Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

29/06/23

Proxecto Neo, 392: Christopher Reyes e Elena Pérez (IES María Sarmiento); Rosa Espiñeira (Biblioteca Maravilhas); Lionel Rexes



Abrimos o programa coa recomendación literaria feita pola profesora Inés Cortés, da Universidade da Coruña. Inmediatamente despois chegou o Momento RPA, desta vez protagonizado polo estudante Christopher Reyes Miranda e Elena Pérez, directora do Instituto María Sarmiento.
A música dedicada ás famosas Sete Mulheres do Minho, na voz do Zeca Afonso, abriu paso á conversa entre Ana Lestao e Rosa Espiñeira. A estudante debutaba como entrevistadora e a directora da Biblioteca Maravilhas facilitoulle moita información, a fundamental: a programación estival das actividades a realizar na Escola de Arroxo, en Lourenzá.
A 12ª etapa, correspondente ao curso 2022-23, levounos ás 392 semanas en antena. O protagonista da "sesión de clausura" foi o escritor Lionel Rexes, entrevistado por Carla Paz. Co cantar do galo ao fondo, coñecemos a Montaña do poeta e revisitamos a Raíña das velutinas.

Germán Quintana e Vreixo Cao durante a realización dun dos programas. A foto é de Lucía Rivas.


22/06/23

Proxecto Neo, 391: Aniversario RPA; Antón Becerra; Juliamny Godoy; Arcadio G. Novoa



Desta vez a Recomendación Literaria chegounos desde a Escola Pedro Caselles, de Xove. Foi na voz de Xacobo, profesor de Educación Física.
No momento do PROXECTO AMIGO emitimos o primeiro traballo co que debutaron nas ondas o día 21 de xuño de 2022.
Antón Becerra foi desta vez a primeira voz que nos falou en representación da comunidade educativa do Instituto Rafael Dieste da Coruña. A súa interlocutora foi Carla Paz, que debutaba nesta responsabilidade. Quen tamén debutaba na comunicación a través das ondas era JULIAMNI GODOY, que realizou unha brillante intervención.
Un programa así tiña que finalizar cunha coroa de loureiro. Así foi a entrevista que Nuria Ramos Cuba lle fixo a Arcadio Novoa, profesor de Filosofía e un dos integrantes do grupo OS AMIGOS DOS MÚSICOS.

Lucía Rivas recolleu para a posteridade esta imaxe da Masa Coral Modelo Burela só uns minutos despois de finalizar a retransmisión do programa do día 21 de xuño de 2023. Había moita alegría por varios motivos: a primeira entrevista de Carla Paz, a participación ao vivo de Fernando Losada, o regreso de Serxio, a felicísima improvisación de Vreixo Cao Lamelas e os ecos das palabras de Antón Becerra, Juliamni Godoy e Arcadio G. Novoa.


15/06/23

Proxecto Neo, 390: Eva Mejuto; Patricia González Mota, "Peque"; Jusvely Godoy; Dani Vilares


Abrimos o programa cunha Recomendación Literaria do profesor Luís Escolar, do IES Marqués de Sargadelos. A seguir recibimos a colaboración de Iago Mon, estudante de 1º de Bacharelato, que nos achegou unha nova entrega de Música para o Estudo da Historia. O Espazo RPA estivo dedicado á escritora Eva Mejuto, con motivo da súa visita ao Instituto María Sarmiento.O primeiro dos tres contidos centrais foi unha entrevista de María Fuente a Patricia González Mota, "Peque". A estrela do Burela FS fixo un emotivo repaso do seu longo paso pola nosa terra.
As seguintes entrevistas estiveron dedicadas á intervención educativa do Instituto Rafael Dieste da Coruña. Esta semana o protagonismo centrouse en Jusvely Godoy e Dani Vilares.




