia falounos dos seus seis anos de experiencia traballando con nenos e adultos procedentes de medio mundo. Foi a visita á cimentación da normalización en Burela.

10/04/13

Proxecto Neo nº 51.2 - Dani Ladra, Adrián Yáñez, Edu, Gonzalo Soto

Este é o programa en que lle damos a benvida a Dani Ladra, o director técnico do Baku United da liga inglesa de Futsal. A expedición británica está na Mariña para facer unha fase de preparación e aproveita para xogar varios partidos contra equipos de Viveiro e Burela. Ademais de con Dani, tamén falamos con Adrián Yáñez, futbolista de Viveiro; e con Edu, outro futbolista do equipo londinense, nacido en São Tomé e con nacionalidade portuguesa.
Pasado o ecuador do programa, falamos con Gonzalo Soto, un xornalista de referencia no ámbito da comunicación deportiva galega. Foi unha maneira de tributar homenaxe tanto a Gonzalo como ao programa Galicia en Goles, que case cumpre trinta anos de vida.

O contido do programa está aquí

06/03/13

Proxecto Neo nº 46.2 - Driss Daki & Dani Ladra


Mércores 6 de marzo. Comezamos cuns problemas técnicos e iso obstaculizou o ritmo da primeira parte do programa. Mais superamos a adversidade, porque tíñamos moita forza vital no estudio de Radio Burela. Con nós estiveron Xeila, Serxio, Alicia, Paulo, Andrés e Simón.
A primeira convidada foi a nosa ex-alumna Lucía RivasCon ela recordamos diversas vivencias, moi especialmente as relacionadas coa revista Maruxía.  Despois Lucía ocupouse de seleccionar e comentar a música do programa.
Coa condución de Simón falamos con Driss Daki, alumno de 4º de ESO do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. Este mozo leva dous anos en Galicia e deféndese moi ben no idioma galego. Foi moi capaz, incluso, de bromear con nós, xogando co dobre sentido da linguaxe.
Driss fai parte dun grupo de adolescentes e coordina tertulias especializadas na tématica de Xapón, moi especialmente do manga e do anime do país do sol nacente.
Na segunda parte do programa demos a coñecer o blog do escritor galego-arxentino Jorge Rodríguez. Inmediatamente despois, viaxamos a Londres para entrevistarnos con Dani Ladra, técnico do Baku United da liga inglesa de fútbol Sala. O rapaz de Celeiro abriunos o seu corazón. Falounos da súa familia, do Cefire de Fútbol Sala, da súa experiencia inglesa e de moitos asuntos máis.