08/06/23

Proxecto Neo, 389: Andrés Calderón (Aquí tamén se fala galego); Fran R. Torrón (Franfret Handmade Guitars); Carla Paz


Johan é profesor auxiliar de Lingua Inglesa no Instituto María Sarmiento de Viveiro. Por xentileza da Radio Proxecto Amigo (RPA), puidemos reproducir unha entrevista con el.O espazo da Música para o Estudo da Historia viaxou ao Valadouro, desde onde colaborou Laura Prado Chao.
O protagonista da primeira entrevista foi Andrés Calderón, estudante do Instituto Rafael Dieste, da Coruña. Estivo con nós para presentarnos a intervención académica que leva por título "Aquí tamén se fala galego".
Para complementar este mesmo tema, tamén entramos en contacto con Fran R. Torrón, luthier con obradoiro na cidade coruñesa e unha das persoas colaboradoras desta campaña.
Na última parte do programa atendeunos Carla Paz, que nos falou de Literatura e Artes Plásticas.

Cartaz anunciador da intervención educativa promovida polo 
IES Rafael Dieste


01/06/23

Proxecto Neo, 388: Yolanda Fernández; Ana Lestao; Ana Fernández Melón


Yanira Lopes Martíns conduciu unha nova entrega de Proxecto Neo. Coa axuda de Hugo, Sara e Germán, presentaron os seguintes contidos:- a recomendacion literaria de Carmen García, profesora de Lingua e Literatura Castelá.
- unha nova entrega da colaboración coa emisora Radio Proxecto Amigo, do Instituto María Sarmiento.
- o espazo "Música para o Estudo da Historia", con participación de Ana Freire Rancaño.
- e tres entrevistas a:
1.- Ana Lestao, gañadora do Certame Eu son Pilabot.
2.- Yolanda Fernández, profesora especializada en Educación Emocional.
3.- Ana Fernández Melón, poeta, autora do libro: 1977-2023.
No programa 388 visitounos a escritora Ana Fernández Melón, que nos presentou un libro de poesía


25/05/23

Proxecto Neo, 387: Música para o estudo da Historia; Masa Coral Modelo Burela; Luís Álvarez Pousa


O 387 é un programa de estreas por partida dobre: primeiro unha sección dedicada á Música de contido histórico e despois un espazo de colaboración coa RPA, a emisora educativa do Instituto María Sarmiento.
Ademais da tradicional recomendación literaria, que nesta semana nos trouxo Maite Lanza, viaxamos aos Peares para falar con Germán, Sara, Hugo e Carmen Sampedro, integrantes da Masa Coral Modelo Burela, que participan nun curso de inmersión lingüística en inglés.
No último cuarto do programa presentamos un novo libro de Luís Álvarez Pousa: MEDIOS E POLITICOS BAIXO SOSPEITA (1990-2023), editado por Laiovento.





11/05/23

Proxecto Neo, 386: Francisco Basanta (IES M. Sarmiento); Marta Pérez Grossi (USC)






Nuria Ramos Cuba regresou ao programa e fíxoo ao estilo Masa Coral: coa roupa de traballo e a disposición para colaborar. Súa foi a primeira das entrevistas, a que tivo como protagonista o profesor Francisco Basanta Barro (unha das grandes referencias do deporte galego, tanto como futbolista como preparador técnico). Despois das palabras do coordinador da expedición de radiofonistas, interviron tamén dous profesores e dúas alumnas.
Na segunda parte do programa, Hugo F. Galdo conversou coa profesora Marta Estévez Grossi, docente nas Universidades de Santiago de Compostela e Hannover. O tema de conversa é a mediación comunicativa, especialmente protagonizada por mozas e mozos na etapa da adolescencia.


04/05/23

Proxecto Neo, 385: Mónica Antelo (IES RAFAEL PUGA); Rosa Espiñeira (Biblioteca Maravilhas); Ana Orol e Fábio Barros (IES PERDOURO)



Coa música de Brais Morán, entramos nunha entrevista a Mónica Antelo, estudante de 1º de bacharelato no Instituto Rafael Puga Ramón, da Coruña. Con ela falamos do seu primeiro libro: Por que a terra é redonda?, que foi editado con fins benéficos.
Pola súa parte, Rosa Espiñeira Pan, da biblioteca Maravilhas, con sede na Escola de Arroxo (Lourenzá), presentounos este centro cultural e convidounos a visitar a exposición Palabra e Memoria, que recolle 23 fotografías de lápidas con epitafios.
Na terceira parte do programa, os protagonistas foron a profesora Ana Orol e o estudante Fábio Barros, participantes nunha viaxe educativa por Portugal.

Finalizada a emisión, o pintor Jesús San José Arranz entregou un obsequio a Lucía Rivas como recoñecemento ao traballo de divulgación das actividades culturais convocadas en Burela. Sobre unha superficie en madeira, unha fotógrafa ten no seu obxectivo unha pintura sobre pedra: o faro no momento do amencer.







27/04/23

Proxecto Neo, 384: Miruca Parga; Mónica Alonso; Pedro Jorge Pereira; Antía Neira Fraga; Mateo Corral Caamaño


A profesora Miruca Parga recomendounos a lectura dun libro de Rosa Aneiros: Resistencia, narrativa en homenaxe á revolución do 25 de abril.
A segunda colaboración foi preparada pola tamén profesora Mónica Alonso, da área de Educación Física. Neste caso fainos crónica da presenza na Mariña dun Grande Mestre do TAI CHI.
A música dos Azeitonas abriu ás portas a unha conversa con Pedro Jorge Pereira, responsábel da empresa Slow Motion Tours. No dia 23 de abril, Pereira participou nunha palestra no Centro Social Xebra para realizar unha análise Eco-Social da cidade do Porto nas décadas mais recentes. Este guía de visita, que colabora con institutos e escolas oficiais de idiomas de toda a xeografía galega, organiza roteiros e programas turísticos alternativos. Con eles pretende proporcionar unha forma diferente de coñecer e envolverse nas realidades locais.
Con Antía Neira Fraga, do Barral de Cima (Mondoñedo), falamos dos estudos de Sanidade Animal no Instituto de Fonteboa, en Coristanco. Ao mesmo tempo, tamén fixemos referencia á súa granxa familiar con sede na parroquia natal; e mesmo dedicamos uns minutos ao concurso de razas animas celebrado na cidade de Xixón.
Nos minutos finais recibimos tres novas voces: a de Mateo Corral Caamaño, Vreixo Cao Lamelas e Celtia Gallo Gasalla.





20/04/23

ENTREVISTAS CON DIEGO

 Diego Madarnás é estudante no Instituto do Milladoiro. Desde que entrou no ensino secundario colabora na radio escolar. Para alén de dirixir o seu propio programa, tamén colabora noutros e tamén se ocupa da xestión dos medios técnicos.

Este é o canal en que están recollidas as diferentes entregas do seu programa: Entrevistas con Diego.


Diego Madarnás entre unha compañeira e Bernardo Penabade durante un momento de descanso do encontro Enreguéifate, celebrado en Santiago de Compostela.

Proxecto Neo, 383: Jorge F. Viso, Noel Cayón e Óscar F. Aldana (S.D. Porto de Burela); Diego Madarnás (IES Milladoiro)


O grupo de estudantes no momento da entrevista. Yanira Lopes e Sara Villarquide conduciron as conversas e Hugo Fernández fixo a locución narrativa. Nesta ocasión a fotógrafa foi Carme Gallo Gasalla.



Tres futbolistas escollidos para a selección sub-13 representativa da provincia de Lugo (Jorge Fernández Viso, Noel Cayón Meitín e Óscar Fustes Aldana) foron entrevistados nunha das aulas do instituto durante o tempo de recreo. De conducir o espazo ocupouse o seu compañeiro Hugo Fernández Galdo; Yanira Lopes Martins e Sara Villarquide Fraga dirixiron as conversas. De fondo escóitanse os ruídos propios dun momento de descanso, mais a entrevista gaña en espontaneidade.
A conversa gravada é un documento moi interesante tanto para o deporte como para a cultura e a educación.
Na segunda parte do programa conversamos con Diego Madarnás, de 4º de ESO, un magnífico exemplo da pedagoxía que se está aplicando neste momento no Instituto do Milladoiro.
O protagonista da última entrevista é Germán Quintana, de primeiro de ESO, un dos integrantes dun grupo de improvisadores que participou con éxito no certame Enreguéifate.

Germán Quintana, habitual entrevistador, foi un dos entrevistados.
A fotografía é de Lucía Rivas.

Óscar Fustes Aldana foi entrevistado por Sara Villarquide.

OUTRAS REFERENCIAS





12/04/23

Proxecto Neo, 382.12: Maribel Crecente; Antonio Reigosa; Luísa Diéguez


A recomendación literaria da profesora Maribel Crecente abre o programa 382. O primeiro entrevistado foi o escritor Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo. Convidounos ao acto de homenaxe a Cándido Carreiras a celebrar o próximo día 15 de abril, coa inauguración dun monumento funerario no cemiterio civil da localidade.
Na segunda parte do programa falamos con Luísa Diéguez, profesora no instituto Rafael Puga Ramón e autora dunha exposición fotográfica centrada na deturpación da toponimia galega.

29/03/23

Proxecto Neo, 381.12: M. Barrientos + Esp. IES M. Sarmiento (Vítor Rolle; Noa Suárez; Candela Villarmea; Mateo Rubal)

 

Despois da Recomendación Literaria de Gonzalo Ruíz Liso, abrimos o programa cunha nova entrega do espazo “Si. Muller. Deporte”, que estivo protagonizado protagonizado por Mercé Barrientos Varela, unha das máximas autoridades do taekwondo galego.
 Xusto despois desta entrevista, tivemos un programa dedicado integramente ao Instituto María Sarmiento de Viveiro. Primeiro falamos con Vítor Rolle, o cantineiro; máis tarde estivemos en conversa con Noa Suárez, alumna de 2º de ESO; e a seguir conversamos con Candela Villarmea, xogadora de baloncesto.
 Xa no final do programa, o noso contertulio foi Mateo Rubal, moi coñecido, pola súa participación en certames internacionais de soldadura.

23/03/23

Proxecto Neo, 380.12: Vanesa Vila-Verde; Uxío Alho; Cultura Marítima




Abrimos o programa coa recomendación literaria feita pola profesora María Dolores Reimunde Noreña.
Despois da música, reproducimos unha entrevista coa profesora Vanesa Vila-Verde. Esta peza informativa, realizada por unha unidade itinerante da Radio Galega, foi emitida en directo desde o patio do Instituto Perdouro no momento en que se estaba desenvolvendo o Día da Literatura Cabo-Verdiana.
A entrevista central do programa estivo protagonizada por Uxío Alho, da empresa Maruxío. Ademais de falarnos das galletas artesás que fabrican na Estrada, o convidado falounos tamén da Escola de Embarcacións Tradicionais da Illa da Arousa.

16/03/23

Proxecto Neo, 379.12: Daniela de la Plaza (C.A. "Maderas Barcia"); Dane G. Níñez (VIVEMAR); Francisco Pereira


Daniela de la Plaza, de 9 anos, estudante na Escola da Península da Paz, mostrounos oito medallas conseguidas en diferentes probas deportivas.
A atleta do "Maderas Barcia - Cervo" destaca nas carreiras de lonxitude (dos 50 aos 1000 metros), nos saltos e nos relevos.
Dane García Níñez presentounos os Encontros de Cultura Marítima a celebrar no Museo do Mar, en San Cibrao, o día 18 de marzo.
Nos minutos finais reproducimos unha entrevista realizada pola Radio Galega ao profesor e deputado Francisco Pereira, da Universidade de Lausanna, que nos acompañou na celebración do 1º Día da Literatura Cabo-Verdiana.

09/03/23

Proxecto Neo, 378.12: Mar Álvarez (Nós Diario); Íker Trilllo; Loli Blanco (IES Eusebio da Guarda)

 

Abrimos o programa cunha recomendación literaria da profesora Ana Vázquez, que nos levou ao sécuo XIV a unha abadía situada nos Alpes.
A protagonista da primeira conversa foi a xornalista Mar Álvarez, do Nós Diario. Alén de nos presentar o xornal e o perfil da súa equipa de redacción, falounos sobre os contidos especiais que publican con motivo da semana da imprensa na escola.
A profesora Loli Blanco, profesora de Física e Química no Instituto Eusebio da Guarda, falounos da súa evolución lingüística.

02/03/23

Proxecto Neo Proxecto Neo, 377.12: Noemí Cortés; Miguel Rodríguez; Jesús San José


A xogadora e treinadora Noemí Cortés falounos sobre un deporte até agora pouco coñecido: o softball. Despois de nos ofrecer as explicacións técnicas, coñecemos en primeira persoa as vivencias dunha persoa que leva practicando e ensinando este deporte durante varios anos.
O historiador Miguel Rodríguez, de Ferrol, falounos da súa cidade e tamén da súa experiencia pedagóxica.
Jesús San José visitou o estudio de Radio Burela para presentarnos unha exposición de pintura, aberta ao público entre os días 3 e 24 de marzo.

16/02/23

Proxecto Neo, 376.12 (O PROGRAMA DA PONTE): Gerardo Feijó (Ponte nas Ondas); Eduardo de Martís (Galicia Latente); Silvéria Rocha; Noely Borges


Comezamos o programa coa estrea da Ponte, a nova música da Ponte nas Ondas para celebrar o Día Mundial da Radio. Este novo tema musical, transfronteirizo, é o resultado do traballo conxunto dunha galega (Uxía Senlle), unha portuguesa (Celina da Piedade), un brasileiro (Chico César) e un mozambicano (Cheny Wa Gune).
Na segunda parte do programa coñecemos a realidade da Galicia Latente coa presentación do seu director, Eduardo de Martís.

09/02/23

Proxecto Neo, 375.12: Lucía Roldán (IES Arteixo); Carla Dopazo (IES Eusebio da Guarda); Íker Trillo; Moustaphá Sarr; Vanesa Vila Verde



Lucía Roldán, do IES de Arteixo, fíxonos a recomendación literaria da semana. Xusto despois, entrou Berto así ao estilo volcánico. Era unha maneira de introducir a entrevista con Carla Dopazo, do IES Eusebio da Guarda.
Na parte central do programa estivemos con Íker Trillo, que dentro duns días participará co equipo de Valencia na final dun campeonato de baloncesto en Barcelona. Con el estivo Moustaphá Sarr, que nos presentou o primeiro programa radiofónico da súa autoría.
A profesora Vanesa Vila Verde presentounos a Iª edición do Día da Literatura Cabo-Verdiana a celebrar en Burela o próximo día 14 de Marzo.

02/02/23

Proxecto Neo, 374.12: Efigenia Maseda; Iván G. Lanzas (IES Pedra da Auga); Noa Castro (CT Barreiros); Manuela Seijo e Marina Rubal



Efigenia Maseda, profesora de Latín e Grego, abre o programa coa súa recomendación literaria e dá paso á música de Fátima Pego e DJ Sonic.
O profesor Iván G. Lanza do IES Pedra da Auga, de Ponteareas, falounos da súa experiencia como neofalante. Este profesor de Formación e Orientación Laboral (FOL), nacido en Madrid, incorporou ao seu repertorio o idioma galego xusto en quinto lugar.
Noa Castro é integrante do Clube de Teatro de Barreiros. Visitounos no estudio e presentounos a entidade en que está recibindo formación en materia de dramatización.
A última das entrevistas tivo tres protagonistas: dúas presentes e outra en situación de suxeito elíptico. Manuela Seijo e Marina Rubal presentáronnos un audiovisual dedicado á profesora Cándida Campos e por elas producido, guionizado, gravado e montado.

25/01/23

Proxecto Neo, 373.12: Manuel Piñeiro (ROGA COLECTIVA); JOZI OLIVEIRA (BURELA F.S.); Víctor López (EMB)


Momento en que é entrevistada Jozi Oliveira, do Burela FS

Carme e Sara entrevistan o seu compañeiro Víctor López



O historiador Manuel Piñeiro presentounos unha nova asociación defensora do patrimonio: A ROGA COLECTIVA, que recentemente fixo público un manifesto fundacional e que nós daremos a coñecer a través das redes sociais.
Despois de falarmos de TRABALLOS COMUNITARIOS, tivemos unha nova entrega do espazo que leva por título "Si, Muller! Deporte". A convidada nesta iniciativa incluída nos "365 días de respecto e igualdade" foi Jozi Oliveira, unha das estrelas do Burela F.S.
Xa contra o final do programa, estivo con nós Víctor López, estudante de primeiro de ESO, que nos falou da riqueza paisaxística e patrimonial da comarca ancaresa.

18/01/23

Proxecto Neo, 372.12: Marta Rodríguez (IES Eusebio da Guarda); Carme Cociña



Marta Rodríguez, de 17 anos, estuda o 1º curso de bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda, da Coruña. Nós falamos con esta representante da Xeración das Galescolas, xusto no momento en que están chegando á maioría de idade. Unha entrevista recomendada para ser escoitada por alumnado, polas familias e por todo o profesorado (moi especialmente o das Linguas e o implicado nos ENL).

Na segunda parte do programa a protagonista foi a profesora Carme Cociña, que acaba de terminar o período docente. Con ela falamos sobre docencia e evolución do idioma galego desde 1975 á actualidade (didáctica da lingua e da literatura, xestión escolar, equipas de normalización...).



12/01/23

Proxecto Neo, 371.12: Yanira Lopes Martins; Cristian G. Mesa; Serxio A. Mon; Jessica Fernández



Certísimo: Se non saes... non podes entrar de novo. Esa é a idea central do audivisual Si ka badu, ka ta biradu, de Sonia Díaz e Óscar Vázquez. Nós quixemos coñecelo desde dentro e desde a óptica dunha das protagonistas, a estudante de Yanira Lopes Martins. Con 12 anos, fala con toda a forza que se recolle nesta gravación.
Máis tarde, Cristian Gómez Mesa falounos do Certame Galego de Regueifa, un festival competitivo celebrado no Pazo da Cultura de Carballo; e Serxio A. Mon deunos a coñecer as súas impresións sobre un audiovisual dedicado á profesora Cándida Campos Crecente.
A última parte do programa tivo de protagonista unha das redactoras do www.neofalantes.gal. Jessica Fernández atendeu a nosa chamada.

SI KA BADU, KA TA BIRADU


NOVA INCORPORACIÓN
ao programa
DJENNIFER de BRITO SEMEDO
(11/01/2023)

Nacida en 2005 na localidade de Fonte Lima, municipio de Assomada, na illa caboverdiana de Santiago, Djennifer de Brito Semedo é estudante do segundo curso de Formación Profesional Básica na modalidade de Servizos Administrativos. 
En Burela, a onde chegou en 2014, realizou estudos da etapa do ensino primario e agora realiza os do nivel secundario. Desde a infancia, participa no cadro artístico do grupo Batuko Tabanka.




04/01/23

CELEBRAMOS o 11º ANIVERSARIO EN CONVERSA CON ANXO RIVAS (de RADIO FOZ)



Anxo Rivas fala con Bernardo Penabade no día en que a emisión de Proxecto Neo alcanza os 11 anos de emisión continuada.
Durante 15 minutos fálase de como naceu o programa, dos obxectivos con que foi deseñado e das metas alcanzadas durante todo este período de tempo.
Xunto coas emisións de Proxecto Neo e Grandes Vozes do Nosso Mundo, a equipa Modelo Burela colaborou con diversas entidades e realizou ducias de programas non regrados.